Entradas

Entrega de premios e protestas nos Premios da Cultura Galega de 2012

Foi unha gala de variados sons e diferentes texturas. Dentro, voces poéticas e suaves sintonías. Fóra versos en pancartas e áspera estridencia. Na presentación do acto, moderno con aires vintage, nunha sala da Cidade da Cultura ataviada con altas torres de focos, grandes pantallas e proxeccións nas paredes, un vídeoclip utilizaba como fío conductor un dial analóxico de radio sintonizando diferentes imaxes de actuacións musicais, teatro, audiovisual e escenas culturais. Aínda que, realmente, o fío conductor foi a propia cultura, un fío moi presente dentro e fóra do Gaiás que serviu para que os propios protagonistas reivindicaran, unha vez máis e cada un á súa maneira, o propio feito cultural e a lingua galega ante o presidente da Xunta, o conselleiro do ramo e outras autoridades do Goberno autónomo.

Antes do comezo do acto, na rotonda acceso á CdC, baixo a choiva e ante un cordón policial, un nutrido grupo de traballadores das artes escénicas berraban un contundente ‘non’ ao desmantelamento do sector, e apupaban ás autoridades ao seu paso nos coches oficiais cara á gala de entrega de premios, nunha acción de visibilidade como as de días pasados contra a denunciada “paralización” do sector.

Dentro, a escritora Yolanda Castaño presentaba os Premios da Cultura Galega enlazando versos de egrexios poetas coas figuras dos galardoados. Chamaba, en primeiro lugar, a Manuel Quintana Martelo, premio na categoría de Artes Plásticas. O pintor salientou que a cultura fai a historia dos pobos, a nosa historia; recordou ao falecido Jorge Peteiro e dedicoulle o premio a súa nai, unha muller de 93 anos que entendeu que abandonara unha carreira “seria” para empuxalo ás belas artes.

O segundo galardoado foi a Asociación Internacional de Estudos Galegos, colectivo académico que naceu nos Estados Unidos en 1985 co obxectivo de poñer en común investigacións de estudosos da cultura galega de todo o mundo. Non recolleron o premio. Non asistiu ningún dos seus representantes.

A música foi homenaxeada na figura de Manuel Rodeiro, que despois de recoller o seu premio deu conta do reforzo do seu compromiso e da relación coa terra. Detrás de Rodeiro recolleron galardón os representantes da Fundación Eduardo Pondal, entidade recoñecida polas súas iniciativas en prol do Patrimonio cultural.

O Premio das Artes Escénicas recaeu no cadro artístico Airiños, que cumpre 80 anos no teatro, que naceu na parroquia rianxeira de Asados no ano 1933 da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista, e que leva unha traxectoria admirable no espazo creativo en galego. Tampouco acodiron a recoller o premio.

Miguel Anxo Fernández, un todoterreo da escena galega que cre nun país de imaxes propias, case implorou que a crise faga unha excepción coa creación audivisual. Precisamente o seu labor nese ámbito foi recoñecido cunha das estatuíñas.

Finalmente, o presidente da Xunta entregoulle o último dos premios a Salvador García Bodaño, gañador na categoría das Letras. O poeta pronunciou un breve e sentido discurso en defensa da lingua galega, que “é patrimonio de todos, de todos cantos a aman”. E deixou a mensaxe, tamén sentida, de que cómpre un esforzo de consenso para que a lingua galega permaneza no século XXI e que se cumpra o soño dos nosos devanceiros. “Fagamos que sexa posible”.

No medio da gala, a soprano Laura Alonso e o pianista Javier Otero estrenaron unha fermosa canción, ‘Dous cantares’, de Fernando Bulide. Ambos artistas cerraron o acto co himno galego. Antes Núñez Feijóo pronunciou o último dos discursos, con Vicente Risco como referencia. Galicia non é un país pequeno. Galicia é un mundo. Cunha teima por ampliar e conquistar espazos. Cun expansionismo singular. E gracias á cultura, “que nos fixo fortes para afrontar os problemas”. A cultura, “un vencello co pasado e co futuro”.

E precisamente de futuro, e de presente, falaban os manifestantes da Plataforma de traballadores de artes escénicas que, fóra do Gaiás, se manifestaron para facérense visibles, que din vivir na incerteza porque o sector das artes está paralizado, e que se queixan de que non teñen interlocutor na Administración. O nutrido grupo de artistas concentrados denunciaban o desmantelamento do sector, e nesta ocasión reivindicaron a cultura de rúa precisamente aos pés da CdC, no mesmo lugar onde se entregaban os premios do 2012.

