Entradas

O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Despois de dársenos a coñecer coa súa primeira novela, Violeta tamurana, gañadora do IV Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, Andrea Maceiras sorpréndenos de novo cunha obra que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade.

Despois dunha visita ao que será o seu instituto no curso próximo, David sente que algo non vai ben. As sombras dos lagartos perségueno na rúa, na escola e mesmo na casa, facéndoo lembrar intensamente a aldea dos seus avós, Santo Antón de Piñeiro. David sabe que só alí pode volver ser el mesmo e responder ao seu nome verdadeiro: Arnal. Tampouco pode esquecer a persoa que lle puxo ese alcume, o seu curmán Marcos, un rapaz introvertido que desapareceu misteriosamente e de quen ninguén quere falar. Por iso David está disposto a dedicar todo o verán a procurar a luz nas sombras do seu pasado. Quizais así poida reencontrarse cos seus amigos da primeira infancia, esquecer un pouco o divorcio de seus pais, revelar un segredo familiar oculto e dicir, ben alto, que todas as persoas teñen o dereito de decidiren o seu destino, sexa este o dos lagartos, o das avelaíñas ou mesmo o das bolboretas.

Máis información

A neve e o lume, de Chelo Suárez

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

A neve e o lume representa unha achega á literatura galega da narrativa gótica, á vez que unha sentida homenaxe á poetisa arxentina Alejandra Pizamik, da que se recuperan diversos poemas que serven de motivo introdutorio a cada un dos capítulos da novela.

Negraneve, a protagonista da historia, ten que superar a protección da Cociñeira e do Leñador, os seus pais, ante a Xente de Arriba da Gran Mansión, onde viven atrapados, como resultado dunha maldición invocada nun aquelarre nunha noite do solsticio de verán, e os seus propios medos ao descoñecido para mostrar a súa auténtica beleza e liberar, ao tempo, os seus país da carga que arrastraban dun tempo doutra época.

GL” lang=”GL”>É unha alegoría da vida, unha aproximación ao seu misterio e aos medos que provoca, tamén un canto á natureza, motivos que levan á autora a adoptar unha fermosa linguaxe literaria e unhas meditadas pausas narrativas que a aproximan ao xénero poético, por unha banda, e á literatura de tradición oral, pola outra. Tamén, unha viaxe para escapar do tempo pasado, unha viaxe na procura da liberación.

Prólogo de Marica Campo, descárgao desde aquí.

Máis información

«O hobbit» de Tolkien cumpre 75 anos

Hai 75 anos, o lingüista e escritor británico John Ronald Reuel Tolkien enviou por primeira vez a un pequeno hobbit a vivir unha gran aventura. Os 75 non son demasiados anos para un hobbit, xa que a maioría vive máis de 112, salvo que, como Bilbo Bolsón, abandonen a Comarca para internarse no descoñecido. O hobbit, o libro sobre as aventuras de Bilbo, apareceu por primeira vez o 21 de setembro de 1937, publicado pola editorial George Allen & Unwin. «É case imposible atopar un autor de relatos fantásticos da segunda metade do século XX que non estea influenciado por Tolkien», asegura o experto en literatura, escritor e especialista neste autor, Adam Roberts. «Sobre todo no que respecta a escritura fantástica para adultos», matiza.

Libro de culto

En todo o mundo é famosa sobre todo a monumental obra O Señor dos Aneis, que viu a luz en Reino Unido en 1954. (En español foi publicada por primeira vez por Minotauro en 1980). Desde entón, converteuse nun libro de culto. Foi grazas a ela que creceu tamén a fama do hobbit, unha obra bastante anterior, breve e destinada, nun principio, aos nenos. Así, mentres que no Señor dos Aneis fálase da guerra entre o ben e o mal que involucra a moitas nacións, no hobbit a trama é moito máis sinxela. Un dos hobbits, esas criaturas pequenas e peludas cun carácter afable, decide emprender a aventura de atopar un tesouro qu está en mans dun dragón, xunto a algúns ananos e meigos. No camiño coñece a seres extraordinarios como os elfos, pero tamén terribles como os orcos. Finalmente, atopan un anel máxico.

Éxito relativo

Segundo Roberts, durante anos o libro tivo un éxito relativo: ata 1950 vendéronse apenas uns 12.000 exemplares. Pero co arrastre do Señor dos Aneis, a cifra creceu ata un millón a finais dos anos 60. Logo viñeron as películas, e a tolemia disparouse. «Un cálculo conservador sobre as vendas en todos os idiomas ascende aos cen millóns de exemplares», afirma o experto.

