Entradas

O compromiso de Baía Edicións coa nosa natureza II. Guías prácticas e outros

A coleción de Guías de Natureza, que supuxo un esforzo de catalogación que debemos agradecer a estudosas e estudosos da nosa natureza,  foise complementando nas súas orixes con outra que chamamos Prácticas, xurdidas da necesidade de dar ás nosas labregas e aos nosos labregos unhas orientacións con datos prácticos para o cultivo na nosa terra e coa climatoloxía galega, resultando 7 títulos de gran éxito de público, como o indican as 8 reimpresións de A horta en Galicia ou as 7 de Guía práctica de enxertos, gallos e mergullos en Galicia, que supuxo un inxente esforzo de investigación lingüística no seu momento. Polo medio non quixemos pasar por alto o feito de  que a contaminación do nos planeta está directamente relacionado co consumo dos seus habitantes e Ramsés Pérez incide na súa Guía de ecoloxía cotiá a importancia do consumo sustentábel e da soberanía alimentaria citando a máxima de Vandana Shiva como modelo a seguir “No noso planeta hai suficiente para satisfacer as necesidades de todos e todas, pero non para quen quere demasiado. Se consumes máis do que necesitas, estás roubando a outa persoa”. Tamén coñecimos a Xan Pouliquen (cando aínda era Yean Pouliken) a quen propuxemos facer A horta ecolóxica na Galiza. Guía práctica para o cultivo e que agora culmina,  coa guía que presentaremos esta tarde, ás 19:00, na na Feira do Libro da Coruña: A horta sen químicos, nun esforzo de  adaptación aos tempos, coñecemento e interese da sociedade galega polo cultivo saudábel e sustentábel.

Dese o principio sempre tivemos presente a importancia da educación, polo que elaboramos as Guías didácticas, nas que 13 unidades didácticas acompañadas de diapositivas foron os recursos utilizados polo profesorado galego para introducir ao alumnado de ensino obrigatorio no coñecemento do seu medio como vía para aprender o mundo. Evidentemente, o instrumento está totalmente obsoleto pero penso que non houbo centro galego que non utilizara nalgún momento estee recurso.

Coa mesma intención de inculcar nas nenas e nenos galegos a curisodade e o amor pola nosa natureza tamén creamos a colección “As 50 máis comúns” pequenas guías referidas a Aves, Ábores e Cogomelos, coas 50 especies máis comúns para aprender a observar a natureza e coñecer cando menos as especies máis habituais.

A maiores publicamos outras obras de interese natural e medioambiental, en forma de ensaio  (Os bosques atlánticos europeos, Os residuos na Galiza, Contaminación atmosférica en Galiza ) e de coleccións infantís (O carballo, Pregunta á Doutora Peteiro, O meu pequeno Animalario…)

Anímovos a repasar o noso catálogo e acompañarnos esta tarde na presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen

O compromiso de Baía Edicións coa Natureza I. Guías Natureza

Co gallo da presentación na Feira do Libro da Coruña do último título da colección Baía Verde, A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, e xa van 26!,  veume á memoria o traballo de compromiso co noso medio natural que levamos facendo desde a creación do proxecto editorial que representa Baía Edicións.

Sei que se pode pensar que «non temos avoa», o que, por outra parte, é certo, polo que me atrevo sen ningunha falsa modestia a facer este recordatorio do noso traballo divulgativo.

Hai 25 anos saíu ao mercado a Guía de aves de Galicia,  de Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e de Calros Silvar, autor das súas ilustracións. Esta guía viviu  algunha reimpresión e unha nova edición moi mellorada e actualizada no ano 2004 e supuxo nos anos 90 un punto de partida na aventura de divulgación do noso medio natural, algo case insólito no seu momento. A esta seguiron outras de non menos importancia e impacto, como as referidas ás  árbores, macroalgas, liques, anfibios e réptiles, orquídeas, cogomelos, mamíferos, fentos, microorganismos das nosas augas continentais e libélulas, todas elas eminentemente descritivas das especies galegas na procura de dar a coñecer a nosa riqueza natural, sempre seguindo dúas máximas: unha do saber popular “só se valora e se pode conservar aquilo que se coñece” e outra do noso gran fabulador Álvaro Cunqueiro, […] dicir rula e abidueira e dorna e fonte […] fanme dono da rula e da abidueira e da dorna e da fonte[…]para indicar que só existe e posuímos aquilo que ten un nome, aquilo que coñecemos, nun afán á vez normalizador do noso idioma. Penso, se non fora porque a situación económica nos obrigou a facer un alto neste fermoso proxecto, que se convertería no mellor catálogo de especies galegas, non apoiado pola Consellaría que debería encargarse desta tarefa. Polo medio, varias referidas a espazos naturais.

