Artigos

Falece a escritora e xornalista Begoña Caamaño

A xornalista e escritora nada en Vigo en 1964 faleceu hoxe en Santiago tras un longo período de enfermidade que a obrigara a deixar en 2012 a súa profesión xornalística que desenvolvía na Radio Galega a través de programas como “Diario Cultural”, “Andando a Terra”, “Club Cultura” e “Expreso de Medianoite”. Do 2012 é tamén a súa derradeira obra escrita Morgana en Esmelle (Editorial Galaxia), pola que foi recoñecida co Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores; Premio da Crítica estatal; Premio á mellor obra narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria. O tanatorio de Boisaca, en Compostela, acollerá hoxe 28 de outubro ás 15 horas un acto de despedida.

Na recensión de Morgana en Esmelle en Lg3, a crítica Loréna Domínguez escribiu dela: “Begoña Caamaño constrúe nesta novela unha afirmación da muller, da memoria, da liberdade e da loita contra a opresión que non teñen cabida en ningunha paráfrase, arredadas todas da excepcionalidade que ela lles acadou. Morgana, como a Penélope navegante de Xohana Torres (e non só de Xohana Torres), coma a reescritura de tantas mulleres por tantas outras. E parece que abrimos de novo a caixa de Pandora, que outra vez mordemos a mazá de Eva, e que caen sobre nós a culpa e a loita incesantes que pesan sobre as que queren saber. Velaquí unha lectura que, se non sanda feridas, cando menos alumea esperanzas e camiños, tan necesarios en tempos de escuridade.” A Editorial Galaxia lamentou na súa páxina web o pasamento de Caamaño da que non ten dúbidas ao calificar como “unha das voces máis singulares da literatura galega actual” e anuncia para os vindeiros días actos na lembranza da autora.

Fonte: Culturagalega

Paula Carballeira fala d’A burra Ramona no programa ‘Somos quen’

A burra Ramona. Autora: Paula Carballeira. Ilustracións: Xosé Tomás

A burra Ramona, un bo día, deixa de traballar e decide que quere voar. A súa decisión vai influír nunha chea de personaxes que, colaborando con ela, van conseguir realizar os seus soños aprazados e mesmo desouvir os mandados do exército e do rei.

A actriz e autora Paula Carballeira fala da súa última obra A burra Ramona no programa Somos Quen da Radio Galega. O día 11 de xaneiro de 2014 no minuto 13:00. Para visualizalo clica AQUÍ.

A burra Ramona

A burra Ramona, un bo día, deixa de traballar e decide que quere voar. A súa decisión vai influír nunha chea de personaxes que, colaborando con ela, van conseguir realizar os seus soños aprazados e mesmo desouvir os mandados do exército e do rei.

MÁIS INFORMACIÓN

Visualiza gratis un capítulo de A neve e o lume antes de decidires se queres coñecer a autora

Visualiza gratis un capítulo de A neve e o lume antes de decidires se queres pasar a coñecer a autora, Chelo Suárez Muíños, á Feira do Libro da Coruña, (martes 6, 19:00horas)

http://www.baiaedicions.gal/galego/a-neve-e-o-lume.html?SID=un755iinp8jcdqojftnnv818m2

Comentario:

Vén Chelo Suárez guiada por Alejandra Pizarnik cuxos versos son a epígrafe de cada capítulo, con ecos do mundo de Erzébet (Elisabeth ou Elizabeth) Báthory, a condesa sanguenta, aquela que fixera do sadismo máis brutal o seu emblema até se converter en paradigma da crueldade sen límites ao servizo do pracer sexual. Mais aquí non hai outra tortura que o alento axeado do misterio, o rostro da morte cando esta é violada, os poderes do Maligno desencadeados como a tormenta perfecta. O perigo axexa, docísimo, tras a porta. Traspasala é chegar ao mundo dos mortos viventes, aboiar para sempre entre o ser e o non ser.

Vén, sen pudores nin eufemismos, porén delicada, cunha historia imposíbel, mais verdadeira por coherente, co seu sentido alén da realidade.

Porque, a que tes nas mans, lector ou lectora afortunado na túa escolla, é unha novela gótica que, se gustas deste xénero, non te ha decepcionar.

[Do Prólogo de Marica Campo]

Mª Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria

Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais.

O seu primeiro título foi a novela A orella no buraco en 1965 para inaugurarse despois no ensaio con A muller en Galicia, un título que iniciaría o seu traballo teórico no que publicaría posteriormente Recupereos as mans, sen dúbida dous libros de referencia nos ensaios do feminismo. Coñecida en especial como narradora, entre os seus títulos figuran Amantia, A semellanza, Amor de tango, O solpor da cupletista, Ten o seu punto a fresca rosa, Sentinela, alerta! ou Meu pai vaite matar. En poesía daríase a coñecer en 1991 con Metáfora da metáfora para seguir logo títulos como Despertar das amantes, Fora de min ou Cólera. 

