Artigos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos non recollerá o Premio da Cultura en apoio ás protestas do teatro

Por “compromiso coa cultura galega e coas persoas que no día a día traballan por ela”. Este é o argumento da AIEG para explicar a súa decisión de non recoller o premio anual concedido pola Consellaría de Cultura e que se entregarán mañá xoves no Gaiás, edificio que esta semana foi “ocupado” pola Plataforma de Artes Escénicas en protesta pola paralización da política cultural e a grave situación pola que atravesan.

A Xunta Directiva da AIEG, presidida por Débora Campos, emitiu un comunicado no que informa da decisión de non asistir ao acto de entrega do Premio de Promoción Cultural na edición deste ano dos Premios da Cultura Galega. Con 200 socios e socias nos cinco continentes, na AIEG desenvolveuse desde o momento da concesión un debate entre membros destacados da conveniencia ou non de recoller o galardón, que o ano pasado fora rexeitado polo escritor Agustín Fernández Paz. Finalmente, en apoio ás manifestacións que están a protagonizar a xente da cultura e en protesta pola política cultural da Xunta, a entidade presidida por Débora Campos decidiu non aceptar o galardón da Xunta. Segundo a nota enviada, “os recentes acontecementos que están a ter lugar estes días na Cidade da Cultura presentan unha nova conxuntura” diante da que a directiva da AIEG “tomou a decisión de non acudir ao acto de entrega dos premios”.

Mostra, de igual maneira, o seu apoio firme “ao colectivo de persoas que se manifestan por un traballo digno para elas, polo futuro da cultura galega e por un futuro digno para todos e todas”.

Fonte: SermosGaliza