Entradas

Un documental e unha páxina web renden homenaxe aos voluntarios do Prestige

A Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) emprendeu a campaña Galicia en color para favorecer os reencontros do voluntariado que colaborou cos traballos de limpeza da costa galega tras o desastre do Prestige como agradecemento ao que fixeron hai unha década, e que agora vai completarse con Marea Blanca, un documental de Isabel Coixet que o vindeiro día 16 estrearase no Cine Callao de Madrid, podendo verse na Rede a partires do día seguinte.
Este documental de 30 minutos conta as historias e motivacións persoais de quen deixou o seu fogar, traballo ou tempo de vacacións para realizar o duro labor de recoller coas súas propias mans vertidos tóxicos que tinguiron de negro o litoral galego. Para contar esta historia Marea Blanca céntrase na voluntaria Soledad Méndez, que chegou dende Estremadura e decidiu quedar en Galicia para sempre tras iniciar unha relación con outro voluntario (que rematou cunha filla como froito, que leva por nome Alegría Fisterra). Coixet tamén fai un achegamento aos pescadores da Costa da Morte e a outra parella formada limpando a costa de Muxía (o galego Nacho Castro e a catalá Nuria Blanco).
Este proxecto enmarcado en Coronita Save the Beach non se limita a unha peza audiovisual, senón que tamén conta cunha plataforma en liña que está a construírse como un monumento virtual na honra dos colaboradores, e na que tamén pode verse a fotografía panorámica máis grande do mundo que amosa o estado actual dos 274 quilómetros de costa afectados, sobre os que se proxectan os nomes de moitos voluntarios xeoposicionando imaxes que tomaron durante a limpeza do vertido, de xeito que podemos ver o antes e o despois do enorme esforzo que serviu para salvar a costa.

Fonte: Codigocero

A Fundación Barrié de Vigo acollerá o pleno extraordinario da RAG con motivo do Día das Letras Galegas

A sede da Fundación Barrié de Vigo será o espazo que acollerá o tradicional pleno extraordinario que realiza a Real Academia Galega (RAG) con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio, que este ano está dedicado á figura de Valentín Paz Andrade.

A cita, que estará aberta ao público, será ás 12.00 horas, e contará coa intervención de Xavier Vence Deza, Manuel Rivas Barrós, Ramón Villares Paz, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xesús Alonso Montero e o peche do presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Previamente, ás 11.00 horas, o concello de Vigo inaugurará unha placa dedicada a Valentín Paz Andrade no Edificio Sanchón, situada na rúa rúa policarpo Sanz, 22.

Fonte: GaliciaHoxe

Defensa do Ensino Público inicia un calendario de mobilizacións contra os recortes

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público iniciará este martes, día 8, un calendario de mobilizacións contra os recortes educativos, segundo informaron os seus responsables coincidindo coa presentación da plataforma na bisbarra de A Coruña, na que volveron reclamar á Xunta que recorra o Real Decreto do Goberno por “invadir” competencias autonómicas.

En rolda de prensa, representantes da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), CIG, BNG, Comités e Galiza Nova presentaron os obxectivos da plataforma na bisbarra, coincidindo coa súa constitución oficial este luns.

Ao respecto, o voceiro da Plataforma, Xoán Costa, subliñou “o rexeitamento” da comunidade educativa ao Real Decreto do Goberno e esixiu á Xunta que non se aplique en Galicia. Ademais, instou o Executivo galego a que recorra unha normativa que non considerou “necesaria” e que, na súa opinión, “invade” competencias autonómicas.

Tamén informou do calendario de mobilizacións que levarán a cabo e que comezará este martes, día 8, con concentracións en 14 localidades galegas. No caso de A Coruña, terá lugar ás 19.30 horas na praza de Pontevedra.

Ademais de avalar a folga de estudantes convocada para o día 10, a Plataforma secundará encerros en diferentes centros educativos a partir do día 14 para culminar o 3 de xuño cunha manifestación en Santiago de Compostela, conxuntamente coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.

