Política ambiental?

As políticas dos gobernos conservadores non son, tradicionalmente, boa cousa para o contorno natural. Non é gratuíta a aseveración, pois aí están as hemerotecas para o certificar e, máis unha vez, o goberno conservador de Mariano Rajoy certifícanos o dito.

De primeiras o “Medio Ambiente” relégase no novo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e, de segundas, a acción lexislativa do goberno español non fai máis que abondar no abandono das políticas proteccionistas ou, simplemente, para nada respectuosas co ambiente natural: a consigna é sacrificalo en aras do “crecemento económico” en base a un desregulamento severo.

A nova Lei de Costas desartella as restricións da anterior norma e levanta a veda da urbanización “á carta” por parte dos Concellos, da privatización dun litoral que se viña considerando de uso público e a “desafectación” para aqueles espazos que perderan as súas características naturais… por vez de restauralos.

A normativa estatal de Espazos Naturais vai ser tamén revisada polo Ministro Cañete,  seguramente á baixa, hase ver! e, en materia de calidade do aire “estabeleceranse obxectivos realistas”, que non significan outra cousa que se contaminará sen medo a violar a normativa e se “simplificará e racionalizará” o procedemento de avaliación ambiental. En realidade o que se está a facer xa agora é botar enriba das entidades naturalistas/ecoloxistas a responsabilidade no tema, co perverso mecanismo de comunicarlles que se vai realizar determinada obra, co fin de que presenten alegacións… de non ser así enténdese que dan a súa conformidade ao proxecto e non se realizará, por parte da administración, avaliación ambiental ningunha. Pretenden converter a estas entidades en “xestorías” de facto e botarlles enriba unha responsabilidade que lles sobarda.

Actualmente o Estado español é, tras do Xapón, o segundo que máis “dereitos de emisión de CO2” realizou, para compensar o exceso no cupo asignado como asinante do Protocolo de Kioto. Neste aspecto o goberno parece querer acometer novas políticas que reduzan as emisións, para tentar cumplir os compromisos adquiridos (15% das emisións con respecto a 1990).

O Plan de infraestruturas gobernamental abonda na política de asfaltado do territorio e na aposta polo transporte privado, por vez de abordar de vez a potenciación do transporte de mercadorías e persoas en tren e con transportes colectivos.

A Enerxía Nuclear, a pesar do cerre anunciado da Central de Garoña, volve ameazar o noso futuro e as enerxías alternativas sufriron un serio revés, ao lles ser retirado o plus á produción que lles estaba a dar un pulo sen precedentes.

En Galiza a Consellería do Mar ameaza a continuidade das Reservas mariñas de Os Miñarzos e Cedeira, ao eliminar a vixilancia que efectuaba a empresa estatal TRAGSA e iso a pesares de terse comprometido a elo coas Confrarías respectivas. Estas Reservas foron seleccionadas entre os mellores 10 proxectos na Cumbre de Rio+20 e louvadas polos dirixentes dos países participantes no encontro altermundista.

E tamén Galiza, segue a ser das Comunidades autónomas con menor porcentaxe de espazos protexidos: a poposta de ampliación dos LIC (Lugares de Interese Comunitario) vése moi reducida con respecto á proposta do  anterior Goberno bipartito, que non deu aprobado a mesma, e introduce a posibilidade de implantar explotacións de acuicultura en áreas protexidas, alén doutras “interferencias”.

En suma: políticas regresivas e agresivas social e ambientalmente, a prol de enxugar o déficit, socializado, das entidades bancarias.

Fonte: Calros Silvar