Entradas

Premios da Crítica Galicia 2014

Xosé María Lema, Xosé Ramón Freixeiro, Poetas D(in)versos, Berrogüetto, Antón Pulido, Lois Pereiro e Grupo Cuevas foron os premiados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “A beleza feriume para sempre”, recollido dun verso de Xosé María Díaz Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país no Hotel Los Escudos de Vigo. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséxima sétima edición na que por vez primeira se convocaba a modalidade de Cultura Gastronómica.

“Costa do Solpor” de Xosé María Lema, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria acordou declarar finalistas as obras Costa do solpor de Xosé María Lema (Xerais), O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (Galaxia) e Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Costa do Solpor de Xosé María Lema editada por Xerais. O xurado salientou que “a obra gañadora asume diversos modelos narrtaivos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”.

“Estilística da lingua galega” de Xosé Ramón Freixeiro Mato , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación acordou declarar como finalistas as obras Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas (Xerais),  Arte e ciencia en Galicia de Francisco Díaz Fierros (Servizo de Publicacións da USC)  e Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato editada por Xerais. O xurado salientou “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. Así mesmo subliñou “o seu potencial na investigación lingüística e a súa apliación en relación ás novas tecnoloxías”.

“Ciclo Poetas D(in)versos”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas D(in)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a  Ciclo de Poetas D(in)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do Mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”.

O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.

 “Berrogüetto”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Historia da Música en Galicia de Lorena López Covas, Berrogüetto e Germán Díaz. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio por maioría a Berrogüetto.  O xurado salientou “a excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

“Antón Pulido”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Antón Pulido.

O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.

“Costa da morte” de Lois Patiño, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Costa da morte de Lois Patiño, As do peixe de Abrapalabra creacións escénicas e Eurozone de Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á película Costa da morte de Lois Patiño. O xurado salientou “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e  paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”.

“Grupo Cuevas”, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Empresa Cuevas S.A., Fundación Dieta Atlántica e Centro Superior de Hostelería de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Grupo Cuevas. O xurado salientou que Grupo Cuevas é “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.

A esta edición asistiron, entre outros, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Fonte: Galicia Confidencial. Foto

Baía participará na Feira Internacional do Libro de Fránkfurt

Do 7 ao 12 de outubro o sector galego estará representado na Feira do Libro de Fránkfurt por profesionais de Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Ouvirmos, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, KNS Ediciones, Arnoia Distribucións e Asociación Galega de Editores. A Cámara de Comercio de Santiago colabora na organización da visita cunha importante  axuda á presenza individual dos editores e dos seus stands. A institución cameral despraza a Fránkfurt a unha das súas profesionais. A AGE ten previstas diversas reunións e entrevistas con axentes editores do sector internacional.

O stand colectivo da Xunta de Galicia contará cunha mostra de libros dos editores que traballan na feira. Segundo unha nota publicada na web da Xunta de Galicia viaxa a Fránkfurt o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén estará na feira convidado pola institución autonómica, o ilustrador Xosé Tomás, que ten previsto ofrecer dous obradoiros de ilustración.

Finlandia é o país convidado do ano 2014.

A primeira Feira do Libro de Fránkfurt data do ano 1480

A Feira Internacional do Libro de Fránkfurt continua sendo unha cita obrigada para os editores de todo o mundo. Desde o século XV e co desenvolvemento da moeda e dos negocios relacionados con ela foron sentándose as bases  do mercado, os bancos, etcétera. A cidade alemana veu sendo protagonista dos cambios e transformacións do sistema económico dese tempo no que as feiras de todo tipo de mercadorías eran a oportunidade para o intercambio de bens. Coa imprenta de Gutenberg no ano 1445, os libros comezaron a ser obxectos demandados e ese negocio de material impreso transforma a cidade no  primeiro centro de impresión de libros de Alemania, a finais dese século. No ano 1480  ten lugar a primeira feira de libros desa cidade. Logo de moitas décadas de interferencias e conflitos sociais e políticos, no século XX, concretamente no ano 1907 restablécese a tradición das feiras de Fránkfurt.