Houbo outra pincelada musical polo medio da gala. Foi a cargo do grupo Acadacanto, que regalaron a beleza do sinxelo co tema ‘Teu nome por mar e terra’. Delicioso. Tamén os compoñentes deste grupo aproveitaron o momento para lanzar un anceio “polo futuro do sector”.

Fonte: El Correo Gallego

Foto: Fernando Blanco

As artes escénicas prepáranse na rúa para loitar contra a súa “morte non visible”

Coas portas pechadas, mais co balcón libre toda clausura. Así atopou a Plataforma das Artes Escénicas o Salón Teatro de Santiago, recinto pertencente á Xunta onde o colectivo pretendía celebrar este luns pola mañá unha asemblea aberta á toda a profesión. Porén, as preto de cen persoas que acudiron ao convite tiveron que discutir os graves asuntos que padece a profesión escénica en plena rúa. A Consellería de Cultura e Educación negoulles o acceso alegando, segundo explicou o presidente de Escena Galega, Salvador del Río, que o Salón Teatro “non se abre para actos non artísticos”. Había unha alternativa ofrecida polo departamento dirixido por Jesús Vázquez: o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Non obstante, a Plataforma declinou ese lugar por estar nas aforas da cidade e por preferir un ámbito emblemático como o Salón Teatro, un teatro que, pese a ser público, atoparon coas portas pechadas. E na entrada celebrouse finalmente unha xuntanza que culminou co asalto ao balcón do edificio, a onde un dos presentes subiu para colgar a xa habitual pancarta reivindicativa da Plataforma das Artes Escénicas: “Desmantelamento da Cultura, non”.

E de “desmantelamento” falouse durante as case dúas horas que durou a reunión. Unha reunión a plena rúa e na que os membros das diferentes asociacións sectoriais (Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega, Asociación de Magos de Galicia etc.) aglutinadas na Plataforma buscaron atopar puntos en común e unha folla de ruta de accións para responder ante o desmantelamento que, segundo os profesionais da escena, está a sufrir a cultura polos recortes e a política cultural do Goberno do PP. A asemblea, dalgún xeito, arrecendía a déjà vú, a palabras repetidas, a preocupacións reiteradas. Ese déjà vú lévanos á primeira gran intervención da Plataforma das Artes Escénicas, en marzo do ano pasado, pola que se convocou -con motivo do Día Mundial do Teatro- unha manifestación dos profesionais que culminaría nunha reunión no interior do Salón Teatro. Daquela, a ex directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, permitiulles inicialmente o acceso, mais foi desautorizada pola Consellería de Cultura e Educación e as portas do Salón Teatro, tal como estaban hoxe, apareceron pechadas e a propia Cendán sería destituída.

E o acto daquel Día Mundial do Teatro celebrouse, como a xuntanza de hoxe, ás portas do Salón Teatro, quentando os ánimos do sector e poñendo en xuízo, unha vez, máis a actitude da administración. Daquela falouse de falta de diálogo e, hoxe pola mañá, volveuse tocar o asunto. “O límite está na negativa a falar dos actuais executantes da política cultural. Négase o diálogo e négase ao acceso ao espazo público, algo insólito en toda Europa”, lamentou o director teatral Xúlio Lago, quen a liña seguida, proclamou a rúa como o último ámbito que deixan aos cidadáns. “·A rúa parece ser o espazo natural da cidadanía, xa que as institucións estanse a converter en fortíns para os políticos. Mesmo os funcionarios da Agadic foron secuestrados no gran fortín, no gran cárcere que é a Cidade da Cultura, onde lapidan os cartos”, reflexionou Lago.

A falta de estratexia

O déjà vú non se notaba unicamente no peche do Salón Teatro, senón que se apropiou de todo asemblea e en cada un dos puntos que se trataron. Os recortes, o soterramento de fondos no Gaiás, as dificultades laborais, a falta de diálogo, a redución das subvencións, os atrasos nos pagamentos, a parálise, a desaparición de programas como Camiños da Cultura… Todos eses temas son os recorrentes nas reivindicacións dun sector que se sente afogado. Afogado si, mais non principalmente polas tesoiradas. É a falta de estratexia no que se resume todo os males, amplos e variados, da profesión. “Falta un plan, unha estratexia. O problema non son recortes, é cuestión de prioridades, en que se gastan os cartos que hai. Faltan obxectivos”, sinalou Salvador del Río ao comezo da asemblea aberta.

