Os xestores culturais propoñen un debate sobre a cultura

Para alén da crise económica, a cultura galega sofre eivas de falta de planificación e de estratexias. Esta é a base de Pensamentos sobre que facer coa cultura?, o documento que presentaba esta mañá en Compostela a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural. Segundo sinalou Sergio Lago, vocal da entidade, os problemas do sector están a incidir negativamente no dereito dos cidadáns a acceder á diversidade cultural, que, lembrou, “está recoñecido na constitución”.

O texto divídese en tres partes centradas cada unha na relación entre cultura e sociedade, o aspecto económico do sector e as políticas culturais. Segundo sinalaron os responsables da asociación, o documento non só fai unha diagnose senón que quere propor medidas. Desde a redución do IVE para as actividades culturais ata a solicitude de que se aproveite o feito diferencial galego como un potencial económico, a maior parte das propostas céntranse nos eixes de solicitar unha maior planificación, procurar o diálogo coa sociedade e abrir a xestión de espazos públicos infrautilizados, e procurar a transparencia e a responsabilidade social na xestión.

O documento que presentaban hoxe foi froito do debate interno no seo da asociación e é intención dos xestores culturais continuar a análise mediante encontros coa administracións, colectivos profesionais e asociacións.

Fonte: Culturagalega