Paralelamente, Xoan Costa sinalou que dende os claustros e consellos escolares dos centros educativos se remitirán á Xunta de Galicia e, en particular, á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria escritos “para que non se apliquen estas medidas”, explicou.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, constituída o pasado 25 de abril en Compostela, conta co respaldo das ANPAS de Ferrol, Lugo e Compostela, ÁS-PG, Comités e Liga Estudantil, Galiza Nova, BNG e CIG. Tamén mostraron a súa adhesión ANPAS do Morrazo, Vigo e Baixo MiÑO.

Fonte: GaliciaHoxe

A nova SGAE arrinca cunha esperada xunta en busca de presidente

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) inicia hoxe a súa nova era post-Teddy Bautista (anterior presidente) coa elección do seu sucesor. Os 39 membros da xunta directiva reuniranse en Madrid para decidir se ese novo capitán será o galego Antón Reixa, o compositor José M. Fernández Sastrón ou o cantante Miguel Ríos.

Preguntado sobre un posible acordo con algún dos seus adversarios, Reixa asegurou na tarde de onte que non ía facer declaracións ata hoxe. Ao seu favor, ten que logrou 14 escanos dos 39 da xunta directiva, conseguindo o maior número. Na súa contra, o seu opositor Fernández Sastrón presume de contar con máis apoios no colexio electoral dos intérpretes musicais, que se mostran como os máis influentes do colectivo.

Tampouco se coñece que fará Sastrón hoxe. Nun principio, negouse a apoiar a Reixa. Ao seu favor ten, segundo algúns internautas, o apoio de pesos pesados da música como Alejandro Sanz e un programa que promete unha revisión “completa da política cultural e asistencial”.

Pola súa banda, Reixa ve prioritario restaurar o diálogo cos consumidores, sentar as bases dos dereitos de autor en internet e recortar a débeda. Para o candidato galego, foi fundamental neste proceso de renovación a ruptura co pasado.

Fonte: La Opinión A Coruña

Xuventude Galicia Net convocou máis de 8.000 participantes

O Encontro Dixital Xuventude Galicia Net que organizou ao longo deste fin de semana en Santiago a Dirección Xeral de Xuventude pechou un ano máis as súas portas cun balance “moi positivo”, co paso polo Pazo de Congresos e Exposicións de máis de 7.000 persoas. A esta cifra súmanse os máis de 1.000 mozos e mozas que se inscribiron para participar durante os tres días na intranet.

Unha das iniciativas máis valoradas nesta edición foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise. Máis de 500 participantes participaron ao longo de toda a semana para elixir os tres mellores proxectos, defendidos ante un xurado.

Ademais, a mesa redonda sobre o emprendemento e unha sesión de networking non convencional, na que mesturaron as técnicas de citas rápidas, foi todo un éxito, o igual cos relatorios, especialmente os de Enrique Dans e Leopoldo Abadía, con aforos completos.

Así mesmo, é preciso salientar que a oferta formativa foi a máis completa das trece edicións celebradas no Encontro de Xuventude Galicia Net. Abordouse un amplo abano de materias dirixidas para todos os públicos ao longo dos tres días, como, por exemplo, hacking ético, neuromarketing web ou redes sociais.

Con respecto á extranet, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre, converteuse nesta edición nun punto de encontro de pais e fillos, mozos e mozas arredor das novas tecnoloxías.

As colas sucedéronse todo o fin de semana para acceder aos simuladores de golf ou tiro. Tamén houbo moita afluencia de público nos obradoiros de maquillaxe, no stand de consolas e no de ciencia divertida dirixida para os máis cativos.

Os amantes da arte tamén tiveron un oco no exterior do Pazo de Congresos no que o Graffiti foi o protagonista e dentro da party realizáronse, ademais, diversas actividades relacionadas co modding, hardware e overclocking. Así mesmo, destacaron os campionatos de xogos con pc´s como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Para competir sen os ordenadores, houbo lanzamento de CD, air guitar ou dobraxe, entre outras.

Por último, as noites temáticas de cine, a novidade desta edición da land party tamén foron un éxito. Xuventude Galicia Net non pechou as súas portas pola noite, ofrecendo de balde noites de cine temática.

