Entradas

A consellería de Cultura e Educación programa para decembro no CGAC diversas actividades

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa no Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, un conxunto de actividades dirixidas a diferentes públicos arredor das artistas emerxentes, o cinema documental, a música contemporánea, talleres creativos para cativos e un mercado de nadal, que se desenvolverán ao longo do mes de decembro.

A partires do 2 de decembro o CGAC acolle o proxecto de visualización de novas creadoras ‘ARTISTAS’. A proposta busca impulsar a traxectoria das mulleres recén tituladas en Belas Artes e en Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo. Un total de 32 creadoras emerxentes foron seleccionadas para ilustrar unha colección de postais coa intención de ofrecerlles a posibilidade de abrirse camiño no mundo da arte, maioritariamente masculino. Ademais de no CGAC, as postais serán distribuídas gratuitamente no MARCO e nas facultades dos tres campus da Universidade de Vigo.

‘O Documental do mes’ é unha iniciativa da produtora Parallel 40 que ten como obxectivo achegar o xénero documental ao maior número de espectadores posibles e incrementar a presenza do documental europeo nas pantallas cinematográficas. O proxecto inclúe a estrea dun filme documental de calidade, de temática e procedencia diversa unha vez ao mes en múltiples espazos do mundo.

Cine

Doutra banda, neste mes de decembro, o CGAC programa as dúas derradeiras películas do ciclo. O martes 9 – xunto con outras 40 salas de diferentes cidades españolas e do contexto internacional- exhibirase o filme ‘Master of the Universe (Confesións dun banqueiro)’ dirixido polo alemán Marc Bauder. Ademais, como peche especial do ciclo, o xoves 11 proxectarase a película de animación ‘Approved for Adoption’ de Jung Henin e Laurent Boileau.

Ciclo ‘Música e Arte’

O 16 de decembro ás 20,30 h terá lugar o derradeiro concerto do ciclo ‘Música e arte. Correspondencias sonoras’ do ano 2014 organizado polo CGAC. A ensemble contemporánea galega Vertixe Sonora tomará como referencia a exposición ‘A orde das primeiras cousas’ do artista Carlos León. O concerto ofrecerá catro estreas absolutas a cargo de Lou Michelle (Estados Unidos, 1975), Andrés Nuño de Buen (México, 1988), Santiago Quintáns (España, 1975) e Stefan Beyer (Alemaña, 1981).

Ás 20,00 h, en colaboración co Ateneo de Santiago e a Universidade compostelá, haberá un encontro previo ao concerto no que o director artístico do ciclo Ramón Souto e os compositores explicarán as pezas musicais e o seu proceso creativo.

Feira Creativa

A fin de semana do 20 e 21 de decembro, o CGAC acolle o proxecto do ‘Mercado da Estrela’. Nesta terceira edición da feira creativa amosarase o traballo de artesáns, produtores e emprendedores que darán a coñecer as súas coleccións de ilustración, moda, bixutería, complementos, fotografía, bonecos, decoración, obxectos para o fogar, papelería, adornos de Nadal, produtos enogastronómicos e agroalimentarios e postos solidarios.

O mercado complementarase con obradoiros lúdicos e interxeneracionais e un servizo de gardería- ludoteca para os cativos. As xornadas estarán amenizadas por bandas musicais que presentarán os seus últimos traballos.

Talleres de Nadal gratuítos

Este Nadal o CGAC presenta dous talleres impartidos polos artistas Xesús Carballido e Rebeca Mariño dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos. Os participantes poderán xogar, coñecer, comunicarse e mergullarse nos procesos creativos a través de linguaxes, soportes, técnicas e conceptos propios da arte máis actual.

Os días 22 e 23 de decembro Xesús Carballido impartirá o taller ‘Cativarte’ para nenos e nenas de 4 a 6 anos. O artista propón crear a partir dos materiais cotiáns que os pequenos teñan na casa. Traballarán cos seus propios xoguetes rotos, con contos vellos ou con esas outras cousas que adoitamos tirar ao lixo ou gardar eternamente para usalas nalgún momento (chaves, abelorios, clips, botóns…). Con esa materia prima tan especial crearán un cadro tridimensional persoal mesturando diversas técnicas artísticas como o debuxo, a pintura, a colaxe e a ensamblaxe.

Os das 29 e 30 4 a 6 anos. ías 29 e 30 de decembro Rebeca Mariño desenvolverá un taller vinculado ao cinema para nenos e nenas de 7 a 9 anos titulado ‘Teutropo’. Neste obradoiro os participantes achegaranse á imaxe en movemento mediante o deseño de diferentes xoguetes ópticos. A través do debuxo, da fotografía e do uso do corpo como modelo crearán fotogramas para os seus enxeñosos aparellos. Construirán traumatropos, zootropos e os seus propios tropos. Os talleres son gratuítos e terán un horario de 11,00 a 13,00 h.

As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do 1 de decembro enviando unha mensaxe de correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es no que se indique o nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, o número de teléfono, o enderezo de correo electrónico, e o nome do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.

Fonte: Xunta. Foto