Entradas

RUÍDO BRANCO, de Cris Pavón

O relato Ruído Branco, galardoado co 2º Premio do IV Premio de Relatos Mulleres Progresistas está recollido no libro OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN. O Premio de Relatos Mulleres Progresistas foi convocado por vez primeira no ano 2006, vindo substituír o xa veterano de Novela, cun obxectivo moi claro:  animar e fomentar a escrita de narrativa en galego por mulleres, e nada mellor para isto que facer esa convocatoria desde o formato do relato, verdadeiro banco de probas de todo tipo de argumentos e voces e de maior poder de convocatoria para todas aquelas que algunha vez pensaron en contar algunha historia en negro sobre branco.

O resultado final e concreto é este recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.

 Cristina Pavón recorda no espazo XUNTANZA DE ESCRITORAS o seu relato RUÍDO BRANCO, no espazo de LITERATURA E CIENCIA.

RUÍDO BRANCO

Entrega do I Premio de Microrrelatos de Mulleres Progresistas

O acto de entrega do I Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas terá lugar o hoxe martes, 9 de abril ás 17.30 horas na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (Av. García Barbón, 5). Contarase coa presenza da Concelleira de Igualdade dona Isaura Abelairas.

O I Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas está subvencionado pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.

Máis información

Se queres ler os [Premios de Relatos ‘Mulleres Progresistas’ 2007-2011] podes facelo no título OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN.

As feiras do libro renóvanse e chegarán cun novo formato e actividades

“Necesitábase un cambio total nas feiras”. Así de claro se expresaba esta mañá Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros. E o cambio chega este ano. O traballo destes negocios en colaboración con editores e escritores deu nun novo modelo de feiras que percorrerá a xeografía galega esta primavera e durante o verán chegando a 11 localidades. Este ano recupéranse para a cita literaria Foz e Monforte, que caeran no calendario de 2012, incorpórase Rianxo e volta, logo dunha longa ausencia, Pontevedra.

A presidenta dos libreiros, Pilar Rodríguez, salientou que en 2013 a cita contará cun novo deseño de casetas e unha distribución que busca crear un espazo acolledor para os visitante. Un espazo de lectura e préstamo de libros para os máis novos, maior presenza do libro galego, unha caseta Outlet con material rebaixado das librarías participantes, un pregón máis dinámico e un espazo físico para os editores e institucións sociais son algunhas das novidades que se adiantaron esta mañá, complementadas coa existencia de wi-fi en todo o recinto da feira e cunha web propia para cada cita.

Unha das novidades máis destacadas é que será a propia Federación de Libreiros quen se encargue da programación do evento. “Queremos implicar colectivos locais que nos axuden a detectar necesidades culturais específicas en cada lugar”, explicou a presidenta dos libreiros. Ademais, buscarase un lema que lles dea continuidade ás diferentes citas.

Segundo destacou Rodríguez, coas novidades para esta edición quérese recuperar a participación tanto de libreiros como de público, que, “estaba a descender de edición en edición”. Tanto ela como Pedreira destacaron a importancia que ten esta cita para chegar a un público que non é habitual das librarías e o atractivo que teñen os descontos para os compradores.

Segundo lembrou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, en vindeiras datas asinarase o convenio polo que o seu departamento fará efectivo o apoio económico a esta iniciativa. En total será un orzamento 120.000 euros, que se sumará ás axudas destinadas á montaxe das feiras.

