Entradas

Celebramos en 2018 os 100 anos do nacemento de Althusser

O 16 de outubro de 2018 celebraranse os 100 anos do nacemento de Louis Althusser. Recordamos hoxe, o libro de Francisco Sampedro, LOUIS ALTHUSSER, da colección de Pensamento onde se fai unha análise exhaustiva da súa vida e obra.

Louis Althusser nace o 16 de outubro de 1918 en Birmandreis, barrio de Alxer, no seo dunha familia alsaciana deportada a Alxeria por mor do seu compromiso na revolución de 1871 (Comuna de París). O nome de Louis vén do recordo do irmán do seu pai que estivera comprometido coa súa propia nai e morrera na guerra do 14. En 1932 a familia trasládase a Marsella, onde el cursa o bachalerato. Catro anos máis tarde estabelécense en Lyon, onde se prepara no Liceo para o ingreso na prestixiosa École Normale Supérieure (ENS). Nesta época é alumno de Jean Guitton –do que será amigo– e milita nas xuventudes de estudantes cristiáns. Na primavera de 1938 sobrevenlle a primeira depresión camuflada, renunciando a presentarse ao exame de ingreso. Un ano máis tarde gaña o concurso de entrada na sección de Letras da ENS, na rúa parisina de Ulm, que máis adiante se converterá no seu fogar. Mobilizado en setembro, cae prisioneiro dos alemáns en Bretaña e é internado nun campo de concentración nazi até maio do 45. Alí, onde redacta o seu diario de catividade e perde a fe relixiosa, comeza cos episodios depresivos graves que marcarán penosamente toda a súa vida até o tráxico desenlace final: a morte polas súas propias mans da súa muller Hélène Legotien, alias Rytmann, a quen coñece en febreiro de 1946. No 1948 obtén, co número 2, o diploma de estudos superiores en Filosofía, cunha memoria sobre a noción de contido en Hegel, baixo a dirección de Gaston Bachelard. Asemade, é nomeado profesor da ENS, na cal impartirá clase a trinta promocións, e onde terá como alumnos a Michel Foucault, Jacques Derrida, Pierre Bourdieu, Alain Badiou, Michel Serres, Regis Debray ou Jacques Rancière, entre outros; quérese dicir a unha grande parte da intelectualidade francesa dos anos 60 en adiante. En novembro do mesmo ano afíliase ao Partido Comunista francés (PCF), ao cal pertencerá até 1980, malia presión e descualificacións constantes inculcadas desde a dirección deste Partido cara a súa persoa e pensamento. Na década dos 50 escribe varios artigos en diversas revistas especializadas, traba amizade con Foucault e publica –en 1959– o seu primeiro libro, sobre Montesquieu. Dous anos despois publica un escrito sobre o xove Marx que suscita a primeira reacción forte no PCF. Ese mesmo ano Sartre dá unha conferencia na ENS a petición de A. Badiou; entre os asistentes: Merleau-Ponty e o propio Althusser, quen discutiu co filósofo existencialista. Tal debate constituíu un acontecemento único, a dicir dos presentes. En 1963 comeza o seu enfrontamento serio co PCF. A faísca é a acusación de Roger Garaudy –grande inquisidor intelectual do partido, hoxe reconvertido ao Islam– consistente no “perigoso pluralismo” de Althusser, que “altera as bases monistas do marxismo”. No mesmo momento, o PCF condena á China de Mao e reprocha calquera coqueteo por parte dos intelectuais do Partido coas categorías maoístas, sinalando implicitamente a Althusser. En xaneiro do seguinte ano invita a Lacan a proseguir o seu Seminario na ENS, toda vez que este fora expulsado da Sociedade Francesa de Psicanálise. 1965 é o ano da súa “consagración”. Publica Pour Marx e Lire le Capital, que son recibidos con moitísima expectación e éxito. Ao ano seguinte, en marzo, o comité central do PCF reúnese en Argenteuil para tratar cuestións ideolóxicas e culturais. A iniciativa de Garaudy, por suposto, condénanse as teses althusserianas. Moitos dos seus discípulos (Jacques Rancière, Dominique Lecourt, Pierre Victor…) rachan co PCF para fundar un partido marxista-leninista de nidia orientación maoísta. Althusser publica –sen asinar e sen asumilo nunca– un artigo sobre a revolución cultural chinesa, pero non abandona o