Entradas

Primeira sesión de RedeCom

A Asociación Galega de Editores puxo en marcha unha Rede de Coñecemento Compartido, un instrumento que pretende contribuír á cultura do intercambio e a cooperación intrasectorial.

A primeira sesión terá lugar o 25 de setembro entre as 16:30 e as 19:30 nas instalacións do Consello da Cultura Galega e versará sobre a utilidade das redes sociais como instrumentos de promoción de marca. Comparten nesta sesión Antón Lado, director de  2.0 Editora, e Manuel Bragado, director de Xerais. Os dous editores son tamén directivos da AGE.

Un foro aberto que pretende implantar a cultura da cooperación e o intercambio intra e intesectorial. Unha ferramenta de utilidade para resolver e darlle resposta ás túas demandas profesionais. Un instrumento para o debate e a interacción.

Segunda sesión : 30 de outubro.

Fonte: AGE

Os libreiros do Morrazo ofrecen aprazamento de 6 meses para pagar os libros dos rapaces

A asociación de comerciantes do Morrazo agrupada en FECIMO, ofrece 6 meses de aprazamento sen intereses para pagar os libros para a escola. A iniciativa lévase andiante mediante a utilización da tarxeta Comercio, instrumento de compra da entidade  gremial.  Os libreiros da zona xa manifestaran a súa intención de non aplicar, polo momento, o IVE do 21% aos produtos de materiais escolar.

A subida do IVE afecta tamén ao libro dixital e vai ralentizar a súa comercialización creando un desfase moi relevante entre a oferta e a demanda existente.

Fonte: AGE

O Congreso E-duca centrarase nas “aprendizaxes invisibles”

O Congreso E-duca é unha actividade formativa organizada polo Centro de Estudos de Tecnoloxía Avanzada( CITA) e vaise desenvolver ó longo dos días 2, 3 e 4 de xullo. É un espazo de econtro, de intercambio e de aprendizaxe que este ano vai centrar os seus esforzos nas aprendizaxes invisibles.

A actividade vaise desenvolver a través de obradoiros, que estarán dedicados a poñer en práctica diversas técnicas de aprendizaxe invisible, utilizando diferentes disciplinas, que irán dende a música á robótica. Os obradoiros teñen unha duración de 10 horas, o que obriga aos inscritos a optar pola realización dun deles.

Fonte: AGE

Obradoiros

Inscrición

O PEN Club Internacional presenta un manifesto a favor dos dereitos lingüisticos

O PEN clube internacional fixo a presentación do Manifesto de Girona, un documento no que se aborda o estado dos  dereitos lingüísticos. O Manifesto incide en que “o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio”.

O documento basease na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e lembra que “toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa usada como oficial no seu territorio” e reclama que “o dereito ao uso e protección da lingua propia debe ser recoñecido polas Nacións Unidas como un dos dereitos humanos fundamentais”. Tamén incide en que o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade.

No acto estivo o presidente da Generalitat de Catalunya e foi coincidente coa xuntanza anual do Comitè Internacional de Tradución e Dereitos lingüísticos do PEN, que tivo lugar en  Barcelona esta semana e no que participaron dezasete países.

Fonte: AGE

Roteiro internacional de contos en Pontevedra

A Concellaría de Cultura de Pontevedra promove o programa Sete falares do que se encargarán Charo Pita, Tim Bowley, Rosana MontÀlverne, Clara Hadda e Paula Carballeira.

Este encontro internacional de contadores de historias que se desenvolve baixo o título de Sete falares, vaise desenvolver en diversos lugares da cidade do Lérez durante a fin de semana do do  8, 9 e 10 de xuño.  Anxos Riveiro explicou que se trata dunha actividade que terá como eixo a praza de España e que a xente atoparse cos contadores de historias mentres disfruta pola cidade do seu tempo de lecer. Tamén fixo un agradecemento á colaboración da Deputación de Pontevedra pola autorización para utilizar as ruínas de San Domingos como un dos escenarios destes contos.

Neste evento de dinamización lúdica e cultural participan contadores de historias galegos, de  España, de Brasil, de Portugal e do Reino Unido en sesións de mañá e tarde. Os contadores de historias estarán tamén na Casa das Campás, na praza de Santa María, no Teatro Prinicipa  e a bordo dun barco pola ría.

Fonte: AGE

Cincuenta carteis para 50 anos

Nesta iniciativa súmanse os esforzos de diferentes estamentos da cultura galega co obxectivo de rememorar, desde unha óptica actual, as cincuenta edicións do Día das Letras.

A comisión que promoveu a inciativa diante da porta da Real Academia Galega. De esquerda a dereita: Marcos Dopico, presidente da Asociación Galega de Deseñadores; Xosé Salgado e Pepe Barro, de Grupo Revisión Deseño; Jacobo Bermejo, presidente da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia; Xosé Luís Axeitos, secretario da Academia; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega e Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores.

O caderno, de 56 páxinas, foi publicado o 17 de maio polo xornal Faro de Vigo de xeito gratuíto. Conta, ademais, cunha edición adicional de mil exemplares, a cargo da Asociación Galega de Editores, que será repartida por colexios e bibliotecas de todo o país. No caderno faise un percorrido por cada unha das figuras homenaxeadas ao longo destes cincuenta anos de Día das Letras a través dunha serie de 50 carteis realizados por cadanseu deseñador. En cada cartel aparece tamén un breve texto autoría dun escritor galego actual, quer da xeración máis veterana, como Manuel Álvarez Torneiro e María do Carme Kruckenberg, quer da máis nova, como María Reimóndez ou Daniel Costas. O caderno inclúe o manifesto titulado “As letras que nos fixeron”, no que se pode ler: “As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une”.