¿Pero por que é tan popular O hobbit 75 anos despois da súa publicación? Roberts cre que hai tres razóns. «A máis obvia é que é unha historia incriblemente cativadora e sobre un personaxe simpático». A segunda é a invención do hobbit en si. «Como son tan pequenos, os nenos identifícanse con eles. E polo seu estilo de vida confortable de clase media reflicten as experiencias de moitos adultos. Son un bo xeito de meter no corazón da historia ao ?home pequeno? e a ?muller pequena?, é dicir a todos nós», opina o experto. En terceiro lugar, a obra gaña en profundidade e amplitude porque está enmarcada no mundo fantástico de Tolkien, que está moi ben construído. Tanto, que o profesor de Oxford chegou a crear linguas completas para a Terra Media, o sitio onde teñen lugar estas obras. Tolkien escribiu incluso unha especie de crónica con datos históricos detallados, configurou unha mitoloxía enteiramente propia, un cosmos completo. Segundo declarou no seu día, quería contrapor a imaxinación a «a crueza e fealdad da vida moderna». Millóns de lectores opinan que o logrou.

Fonte: La Voz de Galicia

Tenda Baía Edicións: O mundo máxico de Tolkien

Rodribico tamén en castelán e portugués

Xa podes ler os contos do noso páxaro máis coñecido e viaxeiro RODRIBICO en castelán e portugués!

Rodribico é unha pega marza á que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. Habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comodidades que unha ave pode desexar.

Ademais de voar, xogar, e divertirse, o que máis feliz o fai é compartilo todo cos seus amigos e amigas.

Queres coñecelo? Se é así visita a súa páxina web RODRIBICO. Nela poderás atopar toda a información sobre este paxaro tan simpático! Contarás con MATERIAL DIDÁCTICO con actividades divertidísimas para realizar na propia web e con MATERIAL DESCARGABLE para que todas as nenas e nenos poidades pintar, debuxar, colorear, contar, facer careta, encrucillados…. DIVÍRTETE CON RODRIBICO!

Manuel Guisande e Xosé Tomás falan de Rodripico nunha entrevista na TVE.

Presentación de O ALENTO NAS COSTAS en Boiro

Emotiva presentación en Boiro de O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira na II Romaría das Letras (Pazo de Goiáns – Boiro).

O acto tivo lugar o xoves días 17 de maio, ás 16:30 horas, no marco da II Romaría das Letras no Barbanza, no que interviron, ademais da autora, Xesús Laíño (Presidente de Barbantia) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

En colaboración coa Asociación Cultural Barbantia, o 17 de maio presentamos o libro de Natalia Carou na II Romaría das Letras nun emotivo e reinvindicativo acto festivo no que abondaron as referencias aos antergos, coa lectura de poemas do avó de Natalia e de Celso Emilio, e no que tamén recordamos a Rosalía, Castelao e, por suposto, a Valentín Paz Andrade, todo co trasfondo común da defensa e exaltación da nosa lingua.

Ao fondo soaban as gaitas e as pandeiretas de romeiras e romeiros que axudaron a dar calor na tarde fría de maio.

Unha fermosa celebración!

Este sábado a Asociación de Escritora e Escritores en Lingua Galega fará a entrega de Premios AELG 2012

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega informa que a Cea das Letras será o 5 demaio, sábado, no Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n -San Lázaro-Santiago de Compostela).

Cea na que se fallarán os Premios AELG 2012, nas modalidades de Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil, Poesía, Narrativa, Tradución, Teatro, Xornalismo Cultural e Mellor Blog Literario ás mellores obras de 2011. Así mesmo, entregarase o premio “Escritor Galego Universal” a José Luis Sampedro, e mais o Premio AELG para Institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de Normalización Lingüísica dos Concellos. A obra Fábula galénica, de Inácio Vilariño é finalista no apartado de Teatro.

Festa da Lingua na Cidade da Cultura

O EDIFICIO DO MUSEO da Cidade da Cultura acollerá hoxe e mañá A Festa da Lingua, organizada polas Escolas Católicas en Santiago. Nesta ocasión, esta celebración será para os nenos de Educación Primaria, e reunirá durante cada xornada a uns 520 nenos de diferentes colexios de toda Galicia.