CALENDARIO DAS FEIRAS DO LIBRO 2013

Ferrol – 20 a 24 de abril
Santiago – 27 de abril a 5 de maio
Lugo – 14 a 19 de maio
Pontevedra – 22 a 26 de maio
Ourense – 4 a 9 de xuño
Vigo – 28 de xuño a 7 de xullo
Rianxo – 25 a 27 de xullo
A Coruña – 1 a 11 de agosto
Vieiro – 13 a 16 de agosto
Foz – 17 a 20 de agosto
Monforte – 22 a 25 de agosto

Fonte: Culturagalega

Xosé Manuel García López fala de ‘Pegadas nun labirinto baleiro’ no programa Eirado da TVG

Amador Ribeiro é un inspector de policía de Vigo, violento e solitario. Amigo do xogo e do alcohol, vive nun mundo sórdido, cheo de rancor, de homes e mulleres da noite. Ademais non é ben querido na Comisaría. Os seus compañeiros recean dese home coa mirada extraviada, de trazos duros. Un día recibe o enccrgo do comisario de levar a cabo a investigación máis estraña da súa vida: nos montes da vila de Lenzo van aparecendo uns corpos que se afastan do aspecto dos cadáveres deixados por un asasino convencional. Os corpos están transformados, convertido nas trazas doutra cousa, de algo que non se pode definir. É como se os cadáveres fosen o soporte onde o asasino plasma a súa arte.

Xa en Lenzo Amador comeza as investigacións. Para el semella todo diferente; é un home de cidade, non se afai á vila. Asígnanlle unha compañeira compostelá, María. Entre eles comeza a xerar a rivalidade e mesmo o odio. Pero as pescudas lévano a actuar só, coa mente chea de confusión, case que nos lindeiros da tolemia, mais é quen de comprender que a posibilidade de resolución do caso se está a converter nunha solitaria oportunidade para a redención polo dano que fixo, por todas esas noites pola cidade vivindo a única vida posible, a dos que xa nada agardan. Así, os acontecementos precipítanse de tal xeito que é como se entrase nun labirinto, onde están só el e o asasino.

Pegadas nun labirinto baleiro mestura as características da novela negra ou policial e o realismo fantástico da tradición cultural galega.

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Está disponible tamén en formato PDF e e-PUB. Venta na PLATAFORMA ELIBRO-GALEGO.

Xosé Manuel García López fala da súa obra no programa EIRADO da TVG. Pode visualizarse a entrevista que lle fai Pemón Bouzas a partir do minuto 19.

I Premio de microrrelatos “Mulleres progresistas” polo empoderamento das mulleres

Poderán participar todas as Mulleres que o desexen de calquera nacionalidade ou cultura e maiores de 16 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 microrrelatos que deberán ir escritos en galego normativo.

O tema será o empoderamento das mulleres, entendido consonte á estratexia definida na IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing nos seus tres niveis de transformación: o individual, posibilitador de cambios orientados á consecución dun maior autorrespecto e confianza, así como de poder de negociación do propios intereses;  o colectivo, posibilitador dos cambios encamiñados á promoción de vínculos, apoios e recoñecemento mutuo para a defensa dos interesaes comúns e, por último, a transformación social que proporciona cambios dirixidos a visibilizar e valorar ás mulleres na sociedade e a eliminar as discriminacións de xénero existentes.

Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluido o propio título).

O prazo de admisión para a recepción de traballos péchase ás 23:59 horas do 31 de decembro de 2012. Non se admitirán traballos fóra dese prazo, nin sequera por un retraso de minutos.

Para máis información Asociación de Mulleres Progresistas

OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN é o resultado final e concreto deste recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.

Non hai noite máis longa

Cando pecho os ollos cada noite fago un pequeno exame de conciencia para preguntarme si aproveitei cada instante do día, ou si, simplemente, estraguei esas poucas horas irreparables que me levan un paso mais cara o que será o meu derradeiro instante.

A miña avoa faleceu con 87 anos, ata o seu último alento desexou vivir cada minuto, aferrándose desesperadamente ó escaso tempo que lle quedaba. Ninguén lograba entender qué a retiña neste mundo, víctima de fortes dores, prácticamente aparcada nunha cadeira durante horas e horas, aguantando o silencio incómodo da sutil soedade, e ela, só desexaba extender o seu tempo ó máximo.