Fonte: El Correo Gallego

A AELG entrega os seus galardóns a mellores obras do 2011

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado a Cea das Letras, onde fixo entrega dos seus premios anuais a obras e autores. Se a novela arousana de Antón Riveiro Coello Laura no deserto fíxose co premio a mellor narrativa, Agustín Fernández Paz continuou co seu ronsel de premios, recibindo o de mellor obra da literatura infantil e xuvenil por Fantasmas de luz. Os premios honorarios recaeron para os Equipos de Normalización Lingüística, na categoría de Institucións, e na de Escritor Galego Universal, para José Luis Sampedro.

Literatura Infanto-Xuvenil
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011
Bieito Iglesias.

Mellor Blog Literario
As crebas, Miro Villar.

Tradución
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Narrativa
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

Teatro
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Ensaio
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Fonte: Culturagalega

Unha empresa galega, líder en vendas de aplicacións para Apple

Chámase Memorize Idi, foi creada pola empresa galega IDi Creative e colocouse líder de vendas no mercado español para o Iphone dentro das aplicacións de ámbito educativo. Desde o pasado xoves, cando está disponible para o teléfono e para Ipad, a devandita aplicación foi aumentando as descargas até colocarse líder logo de ser adquirida non só no conxunto do Estado, senón tamén en Francia, Italia e incluso Rusia grazas ás versións en distintos idiomas.

Memorize IDi transforma calquera número en sinxelas imaxes, o que permite “unha fácil memorización independentemente da cantidade de díxitos que conteña”, como explica a empresa nun comunicado. Francia, país de orixe do inventor da teoría na que se basea a aplicación, é o segundo país que máis xerou da app.

Para a creación deste enxeño, un equipo de programadores informáticos encabezados polo pedagogo galego José Ramón García Guinarte desenvolveu de forma tecnolóxica o antigo método creado polo matemático e astrónomo francés Pierre Hérigone no século XVII, consistente en converter os números en palabras, “fórmula que aínda a día de hoxe é a máis utilizada polos grandes prodixios da memoria para competir en campionatos mundiais, dado que permite desenvolver unha prodixiosa velocidade na retención mental de datos”.

O Memorize IDi, ou Calculadora Mnemotécncia, “multiplica a eficacia do antigo método ao transformar de forma automática calquera número en sinxelas imaxes, o que permite unha fácil memorización independentemente da cantidade de díxitos que conteña”. Deste xeito, a aplicación permite converter alquera usuario cun coeficiente intelectual normal nun xenio da memorización numérica tras un pequeno adestramento previo.

A empresa galega desenvolveu tres aplicacións diferentes para a tecnoloxía Apple adaptadas ao español, inglés e francés. Pódese descargar en calquera Iphone ou Ipad con tecnoloxía IOS a través de Apple Store e proximamente estará lista tamén para Android.

Fonte: Praza.com

Este sábado a Asociación de Escritora e Escritores en Lingua Galega fará a entrega de Premios AELG 2012

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega informa que a Cea das Letras será o 5 demaio, sábado, no Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n -San Lázaro-Santiago de Compostela).

Cea na que se fallarán os Premios AELG 2012, nas modalidades de Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil, Poesía, Narrativa, Tradución, Teatro, Xornalismo Cultural e Mellor Blog Literario ás mellores obras de 2011. Así mesmo, entregarase o premio “Escritor Galego Universal” a José Luis Sampedro, e mais o Premio AELG para Institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de Normalización Lingüísica dos Concellos. A obra Fábula galénica, de Inácio Vilariño é finalista no apartado de Teatro.

Hoxe se inaugura na Coruña o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

Catro anos de intenso de traballo e preto de tres décadas recompilando as pezas craves na historia da ciencia española foron necesarios para que hoxe abra as súas portas na Coruña o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, máis coñecido como Muncyt. Farao seis meses máis tarde do previsto, porque as eleccións do pasado 20-N frearon a súa apertura ao público. Pero ese tempo non pasou en balde. Nas súas salas, que suman máis de 5.000 metros cadrados repartidos en nove plantas, danse cita obxectos en grao sumo peculiar. Desde martelos de diversa natureza e utilidade ata a cabina do Boeing 747 que trasladou o Guernica de Picasso desde Nova York a Madrid en 1981.

Todo iso para pór de relevo a importancia da tecnoloxía no día a día da cidadanía e para confirmar que «sen ciencia non hai cultura, pero sen cultura, a ciencia é imposible».

