Entradas

En breve, outro título máis de Barriga Verde, O LOBO E A LÚA, de Andrea Bayer!

Autoría: Andrea Bayer

Ilustración: Chus Ferrín

Obra gañadora do XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (infantil) 2014.

Un lobo ouvéalle á lúa para que esperte. Ten algo moi importante que lle dicir. Dous animais pídenlle que cale. Temen que os ouveos esperten un gato rabudo que vive mesmo nese lugar. A insistencia do lobo fai que os animais fuxan buscando acubillo. Que quererá contarlle o lobo á lúa? Conseguirá o seu propósito sen que o gato esperte e o escorrente?

Entre outras consideracións, o tribunal puxo en valor que a obra tece unha trama clara e atraente, adaptando claves de intriga e suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Os desexos, os conflitos e as emocións presentadas resultan facilmente recoñecibles e contribúen harmonicamente á evolución do drama.

En breve, xa en Baía!!!!

A AGADIC resolve as axudas a audiovisuais de contido cultural galego

Un total de trece proxectos audiovisuais distribúen os case dous millóns de euros das subvencións para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego que convocaba o pasado mes de agosto a Axencia Galega das Industrias Culturais. En total son once longametraxes de ficción e documentais unha serie de animación e unha miniserie histórica as que reparten os fondos, que se distribúen entre 2014 e 2016. Entre os proxectos máis beneficiados nesta convocatoria, destacan a miniserie Juana de Vega e a alumna da liberdade, de Zenit Televisión, e mais a longametraxe Sicixia de Vía Láctea, con cadanseus 260.000 euros.

Fonte: Culturagalega

Convocatoria XXII premio Álvaro Cunqueiro, VIII Manuel María e XI Barriga Verde, 2014

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de incentivar a creación literaria no eido teatral, convoca os premios ÁLVARO CUNQUEIRO para textos teatrais, MANUEL MARÍA de literatura dramática infantil e BARRIGA VERDE de textos para teatro de monicreques, que este ano chegan ás súas XXII, VIII e XI edicións respectivamente.

Indicamos, no pdf que se acompaña, información sobre a convocatoria correspondente á edición 2014 (DOG Nº 249, do 31 de decembro de 2013).

CONVOCATORIA

 

AGADIC resolve as axudas ao desenvolvemento audiovisual

Dez producións doutras tantas empresas galegas reparten os 150.000 euros das axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega que acaba de fallar a Axencia Galega das Industrias Culturais. En total trátase de seis novas longametraxes de ficción, tres documentais e unha película de televisión. Migas de pan de Xamalú Filmes, Cen anos de perdón de Vaca Films, A estación violenta de Matriuka Producións, Juana de Vega e a alumna da liberdade de Zenit Televisión ou El secreto de Santa Marta de Camariñas de Dos Treinta y Cinco son algunhas das que recibiron maiores axudas.

Fonte: Culturagalega

Agadic recuperará a Feira dás artes escénicas en outono

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recuperará a Feira das artes escénicas galegas como unha cita profesional para dar a coñecer as producións da temporada en Galicia. A feira terá tres días de duración e terá lugar en Santiago, na primeira semana de novembro, probablemente entre os días 4 e 6.

Segundo o director da Agadic, Jacobo Sutil, a celebración da feira «é unha petición do sector, que ten que estar orientada a programadores e público profesional e que ten que servir como plataforma para que quen programa teatro en Galicia teña coñecemento directo das obras».

Sutil considera que a celebración desta cita «ten que redundar no coñecemento do que se produce en Galicia, nas posibilidades de contratación e, por extensión, na calidade do que se fai».

Segundo o director da axencia, a duración da feira será de tres días, pero a intención da Agadic é que este evento profesional quede vencellado á programación das redes de teatro galegas. Neste sentido, a intención é que a institución abra o prazo de solicitudes de contratación de espectáculos na rede escénica que promove despois da finalización da feira: «Deste xeito, os programadores poden comezar a facer as súas peticións unha vez vistos os espectáculos».

A feira de teatro abrirá en setembro o prazo para que as compañías se inscriban para participar e desde Agadic pretenden que a celebración da cita «non sexa un bolo para as compañías senón que sirva para unha selección mellor por parte dos programadores». Jacobo Sutil considera que o interese dos distintos sectores escénicos «xustifica que desde a axencia se apoie a celebración da feira», pero explica que é necesaria «unha concepción máis profesional e máis útil da celebración dun evento así».