Trato de imaxinarme o que pode sentir unha persoa nesas circunstancias, o que eu mesma sentirei cando chegue a hora final. A miña homenaxe para todos eses anciáns a quen se lles foi apagando a voz, inmersos no remuíño da acelerada sociedade na que vivimos.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto: Solinatura

Texto: Natalia Carou

 

Cristina Pavón preséntanos ‘A fin das especies’

Dos descubrimentos feitos pola humanidade dende que a ciencia naceu, poucos –para min ningún- se poden comparar ao descubrimento da evolución biolóxica, pola súa potencia explicativa do que nos rodea e, por riba de todo, de nós mesmos.

Mesmo sen coñecer os mecanismos básicos da herdanza, Darwin enxergou as liñas xerais do proceso evolutivo grazas a súa observación apaixonada do mundo natural. Instinto de cazador o seu –confésase nas súas memorias moi amante da caza- sublimado e aplicado ao estudo dos seres vivos de calquera condición. Iso, amais da súa intelixencia xenerosa, a súa laboriosa disciplina e o seu talante humilde –condición máis rechamante quizais nunha época na que o home europeo fachendeaba orgulloso de ser o cumio da creación- foron calidades que lle permitiron un achado de tal magnitude que aínda moita xente non o da asimilado, logo de máis de século e medio da publicación d’A orixe das Especies. Pero incontestablemente colocou á especie humana no seu chanzo animal correspondente.

É moi de agradecer logo saber onde estamos, que lugar ocupamos no universo, como foi que chegamos ata aquí, malia que ese coñecemento nos arrebate calquera pretensión de ser necesarios que poidamos ter. Somos un produto do azar e a nosa presencia sobre este planeta é dunha continxencia tan esmagante … que hai que buscar o xeito de levantar cabeza. Haille que buscar un sentido á vida. E ese sentido estará inextricablemente mesturado coas relacións cos outros. E nas relacións cos outros hai ese tipo de relación privilexiada, ofuscadora e iluminadora por veces, que demos en chamar amor. Esa combinación de paixón intelectual, comprensión hormonal, acoplamento afectivo, sentimento oceánico e intereses partillados.

De aí, e dos moitísimos anos que levo co meu amor, con quen pasei por tantas épocas que as veces seméllanme eras xeolóxicas, nas que os continentes achéganse e afástanse levando con eles enriba a bichería toda como nunha táboa de surf, buscando o que buscan todas as especies, cada unha ao seu xeito, ser feliz, de aí naceu este relato.

Se queres ler o texto clica aquí  A fin das especies

 Texto: Cristina Pavón

Eiré engade ‘O penalti de Fuco’ á escasa presenza do fútbol na nosa literatura

A presenza do fútbol na literatura é tan escasa como a dos libros nos vestiarios, se é que o tópico é certo. Na nosa narrativa, esa escaseza é cuantificable: arredor de media ducia de títulos, salvo erro. Inaugurou o tema Manuel Rivas na súa primeira novela, Todo ben (Xerais, 1984) e seguiuna Lume de biqueira (Xerais, 1999) de Xosé Vázquez Pintor. Hai unha novela xuvenil, Déixao medrar (2000), de Silvestre Gómez Xurxo e un relato, de Xosé Miranda, Tarxeta vermella (2003). O fútbol está presente tamén no particular mundo narrativo de Xurxo Souto, e en galego están máis da metade das 58 pezas que conforman o recente libro colectivo Relatos sobre el derby Celta-Depor (Galinova, 2012). A esta aliñación de fútbol-sala (cuantitativamente falando) súmase agora O penalti de Fuco¸ de Afonso Eiré, editada por Baía.

