Rubén Martínez gaña o Risco de literatura por «As escaleiras do gran hotel»

O xurado do XIV Premio Risco de Creación Literaria acordou, na noite de onte, conceder o galardón deste ano á obra As escaleiras do gran hotel, do historiador Rubén Martínez Alonso. A decisión foi adoptada por maioría, logo de máis de dúas horas de deliberación, en na acta saliéntase «a gran calidade das obras presentadas» nesta edición. O número de orixinais a concurso foi de trece e o xurado estivo composto por Ana Garrido, Xoán Carlos Feixoo Mirón, Serafín Alonso Pintos, Ánxela Gracián e Alberto Ramos, gañador da pasada edición.

As escaleiras do gran hotel compón «unha trama de intrigas políticas e ideolóxicas previa á Segunda República. A protagonista é unha feminista adiantada ao seu tempo que racha co modelo familiar da época e soña cun futuro de independencia económica e intelectual», segundo recolle o fallo. O xurado sinalou, logo da xuntanza, que a historia recrea o ambiente do Balneario de Mondariz.

O Premio Risco de Creación Literaria está convocado polo Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. Orixinariamente naceu vencellado á literatura fantástica, aínda que no 2006 pasou a ser só de «creación literaria». Está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.

Fonte: La Voz de Galicia