Artigos

Eiré engade ‘O penalti de Fuco’ á escasa presenza do fútbol na nosa literatura

A presenza do fútbol na literatura é tan escasa como a dos libros nos vestiarios, se é que o tópico é certo. Na nosa narrativa, esa escaseza é cuantificable: arredor de media ducia de títulos, salvo erro. Inaugurou o tema Manuel Rivas na súa primeira novela, Todo ben (Xerais, 1984) e seguiuna Lume de biqueira (Xerais, 1999) de Xosé Vázquez Pintor. Hai unha novela xuvenil, Déixao medrar (2000), de Silvestre Gómez Xurxo e un relato, de Xosé Miranda, Tarxeta vermella (2003). O fútbol está presente tamén no particular mundo narrativo de Xurxo Souto, e en galego están máis da metade das 58 pezas que conforman o recente libro colectivo Relatos sobre el derby Celta-Depor (Galinova, 2012). A esta aliñación de fútbol-sala (cuantitativamente falando) súmase agora O penalti de Fuco¸ de Afonso Eiré, editada por Baía.

Se o penalti máis longo do mundo que contou Osvaldo Soriano no relato dese título duraba unha semana, O penalti de Fuco dura un libro enteiro. Pítano na segunda páxina e tírano na derradeira. No medio está a historia dun porteiro de aldea, Paco Rodríguez, que non puido chegar a moito no mundo do deporte, e a do seu fillo, Fuco, que afronta ese penalti defendendo a portería do Real Madrid nun partido decisivo —cal non o é?— contra o Barça. Tamén están, canda a vida ficcionada dos dous porteiros, as reflexións de Eiré sobre ese planeta propio dos 11 contra 11.

Se hai un escritor futbolístico total, no senso deportivo, ese é Eiré. A maiores de saber de fútbol, como case todo o mundo e como calquera xornalista, pero algo máis, é un estudoso do deporte (publicou o ensaio O fútbol na sociedade galega en 1998), e como el di con ironía, “durante moito tempo fun practicamente o único de esquerdas que recoñecía que lle gustaba o fútbol”. Pero Afonso Eiré foi tamén futbolista profesional. Porteiro, como os dous escritores célebres—tamén os únicos— que foron xogadores, Vladimir Nabokov e Albert Camus (este mesmo profesional). Como se di na obra, un futbolista que non o é, un xogador que trata de impedir a esencia do fútbol, o gol.

De rapaz Eiré era, como o seu Paco Rodríguez, un dianteiro virulillas nos equipos das parroquias chantadinas, ata que lle romperon unha perna, e de meter goles pasou a tentar evitalos. Antes de cumprir os 20 anos, Eiré (ou Pucheiro, como figuraría probablemente na súa camisola de existir daquela a norma de poñer o nome nela) xogara en varios equipos de Terceira en Galicia e tamén en Madrid. Acabou no Rayo Promesas. “Non seguín polos estudos e porque, como me dicían os compañeiros ‘¿como pretendes entrar no Real Madrid sendo nacionalista?”, di Eiré. Tivo compañeiros como José Antonio Camacho. “Cando iamos a algunha manifestación dicíanos que nós non tiñamos problema porque eramos universitarios, pero el se o botaban do equipo tiña que volver ao campo. Ao de sachar”.

O penalti de Fuco é tamén unha descrición daquel mundo futbolístico no que pasaban casos como o de Pahiño (Manuel Fernández, nado en San Paio de Navia en 1923) que foi chamado á selección en 1948, contra Suíza. No descanso, un directivo, o tamén galego xeneral Gómez Zamalloa, arreoulles no vestiario unha arenga que rematou con un “ya sabéis, ¡cojones y españolía!”. Pahiño non puido evitar rirse ou non contestou o saúdo fascista (hai versións) e prohibíronlle participar no Mundial de 1950. “¡Qué se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski!”, sentenciou o diario Arriba ao futbolista vigués (pai, por certo, do músico Nacho F. Goberna, fundador dos grupos pop Agrimensor K e La Dama se Esconde). O mítico gardamallas coruñés, Acuña, non foi á selección polo mesmo motivo. E tamén os non tan remotos casos, xa nos anos oitenta, do porteiro madridista Miguel Ángel, que agachaba galeguismo e lecturas. Ou de Pereira, o porteiro do Valencia ao que acabaron botando por dicir que apoiaba ao BNG.