Non recibimos case axudas para este grandioso proxecto, mai si numerosos recoñecementos, como o da Asociación Galega de Editores en 2010 á Guía dos Mamíferos de Galicia ao mellor libro ilustrado e o que quero destacar e agradecer de forma especial da Federación de Libreiros de Galicia en forma  de Premio á Obra Editorial nos XXIII Premios “Irmandade do Libro” do ano 2012; grazas amigas e amigos por serdes conscientes do esforzo e traballo que fixemos.  Mentres, as obras cítanse en varias universidades europeas e algunhas están traducidas e adaptadas a outras linguas…

En fin, recoñecemento popular, recoñecemento científico e cultural, pero esquecemento por parte da Administración a un traballo que pon en valor de forma divulgativa e rigorosa aspectos da noso medio natural coa finalidade de ir construíndo, digamos, “artigos” da enciclopedia da natureza galega.

Outra vez A Limia: SGHN solicita informes e plans oficiais

Dende hai anos e en múltiples ocasións SGHN expuxo os problemas da auga na comarca da Limia debido á contaminación difusa de orixe agrogandeiro e que se estenden augas abaixo polo menos ata o encoro de As Conchas. Todos os datos e análises ata agora coñecidos veñen a corroborar esta afirmación, o cal é lóxico pois baste dicir que na chaira de Antela comen, beben e defecan unha morea de porcos e galiñas, vacas e coellos, todos estabulados en macro-granxas industriais:

  • A produción de feces e ouriños é de 1,35 kg/día no caso do home, 4 kg/día nos porcos adultos, 28 kg/día nas vacas adultas para produción de carne, 45 kg/día en vacas leiteiras, 7 kg/día en terneiros, 100 g/día en galiñas ponedoras e 60 g/día en polos de carne.
  • As táboas de conversión das distintas especies gandeiras a Unidades de Gando Maior (UGM: o equivalente a vacas adultas) indican que en A Limia hai actualmente entre 70.000 e 75.000 UGM de gando estabulado en granxas industriais que en total, a 28 kg/día cada unha, producen entre 2.000 e 2.100 toneladas diarias de zurros e estercos, é dicir, unha cantidade de feces e ouriños semellante a que se xenera nunha cidade de 1,3 a 1,5 millóns de persoas ou, o que é mesmo, a metade da poboación de Galicia.

Dende o punto de vista da xeración de residuos, esta enorme “poboación humana equivalente“ en forma de gando estabulado contrasta coa cativa ”poboación humana real” de tódolos concellos da bacía do río Limia en Ourense (35.000 persoas). Unha simple regla de tres indica que alomenos o 97% dos vertidos xerados procederían do sector agrogandeiro das macro-granxas industriais. Para comparar e contrastar resultados, SGHN acaba de pedir á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o informe que sobre o tema encargou ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que aportará sen dúbida datos relevantes en relación coa orixe do problema e as súas repercusións.

Ademais do caso concreto da contaminación do recurso auga, SGHN tamén está preocupada pola xestión humana dos restantes recursos naturais da Limia, polo que ven de insistir diante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que dunha vez por todas cumpra as súas propias directrices e publique o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da ZEPA da Limia. Pois o atraso (xa de tres anos!!!) na súa aprobación produce un baleiro legal que dificulta a toma de decisións polos axentes implicados e multiplica innecesariamente os problemas socioambientais da comarca e a incerteza da poboación.

Con todo SGHN entende que outra Limia é posible e que se pode compatibilizar a conservación ambiental coas actividades agrogandeiras, e niso segue traballando.

Máis información en www.sghn.org

O Teixo dos Sete Homes, unha árbore monumental de medio milenio no Courel

Na Devesa da Escrita está o maior exemplar da especie na serra e un dos máis grandes de Galicia

O Teixo dous Sete Homes é unha árbore monumental que crece na parte alta da Devesa da Escrita, un bosque situado nas proximidades de Paderne do Courel. A pesar do seu espectacular porte, o teixo é moi pouco coñecido e só algúns veciños desta localidade sabían da súa existencia. Un grupo de afeccionados ao sendeirismo de Monforte visitou esta paraxe a fin de semana para fotografar e medir este impresionante monumento vexetal.

Segundo indica o biólogo Guillermo Díaz Aira, que se encargou de realizar as medicións, o tronco da gran árbore -en realidade formado por tres troncos verticais- ten un perímetro de 4,60 metros e un grosor de metro e medio. A súa altura rolda os dezaseis metros. A pesar do seu nome tradicional, non fan falta sete persoas para abrazalo. «Basta cunhas catro para abarcar toda a árbore», engade Díaz.

O biólogo Javier Guitián, especialista na flora do Courel, sinala que a árbore é seguramente o exemplar de maior tamaño desta especie que hai en toda a serra. «Na Devesa dá Escrita e na Devesa dá Rogueira hai varios \ centenarios e moi grandes, pero ningún ten un porte como este», explica. Ao seu xuízo, a idade do tezo, unha especie que se caracteriza por un ritmo de crecemento lentísimo, podería roldar ou incluso superar os cincocentos anos. «Cun perímetro de preto de cinco metros e tratándose dunha especie como esta, non sería nada raro que chegase ao medio milenio», agrega.

Un dos máis grandes

Doutra banda, Guitián di que non pode afirmar con certeza se este é o maior teixo de Galicia, xa que no Teixedal de Casaio -na serra ourensá de Pena Trevinca- hai tamén algúns exemplares moi antigos e de grandes dimensións. «Habería que facer medicións sistemáticas e comparar uns con outros, pero sen dúbida este é un dos maiores de todo o territorio galego», apunta o científico. «E desde logo que merece ser incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia», agrega.

O Teixo dos Sete Homes pertence a un importante conxunto de árbores desta especie que se conserva na Devesa da Escrita. Ao seu redor poden verse outros \ centenarios de gran tamaño. «Na mesma zona hai tamén dous carballos enormes e moitas haxas e acivros», indica Guillermo Díaz.

Localizar o gran tezo, sinala doutra banda o biólogo, non é demasiado fácil aínda que o lugar se atopa a menos de tres quilómetros de Paderne. «Hai que dar moitas voltas polo bosque e o mellor é ir guiado por alguén que coñeza ben a zona», explica. Para chegar a esta paraxe -continúa Díaz- hai que subir ata as rocas coñecidas como Penas dá Escrita e desviarse por unha cabeceira do val no que se atopa o boque camiñando uns cen metros a través dun terreo cuberto de brezo. «Despois é preciso andar pola pendente movéndose en zigzag con moito coidado e vendo os grupos de \ polos que hai que pasar», indica. O percorrido segue o curso dun arroio que descende polo val, marchando cara a unha pista que baixa a Paderne. Os \ hai que ilos localizando de lonxe nos claros do bosque.

Fonte: La voz de Galicia

Organizacións ecoloxistas piden á Xunta que remate coa caza de aves en perigo de extinción en Galicia

 A Conícola (Vanellus vanellus) e a agacha (Gallinago Gallinago) poden cazarse malia estar incuídas no Catálogo Galego de Especies Amenzadas con “En perigo de extinción”.

Na xuntanza do Comité Galego de Caza celebrada o pasado 21 de marzo, o representante das organizacións ecoloxistas pedíu á Xunta que prohiba a caza da avefría ou conícora (Vanellus vanellus) e da becacina ou agacha (Gallinago gallinago), en Galiza a partires da vindeira tempada 2014-15, alomenos ata que se aproben os respectivos “plans de recuperación” obrigatorios por lei para estas especies.

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) considera “En perigo de extinción” ás poboacións reprodutoras de conícora (Vanellus vanellus) e agacha (Gallinago gallinago), debido a que a súa “supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando” e débense elaborar os correspondentes “plans de recuperación” destas dúas especies.

Malia á grave ameaza da extinción e ao descoñecemento dos movementos dispersivos e migratorios das poboacións reprodutoras galegas, tanto a conícora (Vanellus vanellus) como a agacha (Gallinago gallinago) considéranse especies cazables durante a tempada cinexética en Galiza (só as poboacións non nidificantes) polo que existe o risco de que exemplares reprodutores, xa que logo considerados “en perigo de extinción”, sexan abatidos durante a tempada de caza.

En Europa, a tendencia dende 1980 amosa que as poboacións de conícora (Vanellus vanellus) e agacha (Gallinago gallinago) están a sufrir un declive moderado e estatísticamente significativo, baseado nos datos provisionais para 21 paises nos que se avalían as tendencias poboacionais das aves comúns (BirdLife International, 2014)

Se ben a meirande parte das poboacións de conícora (Vanellus vanellus) son completamente migratorias, algunhas poboacións reprodutoras nas rexións máis temperadas son sedentarias (del Hoyo et al. 1996), polo que existe un risco certo de que durante a tempada de caza en Galiza se abatan conícoras que poderían tentar a cría. A información dispoñible para a agacha (Gallinago gallinago) non permite confirmar ou desbotar esta posibilidade polo que, en aplicación do principio de precaución, tamén debería vedarse.

