PuntoGAL, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e Festival de Cans optan ao Premio do Público Culturgal

Culturgal bota a andar nesta nova edición un premio que se outorgará a unha iniciativa novidosa que se escollerá por votación popular entre tres candidaturas que a organización escolle. A Asociación PuntoGAl, o Festival de Cine de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra son, nesta primeira edición as tres candidaturas propostas pola organización para optar á primeira edición do Premio do Público Culturgal.

A votación comezou o venres día 25 de outubro e prolongarase até o 15 de novembro, periodo no que se poderá optar entre estas tres iniciativas seleccionadas pola Asociación Culturgal de entre as propostas polos diferentes gremios de industrias culturais que toman parte na súa directiva. A votación está aberta na páxina de Culturgal e a única limitación é que só admitirá un voto por IP. O premio entregarase nun acto público na propia feira o domingo día 1 de decembro.

Para a escolla das distintas iniciativas, a directiva optou por valorar o carácter novidoso e a súa proxección de futuro, a condición transversal e que fomenten a implicación social. Os votos recibidos na páxina de Culturgal serán os que decidan a iniciativa gañadora desta primeira edición do premio.

Desde a organización de Culturgal destacan da Asociación PuntoGal o seu traballo de cara a “consecución dun dominio propio” que recibiu a aceptación do ICANN no pasado mes de xuño. En canto ao Festival de Cans, que chegará no 2014 a súa décima edición, valoran o se tratar dun festival transversal “que apoia o asociacionismo a través da implicación de todos e que logra cada ano reunir milleiros de persoas combinando cine, concertos, desfiles de chimpíns, pasarrúas, coloquios e moita festa”. Con respecto ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil promovido polo Concello de Pontevedra, que se celebra no Pazo da Cultura, o mesmo recinto que o Culturgal desde o 1999, destacan que “mantén unha identidade vinculada ao libro. En todos os formatos, sen límite á imaxinación, pero sempre o libro.”

Fonte: Sermos Galiza