Fonte: AGE

Inauguración da tempada de outlets do libro

A nova tempada de outlets do libro comeza este mesmo sábado, 4 de outubro, na cidade de Pontevedra. A actividade, organizada pola Asociación Galega de Editores conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e desenvolverase na Café Moderno (Centro Social A Fundación). Nesta nova edición conta coa participación de 16 editoriais e poñerá á venda uns 10.000 exemplares a prezos reducidos. Un 85% dos títulos ofertados terán un desconto en función do número de exemplares comprados. O 15% restante corresponde a edicións singulares que se ofertan a 5, 10 e 15 euros.

Un libreiro da cidade xestionará este espazo singular de venda temporal de libros. O Outlet permanecerá aberto ata o domingo 12 de outubro en  horario de 11 a 14h e de 17 a 21h.

Fonte: AGE. Foto

O secretario xeral de Política Lingüística clausura as Xornadas ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’, coas que a Consellería de Cultura e Educación congregou en Madrid 150 especialistas en lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, clausurou hoxe á tarde en Madrid a parte académica das xornadas internacionais “Literatura galega: identidade, alteralidade e exilio”, que organizou o  Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Complutense de Madrid –un dos 36 cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia- en colaboración coa UNED.

García Gómez destacou durante a súa intervenciónas vantaxes da crecente internacionalización dos estudos galegos ao afirmar que “o interese pola lingua e a cultura de Galicia medran cada día alén das nosas fronteiras e van consolidando un tecido investigador capaz de achegarnos novas e interesantes perspectivas que arrequecen o noso coñecemento de nós mesmos”.

Acompañaron o secretario xeral no acto de clausura Carmen Mejía Ruíz, profesora da UCM e directora do Centro de Estudos Galegos de Madrid; Silvia Iglesia Recuero, vicerreitora de Estudos de Grao da UCM; e Xavier Frías Conde, profesor da UNED.

No encontro participaron, desde o xoves, máis de 150 estudosos e especialistas en lingua e literatura galegas, preto dun cento deles relatores e conferenciantes das xornadas, chegados de diferentes universidades españolas e estranxeiras adscritas tamén á Rede de Centros de Estudos Galegos da Consellería de Cultura e Educación.

Amais das sesións académicas, o programa das xornadas inclúe unha visita organizada ao Real Mosteiro do Escorial, onde os/as participantes terán oportunidade de achegarse de primeira man a códixes da literatura galega medieval, como por exemplo os que alí se gardan das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio.

Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’

As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 “Literatura galega: identidade, alteridade e exilio”, organizadas conxuntamente polo CEG de Madrid e mais pola UNED, cumpriron o obxectivo de facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos centros galegos das universidades do mundo e noutras institucións.

Estas xornadas internacionais incluíron na súa primeira xornada as conferencias “Literatura galega en Madrid: exótopos e belixerantes”, de Vicente Araguas (plenaria) e “Unha visión do Grupo Bilbao desde dentro. Mitos e realidades de case 20 anos de literatura galega en Madrid”, de Xavier Frías Conde, así como relatorios centrados en cultura e literatura no s. XIX, identidade galega no exilio, literatura e identidades, literatura galega e comparada, poética galega,  música e literatura galega, o Grupo Bilbao, lingua e identidade e teatro e literatura galega. O xoves puxo o peche a presentación da antoloxía poética “Esferografías” (Lastura, 2014), do Grupo Bilbao, canda un recital poético.

