Conta a lenda que na parroquia de San Xulián de Bastavales, concretamente no castro de Beca, tiña a súa residencia a Raíña Lupa na época en que o Apóstolo Santiago foi enterrado en Compostela. Pénsase que este Castro Lupario, ou Castro de Beca, puido ser a capital da tribo prerromana dos Amaeos, pertencente ó pobo dos Caparos.

Nese lendario lugar é onde Xela e os seus amigos Fuco, Carlos e Ana intentarán resolver os misteriosos movementos de persoas que desaparecen da vista cando alguén se achega  ás súas ruínas.

Con Catro pedras vellas, o último libro publicado na colección Meiga Moira, Baía Edicións trasládase, da man de Pere Tobaruela, aos lugares do noso imaxinario colectivo. Unha boa oportunidade para profundar nas nosas orixes prerromanas, saber algo máis desa misteriosa raíña con nome de lobo e de paso, visitar o fermoso val da Amaía.

Fotomontaxe: Fermín Durán Álvarez