Sutil sinalou que aínda non hai «un presuposto pechado para a organización da feira», pero indicou que terá que ser necesariamente «modesto en comparación cos orzamentos que se manexaban hai anos, pero o respaldo á feira ten que entenderse como a intención da Agadic de atender ao sector».

Fonte: La Voz de Galicia

Jacobo Sutil é novo director xerente de Agadic

Tras moitas incógnitas o Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento do novo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Despois de cinco meses co posto vacante, o substituto de Fernández Fasero é Jacobo Sutil. Licenciado en Ciencias Empresariais, Sutil ten desenvolvido a maior parte da súa carreira profesional no sector da construción en postos directivos.

Fonte: Culturagalega

A escena galega volve demandar unha resposta á parálise do sector

Representantes do sector escénico galego pecháronse onte nas oficinas da Agadic no Gaiás para demandar unha entrevista co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, froito da súa preocupación polo que consideran a parálise total da rede de teatros e concertos. Membros de Escena Galega permaneceron dende o mediodía nas instalacións mentres trataban de xestionar un encontro con Vázquez, algo que reclaman sen éxito dende hai meses.

Cada un dos participantes no peche pasou individualmente polo rexistro para solicitar a entrevista co conselleiro. Despois de que a secretaria de Vázquez contactase con el por teléfono, se lle comunicou aos concentrados que si habería reunión, mais non unha data, polo que o peche continuou durante a tarde. «Non é o mesmo que nos digan dentro dun mes que esta semana», afirmou o presidente de Escena Galega, Salvador del Río. Arredor de 75 persoas intentaron prolongar o peche toda a noite, pero pasadas as nove foron desaloxadas pola Policía sen que se producisen incidentes.

«Levamos tres meses xa sen traballo, tres meses nos que se deixou á xente sen cultura», explicou dende a concentración a actriz Mónica Camaño. Ata o de agora, o único diálogo coa Administración produciuse o pasado martes de entroido, nunha reunión co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que, segundo os representantes das artes escénicas, non despexou as súas dúbidas. «Nós levamos dous anos de recortes, e asumimos que ten que habelos, estalle tocando a todos. Pero queremos saber a que nos enfrontamos. O único que nos dixo Lorenzo é que contan con que a Agadic volva reducir o seu orzamento ata nun 45 %. E co 55 % restante non só teñen que soster a programación deste ano, senón pagar tamén todo o que se debe do anterior», detallou a actriz.

Pero a directores, actores, músicos e demais profesións afíns á escena non só lles preocupan estes tres meses que cualifican de «parálise total». Tamén queren saber que plans de futuro ten a Xunta para o sector cultural galego. «Non queremos pan hoxe e fame mañá», explicou Camaño, quen tamén alertou: «Non hai previsións, non hai orzamentos, non hai director da Agadic».

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: SermosGaliza

Juan Carlos Fasero deixa o cargo para ser o novo director de SGAE Noroeste

O Consello da Xunta aprobou hoxe o cese de Juan Carlos Fernández Fasero como director da Axencia Galega da Industrias Culturais (Agadic). O seu cese será efectivo tan pronto como saia publicado no DOG e permitiralle incorporarse ao seu novo posto, como director de SGAE Noroeste. Será a partir do vindeiro primeiro de novembro cando substitúa a Javier Vidal, que foi nomeado director corporativo de Relacións Sociais da SGAE en Madrid. Do seu paso por Agadic, Fasero destacou a súa intención de “optimizar o gasto e procurar, coas ferramentas que había nestes tempos difíciles, que todas as redes e mecanismos continuasen funcionando”.

“Unha das cousas que valoro máis positivamente deste tempo foi que hai catro anos eran poucas as voces que falaban da cultura desde un punto de vista económico, en termos de PIB, e hoxe en día, despois do traballo realizado xa estamos nesa liña” explica Fasero tras confirmar o seu cese e o seu posterior destino. Na súa opinión, queda por conseguir a implicación real de todas as consellarías no proxecto cultural porque “hai unha consellaría de cultura, pero hai moitas outras que teñen moito que ver e deben continuar nese proxecto”.

