Artigos

AGADIC convova o 24º premio Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de incentivar a creación literaria no eido teatral, convoca o 24º premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o 10º premio Manuel María de literatura dramática infantil e o 13º premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2018.

Acompáñase a convocatoria correspondente (en galego e castelán), publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de decembro de 2017 (DOG nº 245).

O prazo de recepción de orixinais remata o 10 de maio de 2018.​

BASES

Entrega dos premios de literatura dramática da AGADIC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe na Cidade da Cultura o acto de comunicación e entrega dos premios de literatura dramática da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que este ano recaeron en Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño.

Román Rodríguez expresou que co recoñecemento que se lle fai ao traballo destes catro nomes, ponse en valor toda a historia da dramaturxia galega actual e contemporánea, xa que a produción dos autores distinguidos abrangue practicamente as cinco últimas décadas da literatura na nosa lingua. Destacou, nese sentido, a presenza dunha figura fundamental en todos os eidos do noso sistema teatral, como é o caso de Manuel Lourenzo, así como as posibilidades de futuro para a escrita dramática que se abren ao integrar neste palmarés a dramaturgos emerxentes e das últimas xeracións.

Suma de esforzos
O conselleiro de Cultura incidiu tamén na importancia do xénero dramático como un dos puntais da