SER LIBRIS, unha nova especie

A Asociación Galega de Editores, conscente da necesidade de priorizar os recursos en función das repercusións que a crise económica e de consumo está a ter nas canles comercias e tradicionais do libro, acordou realizar unha campaña publicitaria, SER LIBRIS, consistente nun spot no que o novo ser se manifesta tal cal é, coa súa humanidade pegada ao libro e ás lecturas, un SER LIBRIS lector, crítico, libre, intelixente, creativo e contaminador de enerxias lectoras renovadas. Os editores apostan por promover ese SER que debulla roteiros imaxinarios e innovadores, que é capaz de mudar a terra, a contorna, e vida cotiá da xente. O spot foi presentado en CULTURGAL o sábado 1 de decembro.

SER LIBRIS comezou o día 22 de novembro co espallamento de seis imaxes acompañadas de diversas mensaxes relacionadas coas necesidades do novo SER, mensaxes que os editores e outros axentes do sector axudaron a difundir polas redes sociais. A campaña implica tamén aos libreiros, que contan xa co seu propio cartaz para os seus escaparates ou taboeiros, amais de 2.000 chapas coa lenda: Eu tamén son SER LIBRIS e habito nas librarías.

Esta acción forma parte dunha serie de iniciativas que os editores comezaron a levar adiante no ano 2012, e das que tamén forma parte o Outlet do Libro Galego, marca rexistrada polos editores galegos. Outras semellantes serán postas en marcha durante o ano 2013 en colaboración con outros colectivos do sector.

En vimeo -Ser libris

Fonte: AGE