Artigos

A evolución global da cifra de libros publicados en galego indica unha caída dun 52,4%

O seguinte informe ofrece datos da edición de libros en Galicia, a través dunha análise de diferentes aspectos que inflúen de xeito activo neste eido. O traballo elaborouse para presentarse na xornada “A lei do libro 2006 a debate” celebrada o 19 de abril de 2018 e organizada pola a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, para avaliar o desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.

Nun principio, a partir da Estadística de la Edición Española de Libros con ISBN, amósanse datos en comparativa evolutiva dende o ano 2006 ata 2016 de todos os libros inscritos en ISBN na comunidade galega e, de xeito específico, dos que se publicaron en lingua galega nesa mesma década. Esta mesma fonte fornece información relacionada coas empresas editoras e a produción media destas.

O informe profunda nesta produción editorial de libros e folletos mediante o estudo do número de títulos publicados (sempre no ámbito territorial galego) e a observación daqueles que son publicados en galego, segundo a súa categoría temática. Neste caso a fonte utilizada é o INE, a través da Estadística de produción editorial de libros.

O número de empresas editoriais privadas galegas e agremiadas, así como os títulos e exemplares editados por estas constitúen outro dos aspectos analizados no informe, a través da información da Federación de Gremios de Editores de España, que tamén subministra datos evolutivos sobre facturación e dereitos de autor.

A actividade empresarial do sector é outro dos aspectos valorados neste traballo. Para a confección deste apartado e tras a consulta de diversas fontes, debúllanse os datos relativos aos ingresos de explotación, número de empregados e resultado dos exercicios económicos de librerías, empresas de artes gráficas e editoras.

O informe analiza igualmente a evolución da actitude da cidadanía galega na década 2006-2016 no concernente ao gasto en libros, a través das equivalencias xurdidas entre o gasto global en cultura e o gasto específico en libros, con atención ao gasto medio por fogar e por persoa, que facilita a Encuesta de Presupuestos familiares do INE.

O traballo complétase con datos sobre a Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. A Xunta de Galicia como responsable desta rede proporciona a través da Consellería de Facenda información estatística sobre o gasto en adquisicións de libros e folletos, e tamén sobre aqueles orzamentos destinados á programas relacionados co sector do libro.

A seguinte gráfica representa a evolución do número de libros inscritos en ISBN publicados en galego. Destes datos pódese concluír que un 50,7% do total de libros inscritos en ISBN en Galicia en 2016 foron publicados en galego. Esta cifra supón unha
diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que un 61,5% do total de libros inscritos no ISBN en Galicia foron publicados en galego. A evolución global da cifra de libros publicados en galego indica unha caída dun 52,4% de libros inscritos entre 2010 en 2016. O único aumento apreciase no ano 2014 no que se publicaron 337 libros menos (con reimpresións) e 296 (sen reimpresións). No obstante, a proporción de libros en galego sobre o total non mingua significativamente ao longo da serie.

Fonte: Consello da Cultura