A segunda xornada, que pechou hoxe a parte académica do encontro, abriuse coa plenaria de Xesús Alonso Montero “Un volume insólito na bibliografía antifranquista galega: Galicia hoy, coordinado (con pseudónimos) por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, editado por Ruedo Ibérico (París) e impreso en Buenos Aires (1966)”, á que seguiu a presentación de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 17 (2014). Seguíronas, ao longo da mañá de hoxe, relatorios centrados na Identidade galega no exilio, na actividade editorial contemporánea, na literatura galega de posguerra, nos estudos rosalianos, na lingua e literatura galega medieval, na literatura galega comparada e na literatura galega contemporánea. Xa pola tarde, continuou coa conferencia de Domingo Villar “A praia dos afogados, adaptación cinematográfica dunha obra literaria” e con relatorios sobre a identidade feminina na literatura, cine e literatura, literatura galega e comparada e escenografía, fotografía e industrias culturais.

Logo do acto de clausura oficial, no que participou o secretario xeral, púxolle o ramo no Paraninfo á parte académica un recitado musical de Samuel Diz á guitarra clásica galega.

Toda a información sobre o programa desenvolto en http://cegmadrid.wix.com/simposioucm-uned2014.

Proxección exterior da lingua e da cultura galegas

A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Brasil, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a provisión de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Fonte: Xunta de Galicia

Os nenos que pasan moitas horas diante de pantallas teñen un mal rendemento escolar

Desde o ano 2013 a información xerada a través dos estudos realizados polas institucións que alertan sobre as consecuencias do uso indiscriminado das  pantallas (tablets, ordenadores, televisións, móbiles, etc ) e os seus efectos no rendemento escolar, comeza a contar con máis espazo en algúns medios especializados, sendo a súa difusión moito máis potente. Un equipo de investigadores estadounidenses liderados polo psicólogo da Universidade de Iowa, Douglas Gentil, logo de analizar a 1.323 estudantes de Iowa e Minnesota, concluiron que os nenos que pasan moitas horas diante de pantallas, de calquera tipo, teñen unha peor calidade de sono, incremento de peso e un mal rendemento escolar. O estudo foi publicado pola revista JAMA Pediatrics. Están sendo os médicos e outros profesionais relacionados os que máis se están interesando polas consecuencias dos medios nos nenos e  nenas expostos a moitas máis horas das razoables aos efectos das pantallas.

Nun artigo publicado na prestixiosa revista Science o pasado mes de maio, os investigadores destacan a mellora das habilidades sociais e emocionais dos escolares separados das pantallas durante un campamento de verán.

O negocio tecnolóxico a debate

O negocio tecnolóxico trata de introducirse en todos os ámbitos da vida cotiá, nada é alleo a esa realidade na que se conxugan uns atractivos soportes electrónicos e a posibilidade de interacción virtual inmediata. Esa tecnoloxía, cara e creadora dunha  gran dependencia e que caduca en pouco tempo, debido aos avances constantes impostos polas grandes multinacionais do sector, está sendo ascendida, por obra e graza de moitas entidades e institucións, incluso do ámbito científico, a un status  supremacía  dogmática que inactiva calquera razoamento científico que cuestione as súas bondades e destaque os efectos negativos para os seus usuarios. Co gallo da introdución de ordenadores e tablets, tamén nas  nas escolas de primaria, habería que comezar a difundir entre os pais, nais e docentes, as conclusións dos estudos científicos que alertan dos riscos aos que se enfrontan os escolares e as súas familias.

Fonte: AGE.  Foto: ABC

A Coruña conta cun novo espazo cultural: Linda Rama

Un novo espazo para a cultura na Coruña, unha nova sempre importante e máis en tempos como os actuais, onde adoito toca comentar o peche destes recintos. Porén, o filólogo Alberto Pombo e o politólogo Daniel R. Cao veñen de abrir na Cidade Vella unha libraría-café, Linda Rama, que esperan converter en nova referencia da actividade na urbe, desde a rúa Porta de Aires.

Inaugurada o pasado sábado, Linda Rama, apostará tamén por unha programación propia, con oco para “exposicións, debates, espectáculos de vídeo-creación ou musicais”. Por suposto, o libro en galego terá un lugar privilexiado na proposta do café-libraría, que “polas propias características e intereses” dos donos estará especialmente centrado no ensaio, tanto o socio-político como o adicado á cultura popular contemporánea. “Non atopabamos as cousas que nos interesaban, como o catálogo de moitas novas editoriais cuxa distribución non chegaba aquí e pretendemos paliar esa eiva”, aseguran Pombo e Cao, que desde Linda Rama aspiran a dinamizar o abanico cultura da Coruña, e seguramente moito máis que iso.