Se o penalti máis longo do mundo que contou Osvaldo Soriano no relato dese título duraba unha semana, O penalti de Fuco dura un libro enteiro. Pítano na segunda páxina e tírano na derradeira. No medio está a historia dun porteiro de aldea, Paco Rodríguez, que non puido chegar a moito no mundo do deporte, e a do seu fillo, Fuco, que afronta ese penalti defendendo a portería do Real Madrid nun partido decisivo —cal non o é?— contra o Barça. Tamén están, canda a vida ficcionada dos dous porteiros, as reflexións de Eiré sobre ese planeta propio dos 11 contra 11.

Se hai un escritor futbolístico total, no senso deportivo, ese é Eiré. A maiores de saber de fútbol, como case todo o mundo e como calquera xornalista, pero algo máis, é un estudoso do deporte (publicou o ensaio O fútbol na sociedade galega en 1998), e como el di con ironía, “durante moito tempo fun practicamente o único de esquerdas que recoñecía que lle gustaba o fútbol”. Pero Afonso Eiré foi tamén futbolista profesional. Porteiro, como os dous escritores célebres—tamén os únicos— que foron xogadores, Vladimir Nabokov e Albert Camus (este mesmo profesional). Como se di na obra, un futbolista que non o é, un xogador que trata de impedir a esencia do fútbol, o gol.

De rapaz Eiré era, como o seu Paco Rodríguez, un dianteiro virulillas nos equipos das parroquias chantadinas, ata que lle romperon unha perna, e de meter goles pasou a tentar evitalos. Antes de cumprir os 20 anos, Eiré (ou Pucheiro, como figuraría probablemente na súa camisola de existir daquela a norma de poñer o nome nela) xogara en varios equipos de Terceira en Galicia e tamén en Madrid. Acabou no Rayo Promesas. “Non seguín polos estudos e porque, como me dicían os compañeiros ‘¿como pretendes entrar no Real Madrid sendo nacionalista?”, di Eiré. Tivo compañeiros como José Antonio Camacho. “Cando iamos a algunha manifestación dicíanos que nós non tiñamos problema porque eramos universitarios, pero el se o botaban do equipo tiña que volver ao campo. Ao de sachar”.

O penalti de Fuco é tamén unha descrición daquel mundo futbolístico no que pasaban casos como o de Pahiño (Manuel Fernández, nado en San Paio de Navia en 1923) que foi chamado á selección en 1948, contra Suíza. No descanso, un directivo, o tamén galego xeneral Gómez Zamalloa, arreoulles no vestiario unha arenga que rematou con un “ya sabéis, ¡cojones y españolía!”. Pahiño non puido evitar rirse ou non contestou o saúdo fascista (hai versións) e prohibíronlle participar no Mundial de 1950. “¡Qué se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski!”, sentenciou o diario Arriba ao futbolista vigués (pai, por certo, do músico Nacho F. Goberna, fundador dos grupos pop Agrimensor K e La Dama se Esconde). O mítico gardamallas coruñés, Acuña, non foi á selección polo mesmo motivo. E tamén os non tan remotos casos, xa nos anos oitenta, do porteiro madridista Miguel Ángel, que agachaba galeguismo e lecturas. Ou de Pereira, o porteiro do Valencia ao que acabaron botando por dicir que apoiaba ao BNG.

Non soamente estaba proscrita a política. Santiago Bernabéu obrigou, en 1977, ao redondelán Rubiñán a escoller entre casar ou irse do club (escolleu seguir solteiro). E para compensar, na esquerda estaba moi mal vista ser futboleiro. “No segundo congreso da UPG presentei unha ponencia sobre deporte que non se puido discutir porque ninguén tiña idea do asunto. Bautista [Álvarez, actual presidente do partido e forofo madridista] non se atrevía a dicir nada”, recorda o autor.

