Entradas

Memoria e literatura son unha parella indisociable…

Memoria e literatura son unha parella indisociable, tautolóxica case. A escrita, mesmo a linguaxe, que son senón unha extensión da memoria? Memoria como coñecemento, estrutura viva das informacións que extraemos do medio.

Atopámolas onde sexa que ollemos. Dende as narracións orais máis antigas ata contos como o paradoxal “Funes el memorioso” onde Borges amosa o esquecemento como condición inexorable do avance do tempo, ou o oxímoron –quizáis só aparente- de “Recuerdos inventados” de Vila Matas, e tantos máis salientables que os límites deste texto fanme desbotar. Mais nunca sen facer reverente mención do santo patrono, o home que mergullou nelas con profundidade e alento incomparables, e que cuñou cunha magdalena ese tipo de lembranza que asolaga a conciencia cun eu antigo, o xeito de memoria máis potente que podemos ter, experimentando durante uns felices intres que seguimos a ter connosco ese eu que fomos. e ao que tanto apego tivemos.

Durante moito tempo pertencín eu a ese período magdaleniense –desculpen o chiste- cativada polo inmenso da arela proustiana, que quizais contribuiu a facer a miña relación coa escrita  angustiosa e improdutiva. Pero a memoria –a vida- non pode ficar sempre nun territorio e xa que logo explorei outros periodos, outros estratos xeolóxicos, e, como xa contei en anteriores entregas, atopei na ciencia unha inspiración. Nos antropólogos á busca dos nos nosos máis remotos devanceiros, nos achados paleontolóxicos que nos teñen aclarado a nosa natureza e condición -sempre coa evolución na orixe/explicación de todo- e da fascinación que esas pescudas me teñen producido, naceu o relato Excavacións. A memoria fósil da colectividade tomada como modelo da memoria personal.

E sigo a escribir relatos coa memoria como protagonista. A neurobioloxía ten moita luz que deitar no funcionamento da memoria e os procesos cognitivos. Como se forman as pegadas mnémicas no cerebro, como recuperamos as lembranzas, como e por que esquecemos, que información se fai consciente ou inconsciente… Todos os mecanismos que conforman a nosa identidade teñen o soporte da memoria. Como non incorporalos dalgún xeito á narrativa?

Se queres ler o texto clica aquí Excavacións

Texto: Cris Pavón