De feito, na edición deste ano do premio Frei Martín Sarmiento participan dez mil rapaces, que dependendo das súas idades leron diferentes libros. Así, na primeira categoría, de 1º e 2º de Educación Primaria, os títulos elixidos foron As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro e Editorial A Nosa Terra; María, de María Corleone e Edicións Everest e Xurxiño quere ser…, de Miguel Vázquez Freire e Baía Edicións. Na segunda categoría, de 3º e 4º de Educación Primaria, os libros escollidos foron: A peripecia de Roi, de Carlos López Gómez e Editorial Edelvives; Xoa, de Antonio Yánez Casal e Edicións Xerais e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto, de Editorial Kalandraka.

Na terceira categoría, de 5º e 6º de Primaria, os nenos leron A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, de Edicións Xerais; Os tratantes de papagaios, de Leticia Vila Sexto, de Editorial Galaxia e Brais e os demais, de Manuel Darriva e Editorial Galaxia.

Tanto onte como hoxe, as actividades deron comezo ás 10.30 horas, coa acollida de todos os participantes e a representación da cadeira voadora, coa que se agruparán aos nenos dos diferentes colexios.

Onte ás 11.15 horas pronunciou unhas palabras Xosé Francisco Martínez Reboiras; mentres que o hoxe á mesma hora o fará o secretario xeral de Politíca Linguística, Valentín García. Ademais, leranse os nomes dos autores gañadores para cada categoría.

Despois, entre as 11.30 e as 14.00 horas desenvolveranse diferentes faladoiros cos escritores e haberá obradoiros rotativos, polos que pasarán todos os alumnos divididos en grupos por idades. Así, no taller de creación artística estará Francisco Castro; no de música, Susa Ferreiro e no de narración oral, Merche Rozas. Ademais, haberá dous talleres de destrezas manuais.

Para rematar, entre as 14.00 e 16.00 horas ofrecerase aos nenos a posibilidade de quedar a comer na Cidade da Cultura. A comida é opcional, e durante a mesma tamén haberá obradoiros variados para os nenos.

Fonte: Santiagoteespera.com

Natalia Carou fala de ‘O alento nas costas’ no Zigzag Diario

Como novidade literaria Natalia Carou presenta o seu primeiro traballo publicado no Zigzag Diario, O alento nas costas (colección infantil e xuvenil Meiga Moira), que alterna o mundo real coa época medieval reflectida a través dos soños. Esta entrevista pode visualizarse no minuto 21:15.

Zigzag Diario

Contacontos sobre ‘O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non?’

Contacontos sobre O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non? Ese é o dilema no que se encontra Nito, e que lle trae non poucos problemas até que por fin, coa axuda do Doutor Aymoré, consegue resolver as súas dúbidas.

Coa colección Contos da igualdade, Baía Edicións pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados a nenos e nenas, que condicionan a capacidade de soñar sen límites no propio futuro, de imaxinar un mundo de igualdade entre homes e mulleres.

Campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego coa colección ‘Queremos saber’

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Baía Edicións iniciaron en El Puerto Centro de Ocio unha campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego entre os máis pequenos a través dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil Queremos saber, escrita por Teresa Sabaté e ilustrada por Carme Solá. Dirixida a rapaces de máis de 4 anos, a campaña tivo unha duración de mes e medio (todos os venres e sábados ata o 15 de novembro ás 18 horas) e tivo como eixo as aventuras de dous irmáns, Alba e Xaquín, que son moi curiosos e queren saber de todo: as distintas formas de obtención do pan, o leite, o azucre, o mel, o aceite, o sal e o viño, desde a súa orixe, pasando pola súa transformación até que chega ás nosas mesas.

Cunha duración que rolda as dúas horas, os monitores encargados iniciaron cada unha das sesións cunha presentación dos personaxes protagonistas e deseguido dase paso ao apartado do contacontos do capítulo no que se centre esa fin de semana, apoiándose sempre en elementos que fagan amenas estas sesións, como teatriños ou figuras. A continuación comeza o apartado de obradoiros con actividades que pretenden ser sinxelas ao mesmo tempo que creativas e que fomentarán a interrelación entre os pequenos a través de simulacións e outras accións, relacionadas co capítulo do día. Deste xeito, os pequenos poden facer con materiais de refugallo alimentos, aprenden a elaborar unha felicitación, un libro ou receitas de cociña entre outras moitas actividades. Ao final das sesións, os monitores entregan a cada rapaz un exemplar do libro que corresponda ese día e unha camiseta identificativa da campaña.