A población global de conícora (Vanellus vanellus) está concentrada en Europa onde as poboacións reprodutoras eran bastante estables ata 1990, pero dende entón a especie sufriu un forte declive (maior do 30%). En consecuencia, a nivel europeo, esta especie que previamente gozaba dun estatus “seguro” agora está clasificada como “vulnerable” (European Commision 2009). A conícora (Vanellus vanellus) só se caza en Francia, España, Italia, Malta e Grecia e a caza considérase como unha ameaza de nivel medio (European Commision 2009).

Fonte: Sociedade Galega de Historia Natural.

Segue aumentando o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia

Malia a crise, o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia segue medrando. Así se desprende do 2º Barómetro
 “Percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia 2013” realizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e que se presentou onte na Coruña.

Así,  en 2013 medrou a porcentaxe dos que levan máis de tres anos consumíndoos: en 2010 -ano no que se fixo o primeiro barómetro- eran un 40% dos consumidores de produtos ecolóxicos e en 2013 subiu a un 60%. “Quen empeza a consumilos queda prendado e non abandona”. O 20% deste consumidores incluso aumentou o seu gasto neles.

Consumimos produtos ecolóxicos pola nosa saúde

Preguntados polo principal motivo para comezar ou seguir consumindo alimentos ecolóxicos, para a maioría dos enquisados a resposta foi “por saúde, por evitar pesticidas e produtos químicos” . O máis habitual é que o produto co que comeze o consumo destes alimentos sexan vexetais, froitas e derivados lácteos, de feito en Galicia prodúcense as tres cuartas partes do leite ecolóxico de toda España.

O traballo, realizado mediante enquisa telefónica  a 1.139 persoas entre o 14 de outubro de 2013 e o 13 de novembro, amosa que a día de hoxe o 92% dos galegos coñecen ou ouviron falar dos alimentos ecolóxicos, cando esa cifra era no 2010 dun 73%.

En canto ao criterio empregado para mercar un alimento de calquera tipo, máis do 80% dos enquisados dixo mercalo pola súa calidade

Con que asociamos os alimentos ecolóxicos?

Preto dun 80% dos galegos dí que son produtos que non usan pesticidas químicos, un 70% di que non teñen aditivos nin colorantes, e o 55% coida que son máis naturais. A cuarta característica coa que se asocian é o prezo, un 35% afirman que son “máis caros”. “Os custos de produción encarecen alguns produtos pero noutros casos non é certo, hai produtos certificados no noso consello que son competitivos cos convencionais, como a sidra.  Os custos débense a que non empregamos  substancias que aceleren os crecemento das prantas nin dos animais, as gandeirías son producións extensivas con máis tempo e terreo para pastar. A calidade ten un prezo, pero o certo é que vai subindo o número de consumidores e produtos certificados no Consello”. A produción ecolóxica certificada medrou de media nestes últimos anos un 7%.

Os galegos reclaman máis presenza de produtos ecolóxicos nos establecementos de alimentación

No relativo ao punto de compra, detéctase unha baixada de dez puntos na compra nas grandes superficies subindo un pouco as tendas especializadas, pero aínda así case un 60% merca en grandes espazos se ben en relación á variedade de alimentos ecolóxicos ofrecida polos establecementos de alimentación o 66,8% dos galegos coida que é escasa, “é unha asignatura pendente, temos que tratar de ofrecer máis gama”. Tamén hai que destacar outro dato deste segundo barómetro: existen un 26,3% de marcas brancas de produtos ecolóxicos.  “A gran distribución viu que había un nicho grande de mercado”.

O 70% da producción ecolóxica de Galicia expórtase

O 71,6% dos enquisados nunca consumiu estes alimentos nun restaurante. Por iso o Consello traballa nunha campaña de promoción cos restauradores. “Xa temos en Galicia preto de 20 que ofrecen un menu ecolóxico completo, unha demanda que nos facía o sector, que quería diferenciarse e innovar”. En canto á confianza na certificación, máis do 75% confían “moito ou bastante”  nela, “o cal é moi importante para nós, que valoren o traballo que se está facendo no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica”,  no que hai inscritos preto de 700 produtores entre persoas xurídicas e empresas e cuxos produtos expórtanse nun 70% fóra da nosa Comunidade.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto

Coñecemos un pouco máis a Calros Silvar

Nace en Ferrol e reside en Sada (A Coruña). É diplomado en Interiorismo e Licenciado en Belas Artes (Madrid) e, actualmente, exerce de ilustrador. É debuxante, ilustrador e autor especializado en natureza, interpretación do patrimonio e divulgación ambiental. Imparte charlas, cursos e obradoiros de banda deseñada, debuxo, ilustración da natureza e divulgación ambiental. Comeza o seu periplo profesional como ilustrador editorial, humorista gráfico e autor de banda deseñada, aínda que o seu labor centrouse, durante case trinta anos, no deseño de produto, especialmente de pezas decorativas, para unha emblemática fábrica de porcelana galega. Nesta etapa exerce tamén, durante varios anos, como coordinador e co-monitor en cursos de cerámica en alta temperatura, tanto para nenos como adultos. Natureza, debuxo, escrita, lectura, fotografía e medios audiovisuais son as súas paixóns e o eixo do seu labor actual. MÁIS INFORMACIÓN

