Artigos

O alumnado baixa na escola privada este curso e sobe na pública

Un total de 200.710 estudantes de infantil e primaria empezarán a mediados desta semana o ciclo 2013-2014 en Galicia, segundo información «provisional» difundida onte pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Suman 256 máis que o curso pasado. De feito, trátase da cantidade máis elevada no que vai de século XXI, de acordo coas bases de datos do departamento que dirixe Jesús Vázquez, o cal, con todo, non deu a coñecer «aínda» o número de profesores que pensa mobilizar para atender esa marca de nenos nas aulas. Observando en detalle as cifras si facilitadas pola Xunta, aprécianse outros dous feitos de certa relevancia: en plena crise, sobe o alumnado no ensino público mentres que baixa na privada e a concertada, e o parque de colexios descende un pouco, a pesar de ascender levemente o grupo de usuarios.

Fronte aos 985 do período 2012-2013, a partir do mércores abrirán as súas portas na comunidade 18 centros menos, ou sexa, 967: 151 de educación infantil, 644 de primaria e infantil e 172 de primaria e secundaria obrigatoria. Por provincias, 369 das devanditas instalacións sitúanse na da Coruña, por 362 que se achan na de Pontevedra, 122 na de Lugo e 114 na de Ourense. «Neste punto, cómpre destacar que a consellería volve garantir a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas», valorou onte a través dunha nota de prensa, a pesar do peche de infraestruturas, o equipo de Vázquez.

Marca de matriculados

Desde pasadomañá, a eses edificios comezarán a chegar un 0,13 % máis de menores que os 200.454 que estaban matriculados no sistema hai apenas uns meses. Ese volume de nenos acollidos contrasta co do 2001-2002 (190.626), o do 2002-2003 (187.967), o do 2003-2004 (186.172), o do 2004-2005 (185.451), o do 2005-2006 (183.450), o do 2006-2007 (184.833), o do 2007-2008 (187.438)… De feito, non atopa parangón con ningún curso da serie histórica dispoñible.

Dese total, nas escolas concertadas e privadas formaranse tres de cada dez, exactamente, 60.281, un 0,7 % menos que os 60.713 rexistrados no 2012-2013. No polo oposto, nas públicas farán o propio 140.429, medio punto porcentual máis que na tempada anterior (139.741). Consultada respecto diso, a Administración dixo onte non dispor dunha explicación oficial para esa circunstancia, «máis aló de que se estea producindo unha maior aposta pola educación pública», en expresión dunha portavoz.

A crise de natalidade

Aínda que en termos xerais se detecta un tenue incremento de escolares, discriminando entre o ensino infantil (de 3 a 6 anos de idade) e a primaria (ata os 12) obsérvanse comportamentos diferentes. Na primeira baixan de 67.716 a 67.591 os inscritos, cando na segunda ocorre xustamente o contrario: soben desde 132.738 ata 133.119. Dito doutro xeito, hai unha caída do 0,2 % contra un repunte do 0,3. Iso débese á crise de natalidade que padece a comunidade autónoma, un argumento cuxa validez a Xunta tamén recoñece.

Sumando ambas as etapas de formación, por territorios, o volume de matriculados soamente mingua en terras pontevedresas, ao retroceder un 0,5 % (de 77.713 a 77.321). En cambio, avanza en chan coruñés (de 83.748 a 84.279) e, xa en menor medida, tanto no lucense (de 19.937 a 19.992) como no ourensán (de 19.056 a 19.118).

Fonte: La voz de Galicia

Baía Edicións segue a completar recursos educativos da Aula Virtual

Co  inicio do curso escolar 2013-2014 petando á porta, Baía Edicións continúa a traballar nos recursos educativos virtuales na Aula Virtual e dando de alta a novas usuarias e usuarios. Calquera pode visualizalos, sen necesidade de rexistrarte, a índa que para usar algúns deles si se necesita pasar un sinxelo rexistro en  http://aulavirtual.baiaedicions.gal/

Como cada curso escolar, Baía Edicións apura a incorporación de novos recursos de utilidade nas aulas galegas. Neste curso 2013-2014 destacamos como novidade os referidos á materia de Lingua e Literatura Galega, de Economía e o referido ao Aproveitamento do cine para o ensino da Historia contemporánea, todo eles deseñados para Bacharelato.

Destacamos a variedade de contidos na nosa Aula Virtual, así podemos encontrar desde información sobre o contido do libro dunha materia determinada ao propio libro virtual, desde material complementario de ampliación e reforzo a propostas de actividiades, estas útlimas autocorrixibles ou para compartir na aula. Tamén se poderán ver ideas de  programacións de materias, solucións a exercizos propostos nos libros en papel, etc. Sempre coa finalidade de favorecer a diversidade nas propostas de achegamento a unha materia determinada, o que redundará nunha maior calidade da nosa oferta educativa.

