Artigos

Ana Romaní nomeada académica numeraria electa pola RAG

O Pleno da Real Academia Galega nomeou na sesión plenaria celebrada o sábado 17 a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. Na mesma xuntanza foi elixida académica correspondente a lingüista Carme Pazos.

Segundo indicou a RAG, a académica de número electa lerá o seu discurso de ingreso na RAG nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses. Ana Romaní (Noia, 1962) é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea. Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa.

O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.

Fonte: RAG

O ‘Diario Cultural’ da Radio Galega, premio do Público Culturgal 2014

O programa da Radio Galega Diario Cultural, que dirixe a xornalista e poeta Ana Romaní, fíxose co Premio do Público Culturgal 2014. Desde o 30 de outubro até o 18 de novembro os e as internautas puideron votar a través da web www.culturgal.com entre tres candidaturas: Diario Cultural, Cineuropa e o Salón de Cómic Viñetas desde o Atlántico.

Finalmente o programa da Radio Galega obtivo 361 votos, o festival de cine compostelán 269 e o salón de banda deseñada da Coruña, 171.

Fonte: El Correo Gallego