  • Bos días Calros Silvar, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Empecei polos anos 78 ou 79, sendo aínda estudante de Belas Artes, con dúas obras case simultaneamente, unha era un folleto sobre as aves de Galicia, para ser usado polos seus autores (Patiño e Pedreira) nas escolas onde impartían clases… e que acabou sendo a primeira Guía das Aves de Galicia, editada por Galaxia no 1980. A outra foi o primeiro libro dunha colección que chegou a dez tomos, baixo o título de “Historia do Pobo de Xesús”, autoría de Xosé Chao Rego, editado por Edicións do Castro, e que deu pé a que entrara en contacto coa empresa coa que cheguei a traballar máis de 29 anos.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Pois a verdade é que non, seguín o meu propio xeito de facer, aínda que si gustaba da obra de certos ilustradores, coma Goñi, por nomear algún sobranceiro daqueles tempos.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Hai moitos autores dos que gusto, pero por cinguirme ao eido da ilustración da natureza nomearei algúns deles: Richard Lewington, Keith Brockie, Mitchell Beazley, Bruce Pearson, Christine Hutson, Darren Woodhead, Juan Varela, Diego Ortíz, Dranae, Francisco J. Hernández, Sandra Blair, J. A. Sencianes Ortega… fican moitos no tinteiro.

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Poder facelo.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? No momento de creación de ilustracións para libros infantís, narrativa, novela… acodes a algún dos teus referentes?

Non: leo o libro, escollo as escenas a ilustrar, maxínoas, emborrancho papel e vou depurando a composición e concretando a técnica e estilo máis acaídos (son un tanto camaleónico neste aspecto).

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Polo tipo de ilustración que fago non teño creado persoaxes, excepto na curta etapa na que fixen humor e banda deseñada. O primeiro e único personaxe que creei foi un neno (Xurxo) que dialogaba e interactuaba co seu amigo, un caracol agudo e sabichón (Balbino).

  • Con Baía nace a colección de Guías da natureza de Baía Verde con 25 títulos xa… entre títulos divulgativos sobre espazos naturais e guías de especies de fauna e flora galega.  Con cal das guías te quedarías? Por que?

Sinto un especial orgullo e aprecio por esta colección, pois foi a proposta miña que Baía a iniciou. A máis emblemática é a Guía de Aves, pero quedei máis satisfeito co resultado final (e falo exclusivamente do meu traballo) das Guía de mamíferos e de libélulas.

  • Con estas guías acadaches o 1º Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado pola Guía dos mamíferos no ano 2007, xunto co Premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial en 2012. Que sentiches cando te informaron dos premios?

Pois loxicamente grande satisfacción, especialmente por ser unha das miñas guías favoritas. Alén diso, gustoume que se premiara un libro dunha colección emblemática para o noso país, e sen parangón no resto do Estado, pois non hai que esquecer que foi colección pioneira que non ten par en ningunha das outras linguas peninsulares.

  • A maioría dos teus títulos son guías de natureza, verdade?  Que guía foi a que máis traballo che dou?

A Guía de aves e máis a de cogomelos foron especialmente traballosas: a grande cantidade de especies e de detalles a ter en conta abondaron niso.

  • Tiveches algún problema con algún dos autores/as dos libros que ilustraches?

Non, con algún traballei máis comodamente ou con máis sintonía, pero non podo dicir que tivera problemas con ninguén.

  • Poderías explicarnos cales son os pasos a seguir cando realizas unha ilustración dunha ave ou unha árbore, por exemplo?

A primeira fase é a de documentación e, neste senso, procuro ter a miña propia documentación: bosquexos feitos pola miña man e directamente dos exemplares; se non queda outra utilizo outro material de referencia, empezando por fotos que eu mesmo poda ter feito ou material que o autor forneza.

Logo ven a fase de bosquexar no papel o exemplar ou a escena e, unha vez concretado, paso á fase de dar cor. Como traballo con acuarela, ás veces fago varias ilustracións ao tempo, aproveitando os tempos de secado dunhas para avanzar nas outras.

Unha terceira fase é, logo de escaneada a ilustración final, limpala e retocala dixitalmente.

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer unha ilustración para unha guía?