Pucheiro, que é un veciño de Vigo que confesa o seu deportivismo e un nacionalista que recoñece o seu madridismo (“cando se fundou A Nosa Terra, todos os xogadores do Madrid puxeron cartos”), di sen embargo que o fútbol actual está a anos luz de aquel. “Hoxe España gobérnase economicamente desde os palcos do Bernabeu. As apostas clandestinas moven, segundo Foreign Policy, 500.000 millóns de euros ao ano, catro veces o que a industria farmacéutica. Xa entraron nelas as mafias asiáticas e as rusas. Iso é o que pode acabar co fútbol, como fixeron en Asia, onde o 70% dos partidos da liga de China están amañados”, reflexiona Paco no libro.

Non todo cambiou a peor. “Hoxe os xogadores son empresas, pero xa non é certo que sexan uns parvos que non lean”, consólanos o autor. O que sigue igual, di, é a actitude dos medios. “Hai unha omertà maior que coa Casa Real. E moito falar sen saber. O exemplo máis claro é o tópico de O medo do porteiro ante o penalti, de Handke. Un título moi bo, pero o protagonista é porteiro como podía ter sido outra cousa. Un porteiro non ten medo o penalti, o único que pode facer é ganar, porque o normal é que llo metan”.

Fonte: El País

Día Internacional do Libro cunha programación especial nas bibliotecas nodais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra este luns o Día Internacional do libro cunha programación especial que se levará a cabo nas bibliotecas nodais de toda Galicia durante esta semana.

Talleres, contacontos, mostras de libros e actividades de ‘bookcrossig’ serán algunhas das iniciativas que propoñen as bibliotecas públicas de Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña para fomentar a lectura entre o público máis novo, detallou o departamento autonómico nun comunicado.

Deste modo, ao longo de toda ao semana os distintos centros ofrecerán visitas guiadas dirixidas a escolares e adultos, co fin de mostrar os distintos servizos das bibliotecas, o seu funcionamento e unha selección de libros curiosos.

A CORUÑA

Dentro do programa de actividades, a Biblioteca Pública González Garcés celebra o Día Internacional do Libro inaugurando o 23 de abril o servizo de empréstito de ‘e-books’ en domicilio e en sala. O mesmo día se desenvolverán actividades de ‘bookcrossing’ nas que se liberarán libros destinados a adultos.

Ademais, de luns a xoves Marina Mayoral ofrecerá nesta biblioteca nodal da Coruña o taller ‘O proceso da creación literaria’, no que se analizará o proceso da creación.

SANTIAGO, OURENSE E PONTEVEDRA

Pola súa banda, a biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela ofrecerá este luns aos nenos de máis de cinco anos a posibilidade de crear o seu propio libro nun taller que se desenvolverá na sala infantil ás 18.30 horas. Ademais, mostrará os seus espazos a todos os asistentes con visitas guiadas extraordinarias.

A actividade de cuentacuentos será a protagonista das celebración na Biblioteca Pública de Ourense, a cargo de Susana Villar; e na Antonio Odriozola de Pontevedra, a cargo de María Campos.

BIBLIOTECAS DE LUGO E VIGO

As actividades na Biblioteca pública de Lugo comezarán este luns coa inauguración do novo servizo ‘A colección accesible a todos’, con libros de letra grande, audiolibros películas con subtítulos para xordos ou libros de lectura en ‘braille’.

Por último, na Biblioteca nodal de Vigo as accións organizadas con motivo do Día Internacional do Libro arrancarán tamén este luns ás 20.15 horas na hemeroteca co recital da poetisa Daisy Villalobos.

Fonte: GaliciaHoxe

Afonso Eiré fala de ‘O penalti de Fuco’ no Zigzag Diario

O espazo da tvG2 falou co escritor e xornalista Alfonso Eiré, que acaba de publicar O penalti de Fuco, un ensaio literario sobre o mundo do fútbol. Cinco minutos de partido centran unha novela en que se incide especialmente na transformación dun deporte nunha mercadotecnia posta ao servizo dos intereses económicos que esta práctica xera na actualidade. A entrevista a Afonso Eiré pode verse no minuto 11.

Zigzag Diario