Polo galego en todos os xéneros

O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a Mª Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. En teatro, publicou, entre outras, Antígona, a forza do sangue. Como tradutora achegou a nosa lingua obras de Margarite Yourcenar, Karen Blixen, Charlotte Perkins ou Emilia Pardo Bazán.

Os premios entregaranse o próximo día 20 nun acto que terá luga r na Casa da Cultura de Monforte no que se darán a coñecer tamén os nomes gañadores nas modalidades de libro, obra editorial, libraría, centro de ensino e fomento da lectura de 2012.

Fonte: SermosGaliza

Literatura e ciencia (IV). GENIUS

Aínda que non fose o primeiro en usalo, foi Vernor Vinge, científico e escritor de ciencia ficción, quen popularizou a expresión singularidade tecnolóxica para referirse a un punto crítico no desenvolvemento humano no que os cambios serán tan acelerados e profundos como nunca o foron na historia, imposibles de predicir nin sequera a curto prazo e darán lugar a un mundo irrecoñecible. Ese punto, segundo el, vaise acadar basicamente por dous camiños, que nalgúns tramos corren parellos: o desenvolvemento computacional e a manipulación biolóxica.

En principio, a quen lle amarga que as máquinas calculen máis rápido, que os computadores sexan cada vez máis pequenos e se podan levar a calquera parte, que nos fornezan coa enxeñería máis ousada, a cirurxía máis precisa, a condución máis segura? Ofrécennos servizos que non precisamos consumir, pero así dinamizan a economía. Facilitaron a globalización dos mercados e fixéronnos así máis inermes fronte ás corporacións que adquiriron proporcións e mecanismos esmagadores, pero déronnos a ilusión de dispor de información instantánea de calquera parte do globo, de calquera grao de interese. E máis aínda, ou aínda peor -pois esa ilusión informativa xa agromara na época catódica- déronnos a falsa idea de que as redes, a web 2.0, traían máis liberdade ao mundo. Xa non era a frustración impotente e televisiva de ter noticia do que pasa pero non poder facer nada. A nova web proporcionaba unha capacidade de intervención que parecía compensar o perdido coa globalización. Houbo -quen pode crer aínda nela?- houbo unha miraxe de ciberactivismo, chegamos a crer iso tan publicitado de que as redes sociais movían revolucións, molaba, facíanos habitantes dun mundo mellor, mesmo xustificaba a posesión dese smartphone que mercaramos cun certo remorso.

E igual que na evolución das redes informáticas e os seus dispositivos hai tanto aspectos escuros como luminosos, non será diferente o que ocorre coa manipulación biolóxica.

Biotecnoloxía ou selección xenética tense feito dende bíblicos tempos, e antes tamén, ao escoller para cruzar os exemplares que máis enchían o ollo do gandeiro, e a bolsa, por seren moi leiteiros, medraren axiña, resistiren as inclemencias… Mais cando se empregan técnicas de corta e pega dun xen dunha planta nun cromosoma dunha bacteria, poño por caso, falamos de enxeñería xenética e a cousa ponse máis seria. Aí estamos xa nun punto de inflexión na evolución biolóxica, a nosa especie modifica o proceso de herdanza xenética de xeito tan profundo que esa herdanza xa non é… a que viñamos herdando.

A cara luminosa: as aplicacións médicas, o remedio ou a mellora da calidade de vida dos enfermos de diabete, cancros, e outras moitas doenzas. A cara escura: non a coñezo no eido da medicina -un tema demasiado delicado como para que se lle dea publicidade a prácticas dubidosas como modelado de individuos, segregación xenómica, que sei eu-, pero noutros, como o da agricultura, hai exemplos ben claros. O que interesou ás primeiras empresas (velaí o xigante agroquímico Monsanto, dende a década dos noventa do pasado século) foi crear especies de soia, millo e outros cereais capaces de resistir aos propios herbicidas da corporación. Negocio redondo. Véndenlle ao agricultor o tóxico e maila planta resistente ao tóxico, e para rematar o sufrido comprador non pode empregar libremente parte da colleita para sementar o ano vindeiro, pois é propiedade intelectual de Monsanto, e tenlle que comprar de novo a eles a semente. Chamarlle kafkiano é pouco.

Así, unha tecnoloxía que se enxergaba como solución para o problema de alimentar a unha poboación en constante e exponencial crecemento estreábase do xeito máis lamentable con produtos que buscaban exclusivamente o incremento dos beneficios da corporación, con total desprezo da biodiversidade e dos efectos incalculables que podían ter eses produtos ao se liberar no medio ambiente. Se a iso engadimos as prácticas neocolonialistas da corporación e a chantaxe aos gobernos parar asegurarse mercados abertos, para agachar nos etiquetados os produtos obtidos con esas tecnoloxías, para intentar patentar xenomas de especies ceibes con potenciais usos farmacolóxicos, e outras de similar respecto ao ben común e á lexislación dos países, o cadro xeral ensombrécese ben, e o que podemos imaxinar sobre a enxeñería xenética en animais e humanos e de todo menos tranquilizador.