Pois depende moito do tema que se trate e no número de ilustracións que haxa que facer por cada especie, ou mesmo o nivel de detalle ou estilo que o autor do texto prefira. Algúns queren ilustracións máis soltas, tipo bosquexo, outros prefírenas moi detalladas… por termo medio digamos que entre 8 e 16 horas, pois as editoriais tamén marcan un ritmo e non podes durmir nos loureiros.

  • En 2012 nace a colección Aventura de vivir e, con esta colección, O carballo… Que pretendes con este libro?

Foquei o libro na dificultade que os seres vivos teñen para sobrevivir na natureza… e, a maiores, enfrontados co máis temible dos predadores: os humanos. Alén diso, o libro destaca, e tenta divulgar, a importancia ecolóxica, económica e cultural desta especie na nosa sociedade e no noso contorno natural.

  • A que público vai dirixido? Poderías explicarnos que podemos atopar neste libro?

Vai dirixido a nenos a partires de 10 anos e rapaces e adultos que non teñan especiais coñecementos no ámbito das ciencias naturais. É un libro de divulgación, interdisciplinar, no que tanto se fala de como dexergar as diferentes especies do xénero Quercus que habitan na nosa contorna, do seu hábitat e ecoloxía, como da súa importancia económica ou mitolóxica nas diferentes culturas europeas.

  • Visitaches moitos centros educativos presentando o teu libro, verdade? Que reacción atopaches no alumnado?

Si, xa levo varios Centros visitados e, polo xeral, despértase a curiosidade logo dun inicio tinxido de certa incredulidade… iso de que che vaian “soltar o roio” sobre unha árbore, así de primeiras, non soa moi ben!.

  • E falando nun ámbito máis global, como ves o papel da ilustración galega neste momento?

No mellor momento da súa historia, cun importante número de autores dunha calidade excepcional. Hai moita creatividade e calidade no país, mesmo recoñecida a nivel mundial.

  • E a situación no mercado editorial hoxe en día?

Pois nun dos peores momentos, hoxe a situación é case de parálise, e só nos salva a diversificación ou traballo no exterior. Supoño que os ilustradores de “Infantil-xuvenil” aínda van zafando, pois é o eido que mellor terma, pero o descenso radical das vendas e o estrangulamento da produción propia é letal para o ilustrador.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túas obras deixamos este oco…

Sobre min pouco máis podo dicir do que aireo na miña web, que logo todo se sabe!, e da miña obra, pois é o público quen a xulgará como mellor lle preste. A min só me resta centrarme nos meus proxectos e tentar facer o que máis me gusta o mellor que sei.

Grazas Calros polas túas respostas! Foi un pracer!

Poderiamos estar ante a extinción do carballo anano en Galicia?

A grande importancia botánica do Monte Pindo reside na existencia dunha poboación relicta de Quercus lusitanica (antigo Q. fructicosa) descrita por Lamarck  e que recibe o nome de carballo anano ou caxigo.  Esta especie ten unha curiosa distribución, na metade sur de Portugal, SO de Andalucia e N de África e conta cunha única  poboación en Galicia, nos montes do Pindo. Constutúe polo tanto, un endemismo ibérico occidental norafricano

Conseguirá sobrevivir á queima? deixamos neste artigo a descripción de Henrique Niño Ricoi e os debuxos de Calros Silvar para o coñecemento da especie, todo un símbolo nun monte que tamén o é.

Quercus lusitanica Lam. Quercus fruticosa Brot., Quercus humilis Lam.carballo anano, caxigo lusitanicus: de Lusitania, porque abunda en Portugal.

Arbusto estolonífero monoico que non pasa de 1 m de altura. Raíces estoloníferas. Caules delgados e flexuosos. Cortiza cinsenta-abrancazada e lisa. Copa irregular. Follas de 2,5-12 x 1,2-5 cm, marcescentes, simples, alternas, case coriáceas, obovadas ou elípticas, provistas dun curto pecíolo de 1,5-3 mm, co bordo lobulado-dentado na parte superior, enteiro na inferior, cor verde escura e lustrosas na face, cinsentas e tomentosas no envés.

Flores unisexuais, coa envolta floral sepaloide de lóbulos obtusos e pubescentes, as masculinas cun número variábel de estames (6-12), agrupadas en amentos de 3-5 cm, colgantes e interrompidos. As femininas con ovario ínfero provisto de estilos curtos e erectos e estigmas grosos, situadas no interior dun involucro formado por numerosas escamas.

Florece entre abril e maio. A polinización é anemógama.O froito é un aquenio de 10-16 x 8-12 mm, sentado ou con pedúnculo de até 15 mm, cor castaña. Cúpula de 7-12 x 10-18 mm, con escamas lousadas. Madura en outono.

Orixinaria da Península Ibérica e Marrocos. Habita en piñeirais e matogueiras sobre solos areosos en climas temperados. As citas galegas refírense todas a un pequeno grupo atopado no Monte do Pindo (Carnota).