Partido. Isto suporía a ruptura cos seus alumnos máis brillantes. En 1967 organiza o curso de filosofía para científicos, no que participarán Pierre Macherey, Alain Badiou, François Regnault e Michel Pêcheux. A revista soviética Voprossi Filosofii rexeita un artigo de Althusser titulado “A tarefa histórica da filosofía marxista”, que sairá publicado en Hungría en 1968. En febreiro deste ano publica “A filosofía como arma da revolución” en L’Unitá, órgano do Partido comunista italiano. Ao estoupar Maio do 68, é hospitalizado froito da primeira crise depresiva severa. Publica Lenin e a filosofía. En outono o enfrontamento entre os maoístas e o PCF acada o seu cumio; Badiou racha con Althusser e, este, atópase literalmente entre dous fogos: mentres que os maos o tachan de revisionista, o Partido continúa a sospeitar del –paradoxalmente e non sen razón– por ter sido un mestre “axitador” do esquerdismo. Na primeira metade dos 70 desenvolve unha actividade enorme; publica varios libros e múltiplos artigos, imparte numerosos cursos, defende a súa tese de doutoramento de Estado en Amiens; as depresións continúan, pero controladas. J. Rancière publica o seu ataque implacábel contra el (“A lección de Althusser”); Badiou farao pouco despois (“A compañía de Althusser”). En 1976 segue publicando (Posicións), casa con Hélène e viaxa a Granada, onde impartirá unha conferencia sobre a transformación da filosofía. Visita tamén Madrid e Barcelona, onde se manifesta en contra do abandono eurocomunista da ditadura do proletariado. Defende a Álvaro Cunhal, secretario do Partido Comunista portugués (PCP). En 1978 xa non disimula o seu desencanto co PCF e co socialismo “real”: publica en Le Monde “O que non pode durar no Partido comunista”, xunto a Etienne Balibar e Georges Labica; móstrase belixerante nunha conferencia en Venecia sobre a crise do marxismo, publica un artigo contra Marchais e redacta por encargo da Enciclopedia Europea de Garzanti a voz “marxismo”, onde non aforra críticas ao socialismo vixente, indicando que da promesa liberadora do marxismo se pasou a un sistema opresor. Os dous últimos anos da década, onde o seu recoñecemento se fai universal, marcan, porén, o principio da fin. Quéixase con asiduidade do seu estado mental. O 15 de marzo de 1980 introdúcese na sesión de disolución da Escola freudiana de Paris e trata a Lacan “en nome dos analizantes” de “magnífico e lamentábel arlequín”. En abril acode ao seu derradeiro acto público, o enterro de Sartre (era o noso Jean-Jacques Rousseau; era dunha fonda intransixencia, e por moito que estivese equivocado xamais aceptou o mínimo compromiso co poder.). Ese mesmo mes viaxa a Italia. De regreso, a súa muller confía a varios amigos comúns o afundimento total de Louis. O verán pásao en estado grave. O domingo 16 de novembro, no apartamento da ENS, estrangula a Hélène en pleno delirio. É internado no hospital de Sainte-Anne. O xuíz decretará en febreiro do 81 o “non ha lugar”, a partir do diagnóstico unánime de tres expertos: demencia transitoria no intre dos feitos. Até 1984 vive peregrinando de hospital en hospital. Recibe visitas: Foucault, Derrida, Stanislas Breton… É autorizado a abandonar o psiquiátrico. Mellora ostensibelmente: comeza as entrevistas con Fernanda Navarro, viaxa a Inglaterra, publica unha carta en Le Monde protestando por terse publicado o seu artigo “O descubrimento do Dr. Freud” sen autorización. No inverno de 1985 comeza a redactar O porvir dura moito, especie de autobiografía que comeza coa morte da muller. Balibar le o primeiro folio e négase a proseguir. O verán do mesmo ano pásao internado en Soissy. En outubro comezan os encontros co seu biógrafo –Yann Moulier Boutang–, que durarán case até a súa morte. A excepción destas visitas, vivirá de 1987 a 1990 na extrema soidade do seu novo apartamento parisino. O 22 de outubro do 90 morre a causa dun paro cardíaco motivado por unha neumonía. O 25 é enterrado en Viroflay. Balibar será o encargado de ler o texto de despedida.