Artigos

O Festival de Cans busca fondos privados para seguir adiante

Os organizadores do Festival de Cans anuncian o inicio dunha campaña de captación de fondos privados “tras coñecer que o Ministerio de Cultura deixaba o festival sen subvención, e á espera de que se concreten as axudas da Xunta de Galicia”.

Para iso, dirixiranse a empresas “de diferentes tamaños e sectores ás que involucrar no festival, ofrecéndolles unha forma diferenciada de estar presentes no evento e ter notoriedade”, indican nun comunicado.

“A idea de partida -explican- non é ofrecer fórmulas xenéricas de patrocinio, senón proporlle a cada marca unha proposta única, buscar o punto no que conflúan o espírito do festival e a imaxe e filosofía de cada empresa”.

Así, porán a disposición das empresas elementos e lugares característicos do festival, como os “chimpibuses”, os “jalpóns”, o “Jaliñeiro Unplugged”, alfombras vermellas ou a “Leira dos Coloquios”.

O obxectivo é, segundo os organizadores do festival, “reducir o peso das achegas de organismos públicos, que xa é menos da metade do orzamento, sen renunciar a contar con ese apoio”.

Fonte: Galiciaé