Fasero incorporarase o vindeiro mes de novembro como director da sede do noroeste da SGAE, á que chega logo de sufrir unha profunda remodelación. Substitúe no cargo a Javier Vidal nomeado director corporativo de Relacións Sociais. O futuro director xa tiña relación previa coa SGAE, da que formaba parte como creador, alén de que en 2011 foi o presidente dun grupo de traballo que se encargou da reforma do seu sistema electoral. A delegación do noroeste da SGAE abrangue Galicia, Asturias e Cantabria e conta con arredor de 5.000 creadores.

Fonte: Culturagalega

Foto: Juan Carlos Fasero. Iñaki Osorio.

Agadic concede 145.000 euros a 78 proxectos para exportar e promover a cultura fóra

Son as primeiras resolución dunha convocatoria que destina 450.000 euros a fornecer as industrias culturais. O web de Agadic publicaba onte á tarde os beneficarios relativos ao apartado de distribución. En total beneficiaranse 28 empresas (12 compañías de teatro, 4 de danza, 6 promotoras musicais, 5 galerías de arte e 1 editora) que recibirán 144.826 euros e que se corresponden con 78 propostas de distribución de espectáculos escénicos e musicais en actividades de carácter internacional. Canda esta listaxe, tamén se conceden as cinco empresas que se benefician do programa “Crédito-cultura”, que distribúe 7.672,64 euros.

Segundo a nota de prensa remitida pola Consellaría de Cultura e Educación as compañías beneficiarias no eido teatral son A Xanela do Maxín (funcións en Aragón e Comunidade de Madrid), Caramuxo Teatro (Fetén de Xixón e Madrid), Eme2 (Fetén de Xixón e xira por Aragón, Castela-A Mancha e País Vasco), Ibuprofeno Teatro (Baleares e País Vasco), Malasombra Producións (xira galega), Producións Teatráis Excéntricas (xira galega, ademais de actuacións en Castela-A Mancha, Comunidade de Madrid e País Vasco), Teatro Alla Scala 1:5 (Colombia), Teatro del Andamio (Lituania, Casaquistán, A Rioxa e Cantabria), Teatro do Noroeste (Andalucía, Aragón e Cataluña), Teatro Ensalle (dúas xiras en España) e Títeres Cachirulo (Arxentina, Brasil, Colombia, Portugal, Turquía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana e Madrid). No ámbito de danza, reciben achegas as compañías Entremáns, pola súa participación no festivais Visões Urbanas (Brasil) e Cádiz en Danza; La Macana por actuacións en Francia e Italia; Sólodos, tamén pola presenza en Cádiz en Danza, e Pisando Ovos polas funcións ofrecidas no marco da Red de Teatros Alternativos e en Cádiz.

No eido musical, segundo a nota de prensa “esta primeira relación de proxectos subvencionados inclúe os concertos da Bulla Timpánica en Nevada (EE.UU.) e no North Atlantic Fiddle Convention de Irlanda, de Susana Seivane en Francia (Rencotres de Luthiers et Maitres Sonneurs en Saint Chartier e festival Kann Al Loar en Landerneau), de Leilía na localidade francesa de Lagrasse, de Mercedes Peón en Bélxica e Turquía, de Riobó no Reino Unido e de Anxo Lorenzo no Folkherbert Plauen (Alemaña) e no William Kennedy Piping Festival (Irlanda)”.

Nesta convocatoria tamén figuran os apoios para o sector da arte e da edición, no que se benefician dos subsidios, “as galerías Trinta, SQC, Espazos Adhoc, Barcelos e PM8 para sufragar os gastos derivados da súa presenza en destacadas feiras e mercados de arte dentro e fóra de España, como Justmad3, Madridfoto, ARCO, Art Cologne e Pulse Miami, así como a editora Ideaspropias para a participación na Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México) e a produtora musical Keltia para a feira APAP de Nova York”.

Crédito-cultura
Tamén se resolven os beneficiarios do programa Crédito-Cultura no que teatro e arte copan son as disciplinas que se acollen a esta modalidade. No eido do teatro as empresas son Bengala Producións, Teatro do Noroeste, Producións Teatrais Talía e Ningures Produción. No caso da arte, só unha entidade, a galería de arte contemporánea PM8.

AGADIC convoca os Premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca a  XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A dotación económica, segundo se recolle no  DOG do 17 de abirl é a seguinte:

  • Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.
  • Manuel María: 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

 

Información dos premios

Fonte: AGE