(Fonte: Guía das árbores de Galicia, Baía edicións)

O Monte Pindo, devastado polo incendio que arrasou 2.200 hectáreas

O lume foi controlado este sábado, despois de arder durante catro días. A Asociación Monte Pindo Parque Natural convocou para o sábado 28 deste mes tres “marchas verdes” eivindicativas con destino na Moa, o pico máis alto das montañas.

O incendio que queimou case a totalidade do Monte Pindo, e cruzou o río Xallas para cercar Ou Ezaro, foi controlado ás 18.54 horas deste sábado, despois de que poucas horas antes desactivásese a alerta de nivel 1, segundo informou a Consellería de Medio Rural e do Mar, tras arrasar unhas 2.200 hectáreas. O feito de que o vento perdese forza e un lixeiro orballo axudaron aos numerosos medios desprazados ao lugar a apagar as chamas. O aspecto das montañas tras o lume é desolador (ver galería de fotos). Unha negrura lastimosa e ferinte cobre o que antes era pedra clara salpicada de fermosa vexetación verde. A imaxe dos montes nas parroquias de Panchés e Caldebarcos é estremecedora: até a terra está queimada, desde a montaña ao mar. Tamén Quilmas, Ou Pindo e Ou Ézaro sufriron a virulencia das chamas, e neste último lugar, do concello de Dumbría, correu grave risco a central eléctrica de Electra do Jallas, á beira da catarata.

O incendio, o máis grave de Galicia este ano, destuyó unha paraxe única para o que se solicitaba a declaración de parque natural. A Asociación Monte Pindo Parque Natural convocou para o sábado día 28 deste mes tres “marchas verdes” que partirán simultaneamente ás 11:00 horas desde a Praza dá Solaina (Ou Pindo, Carnota), o Supermercado As Cruces (Caldebarcos, Carnota) e da área Recreativa do Fieiro (Mazaricos) para atoparse finalmente na Laxe dá Moa, no máis alto do Monte Pindo. Trátase dunha marcha reivindicativa para recuperar o verde do Monte Pindo: “do negro ao verde”, di o slogan.

Na zona do lume estiveron na mañá deste sábado a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o vicepresidente, Alfonso Rueda, quen garantiu que se redobrarán os esforzos” para deter aos incendiarios.

Ao redor de medio centenar de vivendas tiveron que ser desaloxadas na parroquia de Ou Ézaro, en Dumbría (A Coruña), tras ser afectadas as chamas que atacaron ao monte Pindo, no concello de Carnota e que na pasada xornada atravesaron o río Xallas até alcanzar a contorna da fervenza de Ou Ézaro, outra paraxe natural galego de gran valor ambiental.

“UNHA GUERRA”

“Parece a guerra”, dicían algúns veciños da parroquia carnotá de Ou Pindo ante o despregamento de medios de loita contra o lume aos pés das súas vivendas. Helicópteros cuspindo brigadistas na area da praia, avións sobrevoando constantemente o fume denso e homes e mulleres partíndose o peito, abrindo trochas e combatendo o lume co lume a poucos metros das casas, para salvalas das chamas.

Os veciños comentaron que nunca viran unhas chamas tan altas, tan poderosas. Nalgunhas zonas superan a altura das propias casas. Algúns tiveron que usar máscaras e todos tiveron metido o medo en elc corpo. Moitos deles non puideron durmir as últimas noites pola preocupación de ter as chamas tan preto das súas casas.

Moitos medios antiincendios foron desprazados a Ou Pindo para tratar de frear o desastre: No seu control traballaron 2 técnicos, 57 axentes forestais, 102 brigadas, 51 motobombas, 1 pa, 13 helicópteros e 8 avións. Tamén traballaron na zona efectivos da UME. A pesar do enorme esforzo, ao Monte Pindo volveu a ser devastado. Sete anos despois dos grandes incendios, o lume volve a destruír unha enorme riqueza paisaxística e unha reserva natural destacada, con centos de especies zoológicas catalogadas e flora distinguida. Máis de 1.600 hectáreas de monte arrasadas. Un desastre.

RESUMO DE INCENDIOS (DATOS DO DOMINGO)

A Consellería do medio Rural e do Mar informa da situación actual dos incendios forestais que superan as 20 hectáreas na Comunidade galega.

Un novo incendio foi declarado ás 23.02 horas deste sábado na parroquia de Peitieiros, en Gondomar (Pontevedra) e que permanece activo tras arrasar unhas 20 hectáreas. No seu control traballan cinco axentes, dez brigadas, 11 motobombas e dúas pas.

