Artigos

Abre O Garaxe Hermético

O pasado sábado abría as súas portas en Pontevedra O Garaxe Hermético. Co epígrafe de Escola Profesional de Banda Deseñada, o centro, dirixido por Kiko da Silva oferta formación para a aqueles que se queiran dedicar á novena arte. Da man de profesionais do sector como Miguel Porto, Jacobo e Norberto Fernández ou Fernando Iglesias, que se matricule recibirá un ciclo formativo de 3 anos e 700 horas anuais nos que se tratarán cuestións como técnicas de debuxo, entintado e cor, así como nocións sobre narración e guionización e mesmo procesos de impresión, distribución e dereitos de autor.

Canda ao ciclo formativo completo, a escola oferta tamén a opción dun curso de 176 horas anuais que se impartirá unicamente en sábado, e programará ademais clases maxistrais nas que diferentes autores de BD amosarán o seu xeito de traballo aos alumnos. David Rubín iniciará estas xeiras o vindeiro 19 de maio a explicar o seu traballo na obra El héroe.

Os títulos expendidos pola escola carecen de recoñecemento oficial xa que, segundo explicou o director, unha das condicións esixidas pola administración era que os profesores tivesen un título cando menos igual ou superior a aquel que imparten, e non existen títulos sobre BD. Canda a isto, boa parte dos profesionais en activo carecen de licenciaturas. Ademais, as propostas de programa docente realizadas desde Educación non se axeitaban, segundo Da Silva, ás esixencias actuais da industria da banda deseñada. “Para nós o importante é formar profesionais e que acaben publicando os seus traballos, xa que nesta profesión o que realmente conta é o nivel profesional do teu traballo”, explica.

O local da escola acollerá tamén exposicións de orixinais de diferentes autores, ata o vindeiro 31 de maio pode verse o proceso de traballo de Miguelanxo Prado en Trazo de xiz.

Fonte: Culturagalega

Nace ‘Sermos Galiza’, un novo medio multiplataforma, colectivo e en galego

Sermos Galiza bota hoxe a andar, un novo medio dixital de información xeral en galego que a partir do 17 de maio será tamén un semanario en papel. O proxecto nace por iniciativa dun grupo de 14 persoas que inclúe á escritora Teresa Moure ou ao músico Xurxo Souto. O obxectivo do novo medio é converterse nun referente da información en galego, coa lingua como principal trazo definitorio. Para iso, conta co apoio de 900 accionistas que a través da súa achega conseguiron dar forma ao proxecto.

A redacción do dixital está composta por cinco xornalistas que fomentarán a participación activa dos lectores. A implicación cidadá e o traballo de colaboradores de distintos ámbitos serán a base do novo medio, que pretende ofrecer unha visión crítica da realidade galega. Pola súa vocación de proxecto colectivo, Sermos Galiza buscará o apoio das diferentes asociacións existentes no país, que terán no novo portal un altofalante para as súas iniciativas e proxectos.

A información de Galicia centrará os contidos do novo portal, pero tamén haberá espazo para o que ocorra noutros lugares, fundamentalmente os máis próximos. Neste sentido, terán especial importancia os acontecementos que teñan lugar en Portugal e no resto de países lusófonos. Conscientes da difícil situación á que fan fronte os medios de comunicación, os responsables de Sermos Galiza confían en poder asentarse e converterse nun medio sólido. Para iso, ofrecen a posibilidade a todo o que queira de subscribirse ao semanario a través da súa páxina web. O obxectivo que se marcan para poder garantir a súa viabilidade é conseguir o apoio de 3000 cidadáns.

A posta en marcha do diario dixital é o primeiro paso. Á publicación do semanario a partir do próximo mes, esperan poder sumar novos servizos a través de diferentes soportes. A creación dunha radio dixital é o próximo obxectivo no horizonte, un obxectivo que esperan cumprir canto antes.

Fonte: El País

Finou Xaime Isla cofundador da Editorial Galaxia

Xaime Isla Couto, cofundador e Presidente de Honra da Editorial Galaxia finou onte, 25 de abril, en Vigo, segundo comunica a Editorial Galaxia a través da súa web. O ensaísta, avogado, economista, animador cultural e político do galeguismo era tamén director de Honra da revista Grial.