Fonte: SermosGaliza

Queres saber algo máis sobre os Cogomelos?

Baía Edicións conta con tres títulos diferenciados sobre os Cogomelos en Galicia. A primeira é unha GUÍA MICOLÓXICA DOS ECOSISTEMAS GALEGOS, que recolle as 556 especies máis habituais en Galicia, é especialmente importante para a Micoloxía Galega, porque conxuga nun mesmo traballo a experiencia herdada dos nosos maiores e mestres co zume novo das últimas xeracións de micólogos, formados profesionalmente nas nosas universidades.

Desde un punto de vista máis gastronómico contamos con dous títulos:

Os cogomelos na cociña e outras cousas que é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cos cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, e de Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

E Cogomelos. A cociña do bosque, libro que nos ofrece un repertorio de 104 pratos elaborados con cogomelos de todo tipo. Un abano de sabores e aromas de bosques outonais e prados de primavera. Atoparemos desde pastas, arroces, ensaladas, cocas, pasteis salgados até ovos, carne  e mesmo peixes e mariscos. Como todas as propostas de Mariona que xa coñecemos, receitas fáciles de facermos na casa, con base clásica e toques de actualidade.

O libro foi prologado polo escritor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas, quen aproveita para facer, desde a súa particular vivencia, un percorrido histórico da micoloxía e da situación actual en Galicia, así como unha serie de propostas de aproveitamento gastronómico dos cogomelos dos nosos bosques e prados.

Baía Edicións tamén en Leoteca

Leoteca é unha comunidade infantil onde a lectura convértese nunha actividade moito máis atractiva. Ao unirse a Leoteca, ao mesmo tempo que os máis pequenos len, tamén comparten as súas experiencias cos seus amigos, compañeiros e profesores.

Leoteca é un espazo dedicado á literatura infantil especialmente pensado para a participación dos pícaros pero no que os adultos tamén desempeñan un papel activo.

Ningún neno ou nena pode entrar a formar parte de Leoteca sen o consentimento previo dun adulto: os seus pais ou titor escolar.

Leoteca

As linguas do Estado a debate nos XVI Encontros de Normalización

Esta edición dos Encontros pola Normalización Lingüística quere servir como un foro de información, debate e proposta con dous obxectivos en foco:

• Contrastar as distintas evolucións, situacións e perspectivas sociolingüísticas e glotopolíticas das tres linguas cooficiais das respectivas nacionalidades –do catalán (nos seus diversos dominios, pero con foco en Cataluña), do vasco (nos seus distintos dominios, con foco en Euskadi) e do galego (incluíndo as variedades estremeiras)– e unha lingua sen recoñecemento oficial (o asturiano)
• Reflexionar sobre distintos aspectos da (non?) política lingüística do Estado en relación co seu multilingüismo interno e de Europa en relación coas linguas non estatais, sen deixarmos de referirnos a un factor cada vez máis relevante, que son as migracións.

No transcurso dos Encontros, presentaranse relatorios panorámicos sobre cada un dos aspectos devanditos, dunha parte con información posta ao día e doutra parte parte con refl exións sobre o camiño andado (e nalgún caso desandado) e o porvir, dando espazo para o necesario debate.

Os XVI Encontros de Normalización Lingüística analizarán este ano a realidade plurilingüística de España. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos dar unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica Henrique Monteagudo, coordinador destes encontros, que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de setembro. A inscrición, libre e gratuíta, pódese facer a través da páxina web do CCG. Relatores como Miquel Pradill e Patxi Batzarrika, Francisco Caamaño ou Iago Martínez falarán sobre linguas e Estado.

Fonte: Culturagalega

Publícase hoxe no DOG o novo currículo de Primaria

Xúntase o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia