Entradas

Galicia é a última de España na Rede Natura

Co verde que é Galicia e tan só o 11,88 por cento da súa superficie forma parte da Rede Natura 2000. Pouco máis do seu terreo, o 12,88%, é espazo protexido. Eses son os datos do último anuario do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente a decembro de 2011, e sitúan a Galicia como a comunidade autónoma que, en relación ao seu tamaño, ten menos superficie que forme parte da rede. Só a cidade autónoma de Melilla lle gana nestes termos.

Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea e protexe as especies e os hábitats máis ameazados, evitando a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto do home.

Fonte: El Correo Gallego

SAÍDA á SERRA DO XISTRAL

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural vén organizando dende hai varios anos saídas a lugares de interese ambiental. O próximo 10 de xuño será a Serra do Xistral o obxectivo da andaina. Manuel Rodríguez Guitián, pofesor de botánica da USC vai ser o monitor que desvele os segredos deste contorno de alto valor ecolóxico.

A saída efectúase dende Sada (á porta do IES Isaac Díaz Pardo) ás 10 a.m. E a data tope para se apuntar é o próximo xoves 7. Pódese facer vía sms no 686 143 143 ou no enderezo-e asmarinhas@sghn.org.

Máis información no PDF

Foto: Turgalicia

O rural que queremos

Para este sábado, día 2 de xuño, está programada a xornada O rural que queremos. Experiencias e propostas para a súa custodia e posta en valor, na Casa de Cultura do Salgueiral en Bora (Pontevedra). O obxectivo dos organizadores é crear un espazo de encontro, de diálogo e de exposición da diversidade de axentes que están contribuíndo a activar, ó tempo que conservar, os recursos específicos do mundo rural.

Fragas do Mandeo, como entidade de custodia do territorio para a conservación da natureza de As Mariñas, está invitada a expoñe-la súa traxectoria e experiencia, introducindo ós asistentes na realidade da custodia do territorio como un instrumento para conserva-la biodiversidade local e axudar a dinamizar o mundo rural.

A empresa Hifas da Terra  estará representada polo seu director da área de medio ambiente, que terá ocasión de comentar como a micoloxía ofrece un recurso sostible na explotación dos bosques.

Amigos da Terra aproveitará para relatar a extensa experiencia do Centro de Educación Ambiental de As Corcerizas (San Mamede, Ourense), no que demostran alternativas para os problemas ambientais.

A cooperativa de mulleres Ancares de Meu contará a súa experiencia como iniciativa empresarial no mundo do tempo libre e das rutas ambientais nos Ancares lucenses.

Máis información en: Aniasociocultural

O conxunto do ecoloxismo galego reclama a liberación do tiburón do Museo do Mar de Galicia en Vigo

Sería o mellor acto que o Museo do Mar podería desenvolver para celebrar o día dos museos, pois a diferenza doutras especies de fauna silvestre en catividade o cazón branco do acuario vigués aínda e recuperable para a súa devolución ao medio natural.

Os colectivos ecoloxistas galegos reclaman a súa liberación ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a dirección do Museo do Mar.

Os colectivos ecoloxistas consideran que manter en cautividade ese pequeno cazón branco non se pode xustificar nin divulgativa, nin educativa nin científicamente. Tampouco ten nada que ver ese animal co ecosistema da ría de Vigo que o acuario pretende representar. Trátase simplemente de manter en catividade a un animal silvestre co único obxectivo de servir de reclamo para o público que, na práctica, asiste a un espectáculo que o único que consigue e insensibilizarnos polo feito de degradar a un animal ate rebaixalo á categoría de adorno. Xustamente todo o contrario do que defende a Educación Ambiental e que ao final solo só acaba sendo un lamentable espectáculo que se complementa co dobre cativerio do polbo cazón, dentro do acuario e a súa vez dentro dunha caixa de metacrilato na que morrerá en catividade.

Polo tanto reclamamos á Consellería de Cultura e á dirección do Museo do Mar que poñan fin a este absurdo exemplo de maltrato animal e liberen ao cazón branco, para que poida vivir donde debe facelo, no mar, e non nunha estreita e triste peceira.

Do mesmo xeito que no seu día o Museo do Mar utilizou o confinamento nesa peceira do cazón branco como reclamo publicitario, teñen agora unha oportunidade de dignificar as súas instalacións dando un bo exemplo de auténtico compromiso coa conservación dos océanos liberando ao tiburón. Un xesto que permitiría pensar que o Museo do Mar efectivamente predica co exemplo o seu discurso conservacionista.

Asinan esta petición os colectivos ecoloxistas ADEGA, Amigos da Terra, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega FEG (Adega, Adenco, Asociación pola defensa da Ría Pontevedra, Asemblea do Suido, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Coto do Frade, Guerrilleiros das Fragas, Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verbo Xido, Verdegaia, Xevale), e a Sociedade Galega de Educación Ambiental-SGEA, Sociedade Galega de Historia Natural SGHN.

Fonte: SGHN

Des-regulamentar, privatizar, cementar, fumigar…

Difícil escoller unha nova a destacar, cando son tantas as (malas) novas que, como espada de Damócles, penduran sobre o noso contorno ambiental: tanto o Goberno central (o ministro Arias Cañete deixou claro, na súa comparecencia parlamentar do 1 de febreiro, que o “medio ambiente” ficará supeditado ao medre económico, da man dun “relaxamento” na normativa ambiental: revisión da Lei de Costas, volta cos “trasvases” entre cuncas fluviais, permisividade en canto a contaminación atmosférica, revisión da normativa estatal en materia de espazos protexidos etc…) como o Autonómico (a recente “ampliación” da Rede Natura eliminou espazos a protexer previstos polo anterior goberno autonómico, para permitir a instalación de novos Parques eólicos neses espazos sensíbeis; ou a  Orde que sixilosamente prepara, de cara a permitir o monocultivo -ate 100 Ha- de especies alóctonas, algunhas delas con potencial invasor, para a produción de biomasa forestal;  ou a nova Lei de Montes entre outras tanto ou máis temíbeis).

Mais quizais hai unha especialmente alarmante, pola inmediatez da súa aplicación, e a alarma que está a xerar entre os apicultores en particular e as entidades ambientais en xeral: trátase da fumigación, gratuíta e obrigatoria para as plantacións de eucaliptos, por medios aéreos, co gallo do control do Gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus) e que se pretende realizar en toda Galicia, co apoio expreso da Consellaría do Medio Rural e Mariño.

O procedemento da fumigación aérea afecta de xeito indiscriminado a todos os seres vivos (incluídas as persoas, evidentemente) e contamina solos e acuíferos, estean afectados ou non polo andacio, incluso a moita distancia do punto de aplicación.

A AGA (Asociación Galega de Apicultura) rexeita de plano esta práctica e vén de presentar denuncia, ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aducindo que o produto a utilizar (comercialmente coñecido como Cascade e que ten como principio activo o flufenoxuron) é particularmente tóxico para as larvas das abellas (como fai constar na ficha do mesmo a súa fabricante, a BASF), e moi danoso para outros insectos, especialmente os acuáticos, os peixes, moluscos e vermes terrestres e, polo tanto, para a cadea trófica.

A propia Comisión Europea decretou a súa prohibición e retirada urxente, dando un prazo até final do presente ano para retirar excedentes e a súa comercialización definitiva no próximo mes de agosto, así que o esperábel sería unha actitude responsable e celosa por parte do Goberno Autónomo.

Se consideramos que a superficie afectada polo Gorgullo achégase ás 100.000 Ha de eucaliptal, estímase que se empregarían arredor de 50.000 litros de lufenoxuron diluído, de xeito xeneralizado e sen protocolos de aplicación.

A AGA pregúntase se se terán en conta as condicións de aplicación (doses axeitadas, dilución correcta, ventos dominantes e proximidade a puntos sensíbeis) así como a oportunidade da mesma, nunha época de máxima actividade para as abellas e o resto de seres vivos que poden resultar afectados: os antes mencionados e máis as aves insectívoras, en plena época de cría).

Agardemos que a administración autonómica vele polo interese xeral e non só polo particular dos produtores de madeira, habida conta que existen e, xa se viñan empregando, outros métodos, inocuos, como o control por medios biolóxicos. Polo si ou polo non, os afectados e as organizacións que os apoian organízanse na Plataforma contra as fumigacións:

www.fumigacionsnon.org

Texto: Calros Silvar

Jose María Vilar Varela fala de ‘A arte do bo pescar’ en Actualizad@s

José María Vilar Varela fala da pesca con cana no programa Actualizad@s comentando no mesmo programa que Baía Edicións está a preparar o seu primeiro libro A arte do bo pescar, que sairá á luz no mes de maio.

A pesca con cana non é só unha actividade deportiva, que se debe aprender a practicar e a gozar, é case un modo de vida: combates o estrés diario, gañas tranquilidade e saúde co contacto coa natureza -neste caso, o mar e o seu contorno-, logras unha gran satisfacción coas capturas realizadas e, finalmente co seu tratamento gastronómico. Estes son, sen dúbida, algúns dos seus moitos alicientes.

Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

A guía, na que José María buscou deliberadamente utilizar unha linguaxe absolutamente didáctica e directa para que cumpra o seu principal obxectivo, a divulgación, consta de catro apartados: 1) cebos e engados, 2) artes e técnicas, 3) o mar, os ventos e as mareas, e 4) a pesca das especies máis comúns das nosas costas.

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. A entrevista pode visualizarse a partir do minuto 01:20.

Actualizad@s. Capítulo 59

José María Vilar fala do seu libro A arte do bo pescar no programa de radio Entre Nós (25.05.12)

Guía das libélulas de Galicia

Esta guía trata sobre un grupo de insectos que reciben en Galicia as denominacións de tizóns do demo, cabalos do demo, gaiteiros do demo, sacaollos, quitaollos, mollacús, lavacús, gaiteiros e candileiros ou candís. Recentemente, para denominar estes insectos, incorporáronse a estas formas vernáculas outras de orixe culta, como libélula e libeliña. En termos técnicos estes insectos son agrupados na orde Odonata e denominados como odonatos.

A guía ofrece unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas, que serviu para aumentar e revolucionar, en certos aspectos, estas ciencias nos seus mesmos fundamentos. Asemade, facilita a identificación das libélulas mediante a súa observación directa, sen intervención nin captura, facendo fincapé nas características que sirvan para a distinción mediante a única axuda duns prismáticos, e algo de paciencia, e busca, ao tempo, servir de guía de campo para os naturalistas que queiran identificar as diferentes especies de libélulas de Galicia, atendendo as formas adultas.

Descríbense 62 das especies máis habituais no noso país e mesmo algunhas que, polas condicións de cambio climático existentes, é previsíbel que comecen a ter o seu hábitat natural en breve espazo de tempo en Galicia. Todas elas magnificamente ilustradas por Calros Silvar a toda cor.

O obxectivo último, e talvez o máis importante, é aumentar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Visita o blog Luar na fraga

Calros Silvar fala das ilustracións da guía na súa web.

Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións