Entradas

Reflexións sobre O libro e a lectura nos medios

Algunhas das bibliotecarias asistentes á décimo primeira edición do Simposio O libro e a lectura amosaron públicamente  que sentían que era a edición máis triste das máis de 9 nas que tiñan participado como público, e non pola ausencia de público atento, máis de 60 persoas, que nunca decepciona e, con independencia dos temas a tratar, enche o auditorio do Consello da Cultura Galega, desprazándose dende  Ourense, Lugo ou A Coruña, senón pola derruba que se percebe cando son xornalistas os que teñen que falar da realidade da información cultural e dos medios tradicionais e a súa atención aos sectores da cultura do país.

Elementos para a reflexión 

A xornada deixou interesantes argumentos para a reflexión de todos os axentes culturais implicados nos procesos de comunicación cultural: Que os axentes do  libro e a lectura teñen que adaptar as súas estratexias á segmentación das audiencias, outra realidade na que todos os intervintes coincidiron e que vén de constatarse nos datos ofrecidos por Manuel Gago, director de culturagalega.org. Que público cultural é variado e heteroxéneo e pode compartir ou non a súa afición pola música coa afición coa lectura, outro si acontece co cine e outros produtos adiovisuais. Que o libro debe estar atento ao nichos de mercado, bucear entre o mar das redes sociais para achegarse aos seus lectores e calibrar o protagonismo que foron cobrando os  blogueiros, xornalistas, críticos, etcétera, como mediadores cos lectores. Que o xornalismo cultural ten que contar con profesionais formados e os responsables dos medios, públicos e privados, democratizar os procesos de información prestando atención ás necesidades culturais da audiencia. Que o xornalismo, sexa por precario ou por banalizar a información cultural, non está respondendo ás actuais demandas socioculturais. Que os medios tradicionais están perdendo influencia en favor doutros recursos comunicativos, moito máis participativos e atentos aos cambios sociais.

Os xornalistas participantes amosáronse moi pragmáticos e realistas no que atinxe á valoración da situación pola que atravesan os medios tradicionais  e recoñeceron as dificultades dos contidos culturais para  facerse cun oco nos seus espazos, tendo tamén en conta a actual crise mediática e a relación entre contidos e publicidade. Os medios de comunicación máis pequenos, incluso unipersoais, con criterios pouco economicistas, moito máis centrados no traballo especializado e nesas audiencias segmentadas, desprenderon moito máis optimismo en canto ao futuro e as posibilidades da información cultural.

Fonte: AGE

O galego, na Modern Language Association

A Directora Executiva da Modern Language Association (MLA), Rosemary G. Feal, fixo pública a inclusión da lingua, a cultura e a literatura de Galicia no organigrama deste organismo para que estean “en pé de igualdade” coas demais do mundo. En concreto, estes patrimonios inclúense a través do Foro Galician Language, Literature and Culture (LLC), iniciativa que para Rosemary G. Feal representa unha “suma importante” á estrutura da Modern Language Association.

Deste modo, finaliza un proceso iniciado en maio de 2013 coa posta en marcha dunha campaña a grande escala destinada a conseguir apoios para a creación deste foro na MLA.

Para o profesor asociado da Universidade de Wisconsin-Milwaukee (USA), Gabriel Rei-Doval, “como organización de referencia en linguas, literaturas e culturas do mundo que é o MLA, a creación dun foro de calquera cultura, lingua e literatura adicional recoñecida” por ela necesita de “un rigoroso, exhaustivo e protocolizado proceso”.

Este proceso ten que pasar diversas e “moi esixentes” instancias e filtros burocráticos, académicos e organizativos –como a División de programas da MLA, o Consello Executivo e a Presidencia da organización– antes de poder emitirse o ditame favorable que permite a creación deste foro.

Ademais, o profesor Rei-Doval destacou que o foro MLA Galician Studies foi “o que máis adhesións recibiu de todos os solicitantes” –aproximadamente 300 docentes e investigadores” nesta revisión de programas realizada no bienio 2013-2014.

A lingua, cultura e literaturas galegas entran así a formar parte dun club selecto no que se atopan outras linguas, culturas e literaturas minorizadas, como o catalán, o escocés ou o yiddish.

Fonte: El Correo Gallego. FOTO

‘A Esmorga’ revive da man de Ignacio Vilar

Tres personaxes marxinais que entran nunha espiral de violencia e alcol deambulan pola ruta de A Esmorga, a novela máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor, que onte se recreou en Ourense tras a estrea da película que metaforiza ese mundo sórdido.

No marco dunha ruta literaria sobre a novela do insigne escritor, o director da película, que foi presentada o sábado no Festival de Cine Internacional de Ourense, Ignacio Vilar, e un dos actores, Antonio Durán Morris, seguiron os pasos realizados naquelas fatídicas 24 horas por Cibrán, Bocas e Milhomes, os tres personaxes centrais da historia, nunha xornada chuviosa propia da película.

Diferentes escenas da obra de Blanco Amor sobre a noite vivida por estes tres personaxes foron explicados polo guía, nunha historia que comeza co relato de Cibrán o Castizo ante o xuíz sobre as vinte e catro horas de bebedeira que pasou xunto a Milhomes e Bocas, nas que crearon problemas na localidade de Auria, trasposición literaria de Ourense.

Así, seguindo os seus pasos, o equipo percorreu os lugares emblemáticos da narración, como a taberna da tía Esquilacha, a ponte das Burgas, baixo o cal se refuxiaron da choiva e onde se situaba o muro da casa dos Andrade, ata as augas termais ou a Praza do Corrixidor.

Esta adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor, escrita en 1959 e considerada unha das obras cumes da literatura galega, deu o pistoletazo de saída á XIX edición do festival, coa exhibición da película, que hoxe tivo continuidade con esta xira polas rúas ourensás.

O realizador galego, Ignacio Vilar, que estivo presente na visita, sinalou que o obxectivo desta adaptación era “respectar todo o que se puidese a ruta da novela”, seguindo os pasos que imaxinou por Blanco Amor, “coa sorte de que a ruta está intacta”, salvo pequenas excepcións, incluída o nome das rúas citadas por Blanco Amor.

Os espazos xeográficos que percorren os protagonistas, nos que se poden ver unhas placas cos fragmentos das obras, sitúanse no que entón era o Ourense suburbial, entrando na parte hidalga e burguesa de forma ocasional.

Vilar resaltou que se respectaron “o 80 por cento” das localizacións que menta Blanco Amor e agregou que as principais dificultades foron algúns interiores, como o pazo dos Andrade.

Tras meses de duro traballo, a película abriu onte o Festival de Cine Internacional de Ourense antes da súa estrea o próximo día 21 nas salas galegas.

Pasados os nervios iniciais de presentar a película na terra onde está ambientada, sinalou que o obxectivo é achegar este filme ao público de Galicia, para seguir o seu percorrido polas salas nacionais e internacionais, neste caso, a través festivais.

Precisamente, esta mesma semana o director de A Esmorga reivindicou a presenza desta película en lingua galega tamén “nas salas comerciais”, para o que pediu a implicación dos espectadores á hora de encher as salas, a fin de manter o filme nos circuítos comerciais.

Fonte: Galiciaé

A cola de dragón

Xabier é o protagonista desta historia, na que nos explica como aprendeu que, ás veces, nos enfadamos moi forte por accións que logo desaparecen.

Os libros desta colección falan diso, dos sentimentos e as emocións: primeiro aprendendo a recoñecelas (decatarme que estou triste); a saber expresalas (dicir “quérote”, “estou triste” ou “síntoo”); tamén aprendendo a autocontrolarse (pensar antes de falar ou pegar), a facer amigas e amigos; e, finalmente, a ser responsable.

MÁIS INFORMACIÓN

O MAC convoca axudas de mobilidade para artistas e xestores culturais

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa convoca, por primeira vez e con carácter extraordinario, de quince axudas de mobilidade xeográfica dirixidas a artistas, xestores culturais e outros profesionais do sector creativo, artístico e cultural de Galicia, residentes na comunidade, coa fin de contribuír á xeneración de redes internacionais de colaboración e a adopción de boas prácticas dentrod estes sectores. As axudas son de 500 euros, e o prazo de solicitude está aberto entre o luns 10 e o día 17.

Fonte: Culturagalega

Desde o Goberno xa non están na etapa dos recortes, senón na do abandono

A Asociación de Nais e Pais Galegas -Anpas- organizaron hai unha semana a terceira dunha serie de xornadas extraordinarias nas que analizan a problemática do ensino no país, onde son moi críticos coa Xunta.

Realizaron en Vigo outra xornada de traballo de Anpas Galegas, dentro dun proceso que os está levando por todo o país.

-A maiores das xuntanzas habituais en Santiago, decidimos, sen unha periodicidade fixa, organizarmos reunións por todo o país, para ter diálogos con pais e nais máis amplos, de todo un día, para coñecer de primeira man a opinión e as problemáticas concretas. Estivemos en Lugo, na Costa da Morte, en Vigo e seguiremos en canto poidamos.

Son moi diferentes as queixas de nais e pais dependendo da zona do país?

-É máis homoxéneo do que parece. Hai matices, obviamente, pero as maiores diferenzas sobre todo atinxen os condicionantes socioeconómicos, non tanto a outros. Por exemplo, non cambia tanto entre un barrio de Vigo e o centro de Carballo, talvez si máis a respecto de bisbarras máis rurais.

Os recortes serán tema central nestas xuntanzas, pódese supoñer. 

-A sensación é de que xa estamos noutra fase, máis avanzada, da destrución do ensino público en Galiza, que desde o Goberno xa non están na etapa dos recortes, senón na do abandono, cunha precariedade que só se vai salvando grazas ao voluntarismo de profesores, direccións ou pais e nais, porque desde a administración, nada.

Teñen os pais e as nais de alumn@s que adoptar un papel máis reivindicativo?

-As Anpas sempre tiveron ese papel reivindicativo, o que ocorre é que neste tempo histórico tan duro pasaron de centrarse case unicamente nos problemas concretos de cada centro a ter unha visión máis xeral, non tan limitada a cada ámbito propio, senón consciente do deterioro de todo o Ensino, e de que a saúde da educación pública é algo que beneficia a todos e todas, non só a quen ten un familiar nun colexio.

Fonte: Sermos Galiza

Falece a escritora e xornalista Begoña Caamaño

A xornalista e escritora nada en Vigo en 1964 faleceu hoxe en Santiago tras un longo período de enfermidade que a obrigara a deixar en 2012 a súa profesión xornalística que desenvolvía na Radio Galega a través de programas como “Diario Cultural”, “Andando a Terra”, “Club Cultura” e “Expreso de Medianoite”. Do 2012 é tamén a súa derradeira obra escrita Morgana en Esmelle (Editorial Galaxia), pola que foi recoñecida co Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores; Premio da Crítica estatal; Premio á mellor obra narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria. O tanatorio de Boisaca, en Compostela, acollerá hoxe 28 de outubro ás 15 horas un acto de despedida.

Na recensión de Morgana en Esmelle en Lg3, a crítica Loréna Domínguez escribiu dela: “Begoña Caamaño constrúe nesta novela unha afirmación da muller, da memoria, da liberdade e da loita contra a opresión que non teñen cabida en ningunha paráfrase, arredadas todas da excepcionalidade que ela lles acadou. Morgana, como a Penélope navegante de Xohana Torres (e non só de Xohana Torres), coma a reescritura de tantas mulleres por tantas outras. E parece que abrimos de novo a caixa de Pandora, que outra vez mordemos a mazá de Eva, e que caen sobre nós a culpa e a loita incesantes que pesan sobre as que queren saber. Velaquí unha lectura que, se non sanda feridas, cando menos alumea esperanzas e camiños, tan necesarios en tempos de escuridade.” A Editorial Galaxia lamentou na súa páxina web o pasamento de Caamaño da que non ten dúbidas ao calificar como “unha das voces máis singulares da literatura galega actual” e anuncia para os vindeiros días actos na lembranza da autora.