Para facelo, o Muncyt desmonta a idea tradicional da «cultura do monumento» e deixa paso a unha forma máis dinámica e activa de participación. É a filosofía do manipular, do experimentar; a dun museo no que os carteis de «prohibido tocar» non teñen lugar. Nun percorrido polas súas instalacións, pensadas para que todas as salas estean conectadas visualmente entre si, os visitantes toparanse con fitos fundamentais no devir tecnolóxico do último século, caso do primeiro computador que chegou a España no década dos anos 50 e que foi utilizado por Renfe para levar a nómina dos seus empregados. A súa memoria era de 1kb.

Un impoñente prisma de cristal con forma de cubo e situado a beiras do Atlántico albergará de agora en diante os fondos que esta institución museística foi recompilando ao longo dos anos, pero non os almacenará. E é que a esencia deste museo pasa porque as exposicións que conforman a súa oferta varíen para dar saída a todas as pezas e para ofrecer ao público un motivo para volver. Ademais, o Muncyt conta con ramificacións nas principais cidades españolas polas que itinerarán algunhas das súas mostras máis representantivas. Son as coñecidas como fiestras do Muncyt.

Tras a inauguración de hoxe, que contará co apoio dos Príncipes de Asturias, mañá terá lugar unha xornada de portas abertas, «a proba de lume», segundo o director do museo, Ramón Núñez. Despois, iniciarase unha etapa de rodaxe con visitas guiadas a grupos ata que o próximo 1 de xuño o Muncyt ábrase definitivamente ao público en xeral. Calcúlase que o número de visitantes anuais rolde os 200.000.

Fonte: ABC

Festa da Lingua na Cidade da Cultura

O EDIFICIO DO MUSEO da Cidade da Cultura acollerá hoxe e mañá A Festa da Lingua, organizada polas Escolas Católicas en Santiago. Nesta ocasión, esta celebración será para os nenos de Educación Primaria, e reunirá durante cada xornada a uns 520 nenos de diferentes colexios de toda Galicia.

De feito, na edición deste ano do premio Frei Martín Sarmiento participan dez mil rapaces, que dependendo das súas idades leron diferentes libros. Así, na primeira categoría, de 1º e 2º de Educación Primaria, os títulos elixidos foron As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro e Editorial A Nosa Terra; María, de María Corleone e Edicións Everest e Xurxiño quere ser…, de Miguel Vázquez Freire e Baía Edicións. Na segunda categoría, de 3º e 4º de Educación Primaria, os libros escollidos foron: A peripecia de Roi, de Carlos López Gómez e Editorial Edelvives; Xoa, de Antonio Yánez Casal e Edicións Xerais e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto, de Editorial Kalandraka.

Na terceira categoría, de 5º e 6º de Primaria, os nenos leron A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, de Edicións Xerais; Os tratantes de papagaios, de Leticia Vila Sexto, de Editorial Galaxia e Brais e os demais, de Manuel Darriva e Editorial Galaxia.

Tanto onte como hoxe, as actividades deron comezo ás 10.30 horas, coa acollida de todos os participantes e a representación da cadeira voadora, coa que se agruparán aos nenos dos diferentes colexios.

Onte ás 11.15 horas pronunciou unhas palabras Xosé Francisco Martínez Reboiras; mentres que o hoxe á mesma hora o fará o secretario xeral de Politíca Linguística, Valentín García. Ademais, leranse os nomes dos autores gañadores para cada categoría.

Despois, entre as 11.30 e as 14.00 horas desenvolveranse diferentes faladoiros cos escritores e haberá obradoiros rotativos, polos que pasarán todos os alumnos divididos en grupos por idades. Así, no taller de creación artística estará Francisco Castro; no de música, Susa Ferreiro e no de narración oral, Merche Rozas. Ademais, haberá dous talleres de destrezas manuais.

Para rematar, entre as 14.00 e 16.00 horas ofrecerase aos nenos a posibilidade de quedar a comer na Cidade da Cultura. A comida é opcional, e durante a mesma tamén haberá obradoiros variados para os nenos.

Fonte: Santiagoteespera.com