Artigos

O GOCE DO ARREPÍO: PRESENTACIÓN DE INFERNO E ORQUESTRA

O terror obedece a pulsións fondas, queda disimulado por capas e capas de cultura e convencións sociais e o mundo da imaxinación de cando en vez decide exorcizalo argallando historias que rañan neses medos e logo lemos ou contemplamos nunha mestura deliciosa de angustia e ledicia.

Gústanos ese espanto desenvolvido en páxinas ou fotogramas por canto nos permite revisar sen perigo os abismos escuros íntimos e colectivos e seica recapitular sobre a nosa seguridade presente. Un terror que dispón de moitas formas, pois nos asusta aquilo que apela á nosa tranquilidade mental e emocional, pero tampouco soportamos os riscos sobre a nosa integridade física. Arrepiámonos así tanto ante o atentado á nosa percepción dun aparecido, como ante a ferida e o sangue pola furia dun lobishome. Dous bos exemplos estes da iconografía galega do medo, á que tamén habería que engadir a Santa Compaña, meigas ou sacaúntos,  entre outras figuras do imaxinario autóctono. Todas configuraron moitos dos sustos e pesadelos do país, pero o temor é un corpo multiforme que engorda con achegas de todos lados, incluso de aquelas orixinarias de vellas películas americanas de serie B cheas de vísceras e sangue.

Traio, pois, a Xuntanza de Escritoras unha historia de terror por episodios na que casan elementos tan distantes (e paradigmáticos) como zombis caníbales vítimas dunha infección e festas patronais dunha parroquia afastada. Os monstros posmodernos fronte ás celebracións tradicionais nunha mestura que conforma unha novela curta e, podemos falar de novidade, escrita por unha muller, pois aínda segue a ser minoritaria a presenza feminina na autoría deste tipo de historias. Inferno e orquestra son nove capítulos nos que un grupo de xente corrente se ve inmersa nun pesadelo que os obrigará a loitar pola súa vida, unha das premisas básicas do xénero.  Hoxe presentamos o primeiro deles onde coñeceremos á maioría dos personaxes principais e o inicio do desastre nunhas paisaxes próximas e escenarios cotiáns.

Co desexo de que pasen un rato distraído (e se arrepíen), invítoos/as cordialmente a pasar polas Festas de San Xacobe.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Texto: Conchi Regueiro