Non soamente estaba proscrita a política. Santiago Bernabéu obrigou, en 1977, ao redondelán Rubiñán a escoller entre casar ou irse do club (escolleu seguir solteiro). E para compensar, na esquerda estaba moi mal vista ser futboleiro. “No segundo congreso da UPG presentei unha ponencia sobre deporte que non se puido discutir porque ninguén tiña idea do asunto. Bautista [Álvarez, actual presidente do partido e forofo madridista] non se atrevía a dicir nada”, recorda o autor.

Pucheiro, que é un veciño de Vigo que confesa o seu deportivismo e un nacionalista que recoñece o seu madridismo (“cando se fundou A Nosa Terra, todos os xogadores do Madrid puxeron cartos”), di sen embargo que o fútbol actual está a anos luz de aquel. “Hoxe España gobérnase economicamente desde os palcos do Bernabeu. As apostas clandestinas moven, segundo Foreign Policy, 500.000 millóns de euros ao ano, catro veces o que a industria farmacéutica. Xa entraron nelas as mafias asiáticas e as rusas. Iso é o que pode acabar co fútbol, como fixeron en Asia, onde o 70% dos partidos da liga de China están amañados”, reflexiona Paco no libro.

Non todo cambiou a peor. “Hoxe os xogadores son empresas, pero xa non é certo que sexan uns parvos que non lean”, consólanos o autor. O que sigue igual, di, é a actitude dos medios. “Hai unha omertà maior que coa Casa Real. E moito falar sen saber. O exemplo máis claro é o tópico de O medo do porteiro ante o penalti, de Handke. Un título moi bo, pero o protagonista é porteiro como podía ter sido outra cousa. Un porteiro non ten medo o penalti, o único que pode facer é ganar, porque o normal é que llo metan”.

Fonte: El País

Afonso Eiré fala de ‘O penalti de Fuco’ no Zigzag Diario

O espazo da tvG2 falou co escritor e xornalista Alfonso Eiré, que acaba de publicar O penalti de Fuco, un ensaio literario sobre o mundo do fútbol. Cinco minutos de partido centran unha novela en que se incide especialmente na transformación dun deporte nunha mercadotecnia posta ao servizo dos intereses económicos que esta práctica xera na actualidade. A entrevista a Afonso Eiré pode verse no minuto 11.

Zigzag Diario

Presentación de ‘O penalti de Fuco’ en Chantada

O escritor e xornalista chantadino Afonso Eiré presentou na súa vila natal (Chantada, 2012) -no Círculo Recreativo e Cultural, ás 20.30 horas- a súa nova novela, O penalti de Fuco, na que explora o mundo do fútbol. Neste acto contouse coa presenza de Xosé Manuel Rodríguez Aguiar (directivo da S.D. Chantada), Kiko Novoa (xornalista da Radio Galega) e Patricia Gómez Uzal (coordinadora editorial Baía Edicións).

A novela é, ao tempo, un ensaio literario sobre o mundo do fútbol, no que se pon de relevo como unha actividade deportiva devén en fenómeno que traspasa a barreira do puramente deportivo para constituírse nunha auténtica manifestación cultural que abarca os campos da literatura, da filosofía, das artes plásticas etc alí onde é considerado o “deporte rei”, e un traballo de investigación xornalística, no que se incide especialmente na transformación dun deporte nunha mercadotecnia posta ao servizo dos intereses económicos que esta práctica deportiva xera na actualidade.