Entradas

Hoxe celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. Neste día, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

Nese día celébrase o aniversario da morte do Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Que podemos aprender do Día da Paz?

Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.

O Día da Paz, pola súa temática xeral de non violencia, resolución de conflitos e convivencia, pode traballarse en todos os niveis educativos desde Educación Infantil ata Bacharelato.

“Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz” (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

Óscar Villán ofrece unha charla na Biblioteca Miguel González Garcés

Charla de Óscar Villán sobre o debuxo para os libros este sábado

O ilustrador Óscar Villán ofrece a súa perspectiva sobre o traballo de debuxantes con estilos e puntos de vista diverxentes, coa intención de mostrar o amplo abano de posibilidades que ofrece o mundo do ilustración para libros.

Esta actividade forma parte do programa Ler conta moito de dinamización lectora, da Rede Galega de Bibliotecas de Galicia e coincide coa celebración do Día da Ilustración, o 30 de xaneiro.