Non busques nesta aula unha proposta unidireccional de traballo, nin a solución á aprendizaxe,  nin un deseño espectaular carente de contido, porque a Aula Virtual de Baía Edicións só pretende ser un lugar onde cada quen ten que elixir o que mellor se lle adapta á súa forma de ensinar e aprender.

Fonte: Baía Edicións

Saleta eo seu avó están totalmente decididos a acabar coa “Fadita fosca”

Saleta e o seu avó están totalmente decididos a acabar coa “fosca”, como di a pequena Saleta. A mosca, pola súa parte, asiste sorprendida desde o alto da libraría ao espectáculo que lle proporcionan.

Imaxes semellantes veranse a miudo en moitas casa do país, que deixan constancia da loita “corpo a corpo” entre humanos e o díptero, iso si, sen pesticidas.

Sabíades que:

As moscas forman parte de case todos os ecosistemas,  en todos os hábitats terrestres. As consecuencias da súa presenza no medio ambiente e na sociedade humana son de importancia excepcional, porque xunto cos mosquitos e só despois do home e os microorganismos patóxenos, as moscas son os seres vivos que causan máis dano e morte no planeta. Son axentes de transmisión dunha gran cantidade de enfermidades, incluíndo cólera, dengue, disentería, febre amarela, malaria, salmolenose e febre tifoidea;  e causan perdas significativas na produción de froitas e outros vexetais.

As moscas son tamén organismos moi importantes na reciclaxe dos refugallos de orixe animal e vexetal, un proceso esencial para a permanencia da vida na terra. Son tamén necesarias como alimento de paxaros, ras, e outros réptiles, morcegos, arañas e insectos varios.  Moitas moscas participan tamén na polinización  das plantas.

Fonte:  Baía Edicións e Galipedia

Xa está dispoñible a versión 3.6 de WordPress en galego

O popular xestor de contidos WordPress vén de estrear a súa versión 3.6, que xa está dispoñible en galego, e que supón unha interesante actualización para esta potente plataforma, que entre as súas novidades incorpora un novo tema predeterminado (Twenty Thirteen, que pon o foto no contido cun deseño colorido e dunha única columna), autogardado e bloqueo de entradas (cada 15 segundos garda as entradas que esteamos a redactar para non perder nada, frecuencia que reducirase ata os 2 minutos se detecta pouca actividade no ordenador), un reprodutor multimedia HTML integrado para poder incrustar audio e vídeo sen depender de servizos externos e un menú de edición máis doado de entender e usar. Tamén mellora a integración con Spotify, Rdio e SoundCloud.
A nova versión de WordPress tamén mellor os formatos de entrada, as revisións, o modo sen distraccións a pantalla completa e o fluxo editorial. É posible descargar WordPress 3.6 dende a súa páxina web, aínda que os usuarios que conten cunha versión anterior de WordPress poderán aplicar a actualización directamente dende o seu panel de control.

Fonte: Código Cero

Xa podemos descargar Firefox 17 en galego

O navegador web de Mozilla actualízase hoxe, de xeito que xa podemos descargar o Firefox 17 en galego nas súas versións para Windows, OS X e Linux, que entre as súas principais novidades conta coa primeira revisión da Social API e soporte para Facebook Messenger, así como unha importante mellora de seguridade/estabilidade que acada mediante o bloqueo preventivo complementos que non estean debidamente actualizados, de xeito que só entrarán en funcionamento coa participación activa do usuario, o que consideran que é un xeito máis amigable de advertir da obsolescencia dos complementos que teñamos instalados.

A barra de dirección tamén conta con iconas máis grandes, o soporte de HTML5 inclúe o atributo Sandbox para iframes (o que supón un incremento da seguridade), corrixe numerosos fallos detectados e tamén di adeus aos usuarios de Mac OS X 10.5 Leopard, de xeito que os equipos de Apple que consideran obsoletos deixarán de contar oficialmente con novas versións de Firefox. O abandono de Leopard decidiuse en función do reducido número de usuarios de tal plataforma que data xa de hai 5 anos, de xeito que os recursos liberados aproveitaranse para desenvolver algunhas das últimas funcionalidades de OS X, como o modo de pantalla completa e as ferramentas de accesibilidade.

Fonte: Código cero

As institucións públicas poderán poñer a disposición do público as obras orfas

O Parlamento Europeo aprobou unha directiva pola que as institucións públicas, bibliotecas e museos poderán reproducir e poñer a disposición do público obras orfas, sempre que se teña efectuado previamente unha “búsqueda dilixente e de boa fe para descartar que poida haber un titular de dereitos da obra”. Os  Estados da UE dispoñen de dous anos para  incorporar a directiva ao seu dereito nacional.