Nesa falta de estratexia resúmense gran parte dos problemas coa Consellería de Cultura. Un bo resume do feixe de problemas que o sector das artes escénicas vén denunciando nas protestas do último ano, deixando ás claras, unha vez máis, a sensación de déjà vú. Unha sesación de xa vivido,  Esa sensación de xa vivido, de xa falado, de xa protestado… pero de nada arranxado. Todo segue igual, poñendo de manifesto dúas situacións evidentes. A primeira, que a administración continúa sen ter unha estratexia nin conseguir un diálogo fluído co sector, un diálogo que se foi deteriorando na anterior lexislatura e que foi a peor trala marcha do ex conselleiro Roberto Varela. A segunda situación pertence á propia profesión, aos profesionais do sector escénico que, polo momento, aínda non foron capaces de visibilizar os seus problemas ante a sociedade nin avanzar nas súas reclamacións.

E diso tamén se falou na asemblea, algo de autocrítica se realizou sobre a estrutura da Plataforma e os conflitos de intereses que se podían xerar entre as diferentes asociacións. Ante iso, o intérprete Antonio Durán Morris, ex presidente da AAAG e membro da súa actual directiva, respondeu coa natureza propia do colectivo. “A Plataforma non ten medios, a nivel de estrutura non está definida. E as asociacións tamén lles custa manterse agora mesmo”, admitiu Morris quen, pola contra, tamén destacou a relevancia da plataforma ao asegurar que aglutina a moitos profesionais, “xunta a moita xente por riba dos seus intereses particulares”.

Morrer aos poucos

Pese as eivas recoñecidas da propia Plataforma, os asistentes si viron nela un instrumento para denunciar a asfixia do sector e para pelexar ante o mirrar do sector. “Hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa. Hai que loitar coa morte non visible”, proclamou Morris. Para evitar o colapso silente, os asistentes discutiron diversas fórmulas para reivindicar a profesión escénica. Houbo quen propuxo unha programación de protestas constantes ás portas do Salón Teatro. “Sistematizar a toma das rúas”, resumiu Gustavo Pernas, quen apostaba por  facer actuacións de denuncia nos espazos públicos próximos ao Salón Teatro. “Quizais como aos luns ao sol, todos os luns ás doce”, propuxo. Rosa Álvarez, pola súa banda, recuperou a idea de ler un manifesto en todas as actuacións que se leven a cabo en Galicia, tal e como se fixera na última Feira das Artes Escénicas, para concienciar o público. Outros, como a cantante Mónica de Nut e a intérprete Belén Constenla, apostaron por unha maior contundencia ante a situación e a falta de diálogo. “Temos que facer ruído, todos os colectivos están na rúa e facendo moito ruído e nós estamos calados”, lamentou a intérprete.

Todas esas ideas quedaron no seo da asemblea, listas para madurar e ir saíndo en próximas intervencións nas que se busque a visibilidade. Como primeiro paso, os asistentes decidiron desenvolver un xesto simbólico xusto no Salón Teatro. Unha toma simbólica do balcón da sede do Centro Dramático Galego e pendurar a pancarta en contra do Desmantelamento. O actor Morris chamou por teléfono aos responsables do centro para pedir  unha vez máis que abriran a porta, mais unha vez máis atopáronse coa negativa. Polo tanto e como “un mínimo símbolo de desobediencia”, decidiuse que un compañeiro subise ao balcón e colgase o cartel, a denuncia escrita do “desmantelamento da cultura”.

Fonte: Praza

O sector das artes escénicas de Galicia corre serio perigo de desaparición

O  sector das artes escénicas de Galicia corre serio perigo de desaparición debido á redución da actividade e espectáculos. Segundo un Informe elaborado polo Consello da Cultura Galega 88 compañías puxeron en marcha 104 espectáculos durante o ano 2011. Segundo o mesmo informe a situación empeorou moito nos últimos anos debido á desaparición de compañías e o peche de salas. Salienta tamén a desaparición de festivais e a escasa actividade de compañías de monicreques, teatro infantil e creación contemporánea.

Os expertos que elaboraron este informe propoñen unha serie de medidas para o sector e abren a recepción de propostas ata o 30 de xaneiro.

Fonte: Culturagalega