Entradas

ICANN e puntoGAL asinan o contrato de creación do .gal

A ICANN, a corporación que goberna as direccións da Internet, acaba de asinar o contrato de creación do dominio .gal. O documento rubricado entre a ICANN e a Asociación Puntogal significa a culminación de sete anos de traballo nos que toda a sociedade galega se uniu para conseguir un distintivo de máximo nivel na Internet. Dende este venres, puntoGAL xa non é un candidatura, é o operador dun rexistro da Internet.

A Asociación puntoGAL comeza agora unha serie de probas técnicas obrigatorias antes da apertura do rexistro de direccións. Grazas a este contrato, os dominios .gal poderán comezar a rexistrarse  a comezos de 2014. Proximamente puntoGAL detallará cada unha das fases nas que estará dividido este proceso. Poucos meses despois poderase navegar por direcións .gal .

O documento publicado na web da ICANN fixa que o .gal nace para servir a comunidade lingüística e cultural galega. O contrato establece  que este grupo está formado por aqueles que “usen -ou comprométanse a usar- o galego nas súas comunicacións en liña, ou promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan especificamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade”.

Trátase do primeiro dominio de Internet aprobado para un grupo lingüístico e cultural dende a aprobación do .cat en 2005. Un fito histórico que aportará beneficios económicos, culturais e simbólicos ao país.

O feito de que as webs podan identificarse cun .gal contribuirá a aumentar o prestixio da sociedade galega, da súa cultura e do seu idioma, aumentando a autoestima entre os propios falantes e o interese polo noso idioma entre a comunidade internacional. Os portais web mellorarán a súa posición nos buscadores e o seu tráfico aumentará.

No económico, .gal servirá para que o diñeiro que hoxe se marcha do país ao rexistrar outros dominios (.com, .net), etc quede en Galicia xerando coñecemento e riqueza. O contrato asinado por ICANN establece que puntoGAL é unha organización sen ánimo de lucro, que reinvestirá todos os beneficios en fomentar o galego nas novas tecnoloxías.

Superado o desafío proposto en 2006, puntoGAL quere agradecer o alento sostido das principais entidades e instucións galegas en todo este tempo así como o apoio constante da administración autonómica e os premios recibidos nas últimas semanas (Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua, premio San Martiño do Concello da Estrada e nominación ao Premio do Público no culturGAL).

Agora ben, nin estes premios nin o apoio dos poderes públicos tería sido suficiente de non contar co respaldado de toda a sociedade, que se uniu para lograr situar a súa lingua na primeira liña da Internet. O dominio é voso.

Fonte: Puntogal