Considérase unha obra orfa aquela que está protexida polos dereitos de autor pero non é posible localizar ao seu creador. Antes de que se aprobara a nova normativa era necesario un permiso previo do autor para poder exhibir as obras, pero ao non poder localizalo, era imposible dar difusión a estas obras.

Unha obra calificada orfa nun Estado membro pasará a entrar nesa categoría en toda a UE.

Fonte: AGE

Prolingua, nova estrutura e nova directiva

Naceu, hai xa tres anos, no medio da polémica polo decreto do plurilingüismo no ensino, como unha plataforma apartidaria de defensa da lingua. A pasada fin de semana, unha asemblea xeral aprobaba un novo rumbo para Prolingua. Cotas de socios, unha mínima estrutura comarcal e un programa de actividades ata 2015 pretenden fortalecer e darle continuidade este proxecto de defensa do galego.

Novo web, unha carta aberta aos partidos políticos con vistas ás vindeiras eleccións autonómicas e, o pasado sábado, unha asemblea xeral. A plataforma Prolingua tivo unha semana intensa, e continua cunha forte actividade a desenvolver os acordos que se tomaron nese encontro. Un dos novos membros da nova Cerna, a coordinadora sen cargos específicos que xestiona o traballo diario do colectivo é Alejandro Tobar. Segundo sinala que “é unha mudanza relativa de estratexia. Logo de tres anos de actividade fíxose unha asemblea para renovar a Cerna. A renovación é tamén relativa porque só mudou a metade, manténdose a outra metade. Tentouse, iso si, entrar xente máis ou menos moza, de entre 30 e 40 anos”. Con esta mudanza, recoñece, “pretendemos darlle un certo pulo ao colectivo, aínda que mantivemos actividade, no último semestre si que parara un pouco a nosa presenza”, sinala.

Estruturas
Entre as principais novidades da plataforma está o desenvolvemento dunha mínima estrutura comarcal, que quere facilitar a difusión de actividades por todo o país. Segundo explica Tobar, “non se trata de ter estruturas fixas en cada comarca, non temos esa capacidade. O que facemos é, a partir da rede de xente que colaborou nas presentacións de 55 mentiras sobre a lingua galega, contamos con estas persoas como responsables en cada zona e chamarémolos a eles para vindeiras actuacións”. En total serán entre 12 e 18 áreas territoriais, entre elas unha centrada na lingua na diáspora. Canda a esta inicial estruturación comarcal, o colectivo pon en marcha tamén grupos de traballo especializados en tres áreas: deporte, dereito e administración e mais comunicación e empresa.

Socios
Para alén destas modificacións internas, unha das maiores mudanzas da plataforma é a apertura á afiliación individual con cotas de socios, conformándose cunha estrutura de asociación. “O que temos agora é unha estrutura difusa, con moitos asinantes do manifesto e seareiros, pero non sabemos quen é socio ou non, estableceremos unhas cotas accesibles e con estes cartos veremos o que podemos facer”. Malia a estas mudanzas, a nova Cerna de Prolingua insiste no carácter non xerárquico e horizontal do colectivo.

Proxectos
Proxectos desde logo non faltan, a nova cerna propón un programa de acción ata 2015 que contempla cuestións como a colocación de postos de información en diferentes festas locais, a presentación dun informe anual de queixas ao Valedor do pobo, a elaboración dun documental sobre a evolución da política lingüística ou a convocatoria dunha “marcha pola lingua en Compostela na que os asistentes camiñen sen máis marca ca a da lingua” entre moitos outros. Segundo Tobar, “pensamos que manter xuntanzas é o xeito de o conseguir, imos ser moi activos con pequenos grupos de traballo buscando que a xente se galeguize”. O deporte será un dos primeiros ámbitos de acción, procurando, por exemplo, a galeguización de clubs de fútbol. Baixo esta perspectiva, Prolingua pretende elaborar informes sobre a situación do galego en diferentes áreas, amosando “as vantaxes e o valor engadido de utilizar o galego como lingua base”. Outro dos grandes proxectos, e seguindo o espírito divulgativo que guía boa parte das actuacións da plataforma será a edición dunha nova obra didáctica encol da lingua galega, na liña das 55 mentiras, tamén coordinada por Xosé Henrique Costas.