E remato, que me estou estendo de máis nesta presentación. Vivirán as vindeiras xeracións un período no que estas tecnoloxías eclosionarán, quizais con ese punto de singularidade, mais eu, con menos optimismo ca R. Kurzweill (1) sobre a miña esperanza de vida, non creo que o vexa, e matino sobre el en relatos coma este: Genius (2).

Se queres ler o texto, clica aquí. GENIUS

Texto: Cris Pavón

(1) Ray Kurweill: Persoeiro que ten escrito moito sobre a singularidade e a súa proximidade, pero ao que vou
deixar para outra ocasión.
(2) Genius: relato incluído na miña novela Limiar de conciencia.

‘Argo’ e ‘Os miserables’, grandes triunfadoras nos Globos de Ouro

Ben Affleck non é candidato ao mellor director nos Oscar, e con todo foi o ganador nesa categoría na 70ª edición dos Globos de Ouro, os premios que outorga a Asociación da Prensa Estranxeira de Hollywood (HFPA), por Argo. Máis aínda, no último momento da noite, a súa filme, a historia da liberación duns diplomáticos estadounidenses tras a toma da embaixada do seu país no Teherán revolucionario de 1979 -con ese incrible rescate- foi escollido o mellor drama nunha cerimonia chea de sorpresas, que parecía intentar desfacerse do típico latiguillo de “antesala dos oscar”. Aínda así, bastantes dos premiados repetirán máis que previsiblemente o 24 de febreiro na cerimonia da Academia de Hollywood. Mal teñen que estar as cousas para que alí non repitan premio Daniel Day-Lewis (mellor actor de drama por Lincoln), Jessica Chastain (mellor actriz dramática por A noite máis escura) e Anne Hathaway (mellor secundaria por Os miserables). Máis difícil terano Christoph Waltz (mellor secundario con Django desencadeado), que dentro dun mes poida que teña que renderse ante Tommy Le Jones (Lincoln), derrotado esta noite. No patio de butacas poida que se queden dous intérpretes que esta noite recolleron trofeo: Hugh Jackman, mellor actor en comedia ou musical con Os miserables, e Jennifer Lawrence, mellor actriz en comedia ou musical polo Lado bo das cousas.

Por cantidade, a triunfadora foi Os miserables cos seus tres globos de ouro: mellor comedia ou musical, Jackman e Hathaway. Con dous premios quedáronse a xa mencionada Argo e Django desencadeado (mellor guión para Tarantino e secundario para Waltz), e cun Lincoln (tremenda a cara de Spielberg cando gañou en dirección Affleck), A vida de Pi (a mellor banda sonora polo labor do canadiense Mychael Danna), Skyfall (para a canción de Adele, que volvía por primeira vez a un acto público trala súa maternidade, e que así logra o primeiro Globo de Ouro na historia para un tema bond).

Brave, a película producida por Disney con, como é normal, o ollo escrutador detrás de John Lasseter, e coa dirección de Mark Andrews e Brenda Chapman, levouse o premio a mellor filme de animación. E a austriaca Amor, de Michael Haneke, foi a mellor película de fala non inglesa nun momento surrealista da noite: Arnold Schwarzenegger e Sylvester Stallone foron os que entregaron o trofeo -dous tipos de inglés dificultoso- e Haneke mencionou o curioso que un austriaco lle dea o premio a mellor filme de fala estranxeira a outro austriaco nun galardón concedido pola prensa estranxeira en Hollywood. Vivir para ver. Por certo, Amor é outra das grandes favoritas aos Oscar que recibiron o espaldarazo dos Globos.

Entre os momentos sorprendentes da noite, dúas aparicións: o do auténtico Tony Méndez, o axente da CIA protagonista de Argo, e o do expresidente Bill Clinton, que presentou o vídeo introductorio de Lincoln. Clinton estivo nos Anxos grazas ao bo facer de Spielberg. O que si estaba claro é que os premios recaeron sobre grandes servidores aos EE UU: houbo un exagente da CIA, un expresidente, gañou un actor encarnando a un presidente, dúas actrices (Chastain en Argo e Danes en Homeland) e Homeland foi escollida mellor serie dramática.

O acto tivo lugar no hotel Beverly Hilton dos Anxos e presentárono con acerto as cómicas Tina Fey e Amy Poehler, que xa empezaron moi cañeras na presentación, cando dixeron que Kathryn Bigelow sabía de que falaba no tema torturas na noite máis escura, xa que “estivo casada tres anos con James Cameron”. Tamén estiveron estupendos os cómicos Will Ferrell e Kristen Wiig, no momento de entregar o premio ás actrices secundarias. Os caretos longos puxéronos Tommy Le Jones e Mel Gibson, que asistiu para ver como a súa amiga Jodie Foster recollía o premio de honra Cecil B. De Mille pola súa carreira. Foster realizou un gran discurso sobre vida pública e dereito á privacidad, sobrevoando sobre o seu lesbianismo e a súa lonxeva carreira -empezou aos tres anos e xa cumpriu medio século-.

Fonte: El País

Foto: Robyn Beck (Afp)