Confirmouno a Consellería de Medio Rural e do Mar, que tamén informou de que está extinguido desde as 22.50 horas deste sábado outro incendio iniciado nas inmediacións da Serra do Galiñeiro, na parroqua de Vincios, tamén en Gondomar.

O lume iniciouse ás 1.30 horas do mesmo día e, segundo as últimas estimacións provisionais, que se confirmarán tras o parametrizado, a superficie afectada sitúase nas 28 hectáreas. No seu control traballaron seis axentes forestais, 19 brigadas, sete motobombas, unha pa, tres helicópteros e dous avións.

Por outra banda, os incendios de maior entidade que afectan á comunidade permanecen controlados desde este sábado. É o caso do que afectou a monte Pindo, en Carnota, que atravesou o Xallas e obrigou a desaloxar na madrugada do venres para o sábado medio centenar de vivendas.

O incendio, declarado ás 21.37 horas do mércores, foi controlado ás 18.54 horas do sábado e é o que afectou a unha maior superficie: 2.200 hectáreas. Contra as súas chamas loitaron dous técnicos, 65 axentes forestais, 104 brigadas, 56 motobombas, unha pa, 13 helicópteros e oito avións, así como efectivos da UME.

Por outra banda, o lume que se iniciou en Negreira o mércores, na parroquia de Liñaio, permanece controlado desde as 8.48 deste sábado.

A superficie afectada, segundo as estimacións provisionais, que se confirmarán tras o parametrizado, é de 663 hectáreas. Nos traballos de extinción participaron un técnico, 13 axentes forestais, 33 brigadas, 14 motobombas, sete pas, nove avións e seis helicópteros. Sumáronse tamén efectivos da UME.

Sen saír da provincia da Coruña, en Porto do Son, parroquia de Ribasieira, permanece controlado desde as 8.41 horas deste sábado outro incendio que, segundo as estimacións provisionais, afectou a 325 hectáreas. Na súa extinción traballan dous técnicos, 20 axentes forestais, 39 brigadas, 20 motobombas, catro pas, cinco helicópteros e catro avións.

Imaxe da devastación na aba do Monte Pindo na zona da localidade carnotá de Panchés – FOTO: X.C.

Fonte: GaliciaHoxe.com

O lume arrasa a riqueza natural e paisaxística do monte Pind

As chamas afectaron a especies endémicas como o carballo anano
O Pai Sarmiento, Otero Pedrayo e unha extensa relación de personalidades históricas de Galicia elevaron á categoría de mitológico ao monte Pindo, unanimemente cualificado como o Olimpo Celta. Onte pola noite, todo indicio de fauna e flora desta paraxe polo que, desde hai anos, loitan pola súa declaración de parque natural, sucumbira ao lume, e o peculiar ton rosado das súas pedras volveuse gris. A catástrofe empezou a fraguarse o mércores sobre as 21.30 horas na Cima Darca, paraxe forestal que marca os límites de Carnota e Mazaricos, e a medianoite seguía activo, aproximándose ás 2.000 hectáreas calcinadas. Só entre o mediodía do mércores e a noite do xoves, en apenas 34 horas, en Galicia arderon unhas 3.000 hectáreas, segundo datos oficiais.
Algúns testemuños aseguran que o lume comezou en dous focos a ambos os dous lados da pista que leva ao cume, e foi alentado por un forte vento do nordeste, que atopou abundante foresta, agreste e moi seca, para avanzar descontrolado sen que nada puidesen facer as cisternas e cuadrillas que chegaron ao pouco.
As chamas propagáronse polas ladeiras deste espazo, dentro da Rede Natura e que conta con 650 especies catalogadas, entre elas o carballo anano, que era única no mundo e que foi afectada as chamas.
O epicentro da traxedia viviuse de madrugada nos lugares de Panchés e A Curra, cuxos veciños foron os primeiros en sentir a calor do lume nas súas caras e casas, en cuxas xanelas derretidas constatábase onte pola mañá as altas temperaturas que se rexistraron.
A rapidez do lume fixo tensa e larga a noite aos residentes tanto das aldeas afectadas como doutras próximas que vían como as chamas se achegaban ameazantes pola cima do monte a Cabanude e Ou Lugariño; por unha banda, a Cornido, San Cibrán e Valdebois; pola costa, a Caldebarcos e Quilmas; xa ao amencer, á propia vila de Ou Pindo.
O lume afectou as instalacións de electricidade e telefonía, o que deixou sen servizo durante horas aos municipios da comarca de Muros e causou trastornos noutros próximos.
A asociación Monte Pindo Parque Natural culpou do desastre ao desinterese da Xunta por protexer a paraxe, polo que pide dimisións e convocou unha manifestación en Santiago de Compostela para o 6 de outubro.

Fonte: La voz de Galicia

Fotografía Simón Balvis