No proxecto participaron once entidades e asociacións reunidas arredor da causa comunal da defensa e dignificación da nosa lingua e cultura propias que nomeamos a continuación: Real Academia Galega, Asociación Galega de Deseñadores, Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Torras Papel/Norte Papel, Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, ANABAD – Galicia, Faro de Vigo e a Xunta de Galicia.

Nos seguintes links poderedes descargar os arquivos PDF da primeira e último homenaxeado: Rosalía de Castro e Valentín Paz-Andrade.

Cartaz en homenaxe a Rosalía (1963). Texto: Teresa Moure. Deseño: Danivx/Daniel Costas

Cartaz en homenaxe a Valentín Paz-Andrade (2012). Texto: Tucho Calvo. Deseño: Xosé Lois Vázquez

Fonte: Real Academia Galega

O venres 1 de xuño preséntanse os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta, o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas.

A Real Academia Galega, co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade.

Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:

  • A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
  • A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELGA) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
  • A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
  • Torras Papel forneceu o papel.
  • A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
  • A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
  • A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.

Durante a presentación desta iniciativa estarán expostos os carteis realizados.

Axúntase pdf co desenvolvemento do acto Presentación dos 50 carteis dos 50 homenaxeados

Presentación da 35º edición dos Premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou esta mañá unha roda de prensa na Casa Galega da Cultura de Vigo na que presentou a 35ª edición dos seus premios. Bieito Ledo, o presidente da Fundación, anunciou que a a partir desta edición a cea de fallo dos premios celebrarase o penúltimo sábado do mes de outubro nas instalacións do Hotel Os Escudos de Alcabre. Será, polo tanto, o vindeiro 20 de outubro cando se coñezan os gañadores nas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Bieito Ledo insistiu que a Fundación convoca os premios con idéntico espírito ao da primeira edición en 1978, o «recoñecemento do traballo aberto, racional, integrador e colectivo da cultura galega en todos os seus ámbitos e expresións».

A Fundación publicará o libro 35 anos de Cultura Galega 

Ademais de presentar as bases polas que se rexerán estes premios e anunciar os nomes dos membros da Fundación que exercerán a secretaría de cada unha das modalidades, Bieito Ledo anunciou a publicación dun libro, «35 anos de Cultura Galega», coordinado por Ernesto Sánchez Pombo, no que se pretende realizar unha radiografía da cultura galega dende a primeira edición dos premios en 1978, na que se compaxinará a visión crítica coa documental. Así mesmo, anunciou a celebración, antes de fin de ano, de sete mesas redondas, en cada unha das cidades galegas, nas que diversas figuras valorarán o estado actual de cada un dos ámbitos da cultura abordados por estes premios. Por último, anunciouse a próxima apertura do espazo web da Fundación e a celebración dun encontro de irmandade (o sábado 16 de xuño, ás 13:00 horas,nas Bodegas Martín Códax de Cambados), ao que están convidados a participar todas as persoas premiadas nas 34 edicións realizadas e os membros da Fundación.

Descargar as bases

Fonte: AGE

Foto: Faro de Vigo

A porcentaxe de obras dixitalizadas cae no mes de abril

A Axencia do ISBN rexistrou durante o mes de abril 6.220 títulos, cunha lixeira caída en relación ós meses precedentes. Tamén se produce unha diminución do número de obras dixitais, en relación ós meses anteriores. Nunha nota feita pública pola Federación de Gremios de Editores e pola propia Axencia do ISBN, as dúas organizacións manteñen que as editoriais, no seu conxunto, mateñen a aposta polo libro dixital, incrementándose o número de ebooks nos catálogos. No ano 2010 as obras dixitais representaron o 2,4% da facturación das empresas.

O 18% dos libros catalogados durante os primeiros catro meses do ano foron libros de ficción, un 11% correspondéronse con títulos didácticos e de infantil e xuvenil. Os estudos literarios e de humanidades acadaron o 16%.

A Axencia do ISBN, xestionada polo propio sector, ofrece datos mensuais do seu rexistro.

Máis información

Fonte: AGE

Finou Xaime Isla cofundador da Editorial Galaxia

Xaime Isla Couto, cofundador e Presidente de Honra da Editorial Galaxia finou onte, 25 de abril, en Vigo, segundo comunica a Editorial Galaxia a través da súa web. O ensaísta, avogado, economista, animador cultural e político do galeguismo era tamén director de Honra da revista Grial.

Os fundadores

Editorial Galaxia constituíuse en xullo de 1950 a partir da iniciativa de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, que un ano antes botaran a andar o Suplemento Literario do xornal La Noche en Santiago de Compostela. Axiña incorporaríanse ao proxecto Ramón Piñeiro, como director literario, e Ramón Otero Pedrayo, primeiro presidente do Consello de Administración. Mais a iniciativa foi dos anteditos: pulmóns e brazos executivos de Editorial Galaxia durante anos. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto foron a alma desta empresa, guieiros do seu proxecto estratéxico desde a súa fundación.

Foto: EditorialGalaxia

Fonte: AGE