Fonte: Culturagalega

O informe de Comerio Interior do Libro reflicte a redución das cifras do sector

Manolo Bragado, editor, directivo da AGE e director de Xerais, resume en Bretémas os datos máis relevantes do sector editorial español e galego a través da información reflectida polo  informe Comercio Interior del libro en España 2013, o estudo de referencia sobre o estado do sector editorial privado encargado pola Federación de Gremios de Editores de España e elaborado cos datos proporcionados polos diversos editores. Un informe que no conxunto do sector español amosa no pasado ano 2013 unha significativa redución das vendas do 11,7 % (2.181,97 millóns de €), o que supón 289,51 millóns de € menos ca o ano anterior; unha perda do 9,6 % dos exemplares vendidos (153.828), 16,4 millóns de exemplares menos vendidos no mercado interior; un decrecemento do 3,5 % no número de títulos editados  (76.434) e dun 12,1 % dos exemplares fabricados (246 millóns), trinta e seis millóns de exemplares menos ca en 2012. Cifras que se tomamos como referencia 2008, o ano de inicio da crise, supoñen unha redución das vendas do 31,70 % (máis de mil millóns de €) e do número de exemplares producidos do 27,1 % (85 millóns menos), sendo o número de títulos editados (76.434) semellante ao do ano 2009. O sector da edición española en cinco anos de crise perdeu un terzo da súa facturación e da súa tirada, un severísimo exercicio de enmagrecemento.

Os títulos dos editores galegos baixan un 10%

No caso da edición galega privada, a realizada polos membros da Asociación Galega de Editores, os principais indicadores tamén presentan no seu conxunto considerables reducións. O número de títulos publicados polos editores privados galegos baixa un  10,9 %, pasando dos 1.888 de 2012 (1.458 en galego, 397 en castelán e 34 noutras linguas) aos 1.682 de 2013 (1346 en galego, 315 en castelán e 21 noutras linguas). Tendencia á baixa que se produce tamén no caso do número de exemplares fabricados que en 2012 foron 2.426.000 e en 2013 2.275.000, o que supón unha redución do 6,22 % (151.000 exemplares). Cifras que paradoxicamente levan á que a tirada media do libro publicado en Galicia por editores privados se incremente nun 5,21 %, pasando dos 1.285 exemplares por título de 2012 aos 1.352 de 2013.

A edición en galego de editores privados acadou en 2013 os 1.747 títulos (1.346 publicados en Galicia, 324 en Madrid e 78 en Cataluña), o que supón unha redución do 5,46 %, xa que en 2012 os títulos foron 1.848 títulos (1.458 publicados en Galicia, 334 en Madrid e 55 en Cataluña). Cifras que expresan que no último ano o 77,0 % do libro en galego é editado en Galicia, o 18,54 % polos membros da Asociación de Editores de Madrid e o 4,46 % polo Gremi d’Editors de Catalunya. Datos que amosan, ademais, que os editores galegos reduciron nun 7,68 % os títulos en galego, que pasan dos 1.458 de 2012 aos 1.346 de 2013. Redución que no caso dos exemplares fabricados é do 6,15 %, pasando dos 1.917.000 de 2013 aos 1.799.000 de 2013 (118.000 exemplares). Cifras que sitúan a tirada media do libro editado en galego por editores privados en 2013 en 1.378, o que supón un incremento do 4,7%, sendo tamén un chisquiño superior á tirada media do libro editado en Galicia, 1.394. O catálogo do conxunto do sector acadou en 2013 os 13.945 títulos, aumentando un 4,91 % con respecto ano anterior (13.292). O catálogo do libro en galego situouse en 2013 nos 11.332 títulos, o que supón un incremento do 4,62 % con respecto a 2012 (10.804).

Como xa antes adiantamos a facturación do comercio interior do libro en España foi no ano 2013 de 2.181,97 millóns de euros, dos que o estudo estima corresponden a Galicia o 6,4 %  (un incremento de catro décimas sobre o ano anterior), 139,646 millóns de €, o que supón unha redución do mercado do libro en Galicia do 5,82 % (8,63 millóns de euros), en todo caso inferior á do conxunto do estado.

Outro -10,42% na facturación

A facturación das editoras privadas galegas foi de 24,66 millóns de €, unha redución do 10,42 % con respecto ao ano anterior (27,53 millóns de €). O estudo estima que a facturación do libro editado en galego en Galicia foi de 20,49 millóns de €, unha redución do 5,05 % con respecto a 2013 (21,58 millóns de €). Tanto no caso do libro editado en Galicia (24,66 millóns de €) como o editado en galego (20,49 millóns de €), as librarías independentes continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 61,0 % no primeiro caso (15,04 millóns de €) e nun 58,30 % no segundo (11,94 millóns de €). Dos datos pode estimarse que as librarías e as cadeas de librarías galegas durante o ano 2013 venderon 85 millóns de €, o que supoñería que o 17,69 % das súas vendas corresponderon a libros editados en Galicia e  o 14,04 % a libros en galego editados en Galicia. As vendas do libro en Galicia teñen un forte carácter estacional, concentrándose nun 61,8 % no segundo semestre do ano. No que atinxe ao pagamento de dereitos de autor, en 2013 foron 1,39 millón de € (o 5,30 % das vendas), unha diminución do 6,71 % con respecto a 2012, ano no que os editores galegos pagaron aos seus autores 1,49 millón de € (o 5,20 % das vendas).

Se cruzamos estas cifras de facturación, obtemos que a cota de mercado en Galicia dos libros editados polos membros da Asociación Galega de Editores foi en 2013 do 17,65 %, o que supón unha lixeira dimunición con respecto a 2012 (18,56 %). A cota de mercado do libro editado en galego sería o 14,67 %, o que supón un incremento do 0,12 % con respecto ao ano anterior, supoñendo como xa adiantamos para a canle libreira o 14,04 % da súa facturación.

A redución acumulada dende o ano 2008 é do 26,16% 

Se relacionamos estas cifras de facturación coas de 2008, ano no que a facturación do sector acadou os 33,04 millóns de €, a redución foi do 26,16%, o que estimamos que a prezos constantes supoñería unha porcentaxe arredor do 30 %. No caso da edición en galego, sendo a facturación en 2008 de 23,27 millóns de €, a máis elevada até hoxe, a redución é do 8,61 %. No caso do volume de edición, o número de exemplares fabricados, tanto para a edición en Galicia como para a edición en galego, continúa sendo inferior ao de 2008.

O estudo de Comercio Interior de 2013  estima que, despois da forte redución do persoal no ano 2012 (un 19,40 % dos cadros de persoal) en 2013 non se produciu perda de emprego no sector editorial galego, sendo 189 persoas as que traballan nas empresas da Asociación Galega de Editores das 12.241 do conxunto do sector no estado. O informe sinala que en Galicia son 40 as empresas participantes no estudo das que o 52,6 % forman parte dun grupo editorial.

Concluíndo. O sector da edición privada en Galicia, que forma parte da Asociación Galega de Editores, no ano 2013 continuou reducindo o seu número de títulos nun 10,9 %, o de exemplares fabricados nun 6,22 % e a súa facturación nun 10,42 %, valores semellantes ás do conxunto do sector. No caso da edición en galego, está redución tamén se produce, aínda que sexa de forma máis moderada, xa que os títulos decreceron nun 5,46 %, os exemplares nun 6,15 % e a facturación nun 5,05 %.

Fonte: AGE

O número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos

A extrapolar datos do Censo de Poboación de Vivendas do INE, o Instituto Galego de Estatística acaba de publicar no seu web os datos relativos ao coñecemento e uso do galego entre as familias do noso país. Segundo esta análise, o número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos fronte aos datos de 2001 a ficar nun 43,5% do total de falantes. A cifra verifica o apuntado no Mapa Sociolingüístico de Galicia, que xa en 2009 alertaba de que o galego deixara de ser lingua maioritaria da poboación.

Diminúe tamén, no entanto, o número de persoas monolingües en castelán, que fica nun 10,9%, mentres se incrementa a poboación que emprega en diferentes momentos as dúas linguas, a chegar a un 45,3%.

Desde a Consellaría de Educación e Cultura considéranse positivos estes datos ao sinalar que a suma de bilingües e de monolingües en galego “supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001”. Segundo a Consellaría “así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores”.

En canto a competencias na lingua, o 98,6% da poboación apunta que comprende o galego e máis do 90% atópase a si mesma capacitada para o falar.

Fonte: Culturagalega

Foto: Porcentaxe de poboación de 5 ou máis anos que fala sempre en galego por concellos. Galicia

Xa dispoñible o programa do MexilOnseTuits

O Mexilóns&Tweets é un evento ao redor da empresa, o turismo, o marketing e as redes sociais que combina unha gala de premios con conferencias formativas e actividades de convivencia para o sector da web 2.0 galega. Este ano celebrarase o 18 de outubro en Cangas e contará con conferencias de Frankie Gómez, CEO de Confirmsign, e de Eduardo García Erqueiaga, ex-durectir da Escola de Negocios Caixanova. As categorías dos premios son a mellores campañas sociais, comericais e de integración de e-commerce, así como aos mellores blogs de turismo, moda e gastronomía.

Fonte: Culturagalega