Artigos

Preséntanse as programacións para o Día do Libro

A celebración, o vindeiro 23 de abril, do Día do Libro, está a animar a axenda cultural do país. Na coruña, o concello presentaba onte unha programación que inclúe a celebración da Festa do Libro, coa instalación de postos de venda e a realización de actividades nos Xardíns de Méndez Núñez desde hoxe. Outros actos previstos son a lectura pública dun manifesto e actividades nas bibliotecas completan as propostas para esta festa. Ademais, o 23 de abril comeza unha nova xeira do ciclo Poetas Di(n)versos, que arrincará con Veronika Dintinjana e Lino Braxe e continuará con Mark Strand e Cesáreo Sánchez Iglesias (21 de maio) e con Sudeep Sen e Francisco Fernández Naval (11 de xuño).

Pola súa banda, a Deputación da Coruña presentaba onte a III Semana do Libro e da Lectura, un programa que recupera a temática do Salón do Libro de Pontevedra e que terá nas supersticións o seu eixe deste ano. Entre o 22 e o 28 de abril, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá contacontos, exposicións, maxia e outras actividades.

En Gondomar iniciaban xa o pasado día 17 a V Semana do Libro e da Lectura, que ten como principal evento a celebración dunha sentada lectora na alameda local. Con este evento quérese reivindicar publicamente o acto de ler baixo o leme Onde hai libros hai futuro!.

A coincidir con esta data, o Concello de Santiago presentaba esta semana a súa Campaña de Animación á lectura en colaboración coa editorial Kalandraka. Contacontos, obradoiros de escrita creativa e de ilustración ou exposicións son algunhas das actividades que se realizarán ata o final do vindeiro mes de maio. Esta campaña súmase á de animación lectora que se está a realizar nos centros socioculturais da cidade.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, participa no Bookcrossing mundial que se celebra con ocasión desta data e distribuirá mañá 5.000 volumes a través de museos para que o público os deixe onde queira e difunda así a lectura.

Fonte: Culturagalega