Cara aos partidos
A iniciar a xeira, a plataforma xa enviou aos partidos políticos unha carta na que reclama, entre outras cuestión, o coñecemento e o emprego público da nosa lingua por parte dos representantes electos, unha mudanza do decreto do plurilingüismo e no sistema de axudas a medios de comunicación , así diferentes iniciativas de promoción da lingua. “Facemos un chamado para un compromiso de mínimos sobre a lingua. Logo duns anos desastrosos a este nivel, queremos chegar a un consenso”, lembra Tobar. Lanzado o pasado día 14, aínda non houbo respostas sobre esta proposta, lanzada ao fío das vindeiras eleccións autonómicas.

Web
O novo web de Prolingua, pola súa banda, amosa un interese por documentar a situación do galego cun mapa no que se recollen parabéns e queixas encol da nosa lingua e no que o público pode engadir as súas experiencias. Canda a isto, novas, un observatorio sobre o emprego da nosa lingua en diferentes ámbitos ou a achega de documentos tipo redactados en galego son algúns dos contidos que presenta.

O panorama
En xeral, as novas propostas amosan a vontade de continuar cun traballo continuo e multisectorial a prol da lingua por parte desta organización. A busca de presenza en todo o territorio, o diálogo con todo tipo de sectores públicos e a intención dun traballo a varios anos supoñen un esforzo de consolidación que pretende deixarse sentir na situación da nosa lingua. Desde logo, a situación supón xa unha mudanza importante no panorama asociativo a prol da normalización, nun panorama ata no que ata o de agora destacaba a presenza da Mesa como principal referente. A seguir un dos eixes de Prolingua desde a súa creación, o carácter apartidario mantense con firmeza nesta nova xeira. “Temos un discurso creado bastante claro e imos tentar consolidalo. Somos un pouco a cara amable da lingua, non temos connotación política e non se nos pode por. Esta é unha plataforma apartidaria, e só iso xa é un paso a avanzar moi grande. Estamos abertos a colaborar con outras plataformas, a idea é crear discurso e logo ir facendo”, lembra Tobar.

Fonte: Culturagalega

Arrinca o XVI Festival Intercéltico d’Occidente con Culturlingua

A praza do Concello de Tapia volverá ser o lugar elixido para izar a bandeira celta, que estará colocada no centro da vila durante todos os días de celebración. Esta bandeira simboliza o inicio do Festival Intercéltico d’Occidente, que encherá Tapia de Casariego de cultura e música celta desde este mércores até o vindeiro domingo.

Segundo informou a organización, no acto inaugural das 19.00 horas estará presente o Alcalde de Tapia, Manuel Jesús González, a concelleira de Cultura, María Antonia Fernández, e o director do Festival, Martín F. Cascudo.

Tras o izado da bandeira, as autoridades procederán a realizar un percorrido polo mercado tradicional que encherá até o domingo as prazas da Constitución e Campogrande, en pleno centro da vila tapiega.

Ás 20.00 horas celebrarase a primeira sesión de Culturlingua, as xornadas que por cuarto ano consecutivo abren o Festival e dedícanse a divulgar e presentar creacións culturais en galego-asturiano.

Na xornada de hoxe está prevista a proxección do documental ‘A bruxa de Brañavara’, obra de Illán Gonzali e unha charla do etnógrafo e ilustrador Alberto Álvarez Pena. Pechará a xornada de hoxe unha actuación musical do dúo Maleguas.

Fonte: GaliciaHoxe

O venres 1 de xuño preséntanse os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta, o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas.

A Real Academia Galega, co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade.

Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:

  • A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
  • A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELGA) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
  • A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
  • Torras Papel forneceu o papel.
  • A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
  • A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
  • A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.

Durante a presentación desta iniciativa estarán expostos os carteis realizados.

Axúntase pdf co desenvolvemento do acto Presentación dos 50 carteis dos 50 homenaxeados

puntoGAL presenta mañá a candidatura dun dominio para a lingua e cultura galegas

Cunha pequena xornada de presentación, a asociación puntoGAL presentará hoxe martes ás 12 horas o “puntoGAL”, a candidatura dun dominio de Internet para a lingua e cultura galegas. No acto, tras a inauguración a cargo de Mar Pereira e Valentín García, explicarase a campaña a cargo de Manuel González, presidente da Asociación Puntogal e membro da RAG. Logo coñeceranse os resultados dun precedente como é o dominio .cat, a cargo de Jordi Iparraguire, director da Fundació puntCAT e haberá un coloquio no que participarán Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores, Manuel Gago, director de culturagalega.org, Víctor López, presidente da Asociación Galega de empresas de Internet e Marcus Fernández, webmaster de Código Cero. A entrada é libre.

· 12:00 Inauguración a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
· 12:10 Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
· 12:20 Presentación a cargo de Manuel González González, presidente da Asociación Puntogal e membro da Real Academia Galega.

Fonte: Culturagalega