Os fundadores

Editorial Galaxia constituíuse en xullo de 1950 a partir da iniciativa de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, que un ano antes botaran a andar o Suplemento Literario do xornal La Noche en Santiago de Compostela. Axiña incorporaríanse ao proxecto Ramón Piñeiro, como director literario, e Ramón Otero Pedrayo, primeiro presidente do Consello de Administración. Mais a iniciativa foi dos anteditos: pulmóns e brazos executivos de Editorial Galaxia durante anos. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto foron a alma desta empresa, guieiros do seu proxecto estratéxico desde a súa fundación.

Foto: EditorialGalaxia

Fonte: AGE

Dispoñible para a súa descarga o Firefox 12 en galego

Co ritmo frenético ao que xa nos teñen afeitos dende Mozilla, xa están dispoñibles para a súa descarga as versións en galego do navegador web Firefox 12 para Windows, Mac OS X e LInux, que incorpora novidades como unha actualización máis doada na súa versión para Windows (fai unha pregunta menos), a visualización de código fonte das páxinas web amosa agora o número de liña, permítese o salto de liña no atributo de título, mellórase a función de busca dentro das páxinas, os enderezos web pegados no xestor de descargas iniciarán a súa descarga de xeito automático, solucionáronse problemas de rendemento de WebGL na versión de Mac OS X e incluíronse varias novidades de cara aos desenvolvedores.

Fonte: Codigocero

Presentación de ‘Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña’

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza mañá martes 24 de abril ás 20:00 horas a presentación do libro Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía Edicións, 2009), de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, profesoras no ensino secundario de historia e lingua respectivamente, que terá lugar na Casa das Letras /Gráficas Santiago de Ribadeo (R/ Rodríguez Murias, 8).

As autoras, profesoras historia e lingua, respectivamente, no ensino secundario, farán unha reflexión sobre a historia das mulleres en Galiza, o oculta que aínda permanece moitas veces e a pouca visibilidade que se lle dá, salvo excepcións, aínda hoxe nos libros de texto de secundaria.

Extracto da introdución do libro:

Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.
Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión.
Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes.
Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.

Organizan un concurso en liña de mensaxes de amor para dinamizar o galego na Rede

Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da mocidade e das novas tecnoloxías.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou durante a presentación que o galego é actualmente “a lingua que preferimos para falar coa xente que queremos: os amigos, a familia, as persoas que temos preto”, mais que pode ser tamén “a lingua que usemos para dirixirnos a persoas descoñecidas e iniciar relacións novas que, se comezan en galego, se manterán en galego”. García Gómez destacou tamén que o noso idioma, “que foi lingua de namorar na Idade Media, pode seguir séndoo hoxe e esperamos que así o entenda a mocidade galega”. Neste sentido, indicou que “o prestixio literario que tivo e ten a lingua galega debe complementarse co que hoxe ofrecen outros medios, coma internet”.
Ata o 17 de maio, os mozos e mozas que queiran participar poderán inscribirse e colgar as súas declaracións, de menos de 350 caracteres, na páxina web do concurso, onde se poden consultar as súas bases. Todas as declaracións serán alí visibles, onde figurarán de forma anónima, para que, a partir do Día das Letras Galegas e Día de Internet, as persoas que o desexen poidan votar polas que máis lles gusten.
Neste mesmo senso, Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, fixo fincapé en que a promoción do idioma galego é necesaria e, por iso, lembrou que é unha das prioridades da primeira Lei de Xuventude de Galicia. As bases establecen dúas categorías (unha para mozos de 14 a 19 anos e outra para mozos de 20 a 35) e tres premios por categoría consistentes en produtos tecnolóxicos coma un iPad, unha Wii ou un lector de libros electrónicos, entre outros.

Fonte e foto: Codigocero

Entrega do III Premio Meiga Moira ‘Os Globos de Andar’

Baía Edicións fai entrega do III Premio Meiga Moira 2008 ao libro Os Globos de Andar de Xavier López Rodríguez. Este acto tivo lugar no marco da feira Culturgal no edificio do PALEXCO na Coruña o día 4 de decembro, ás 11:30 horas, no que interviñeron, ademais, do autor, o catedrático de Literatura Galega da UDC, Carlos Paulo Martínez Pereiro como presidente do tribunal e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións. O acto contou tamén coa realización dun contacontos do libro por parte de Fátima Fernández. Read more

Alfombriña

Contacontos realizado na biblioteca pública da Sagrada Familia do libro de Infantil-Xuvenil Alfombriña da colección Contos da igualdade no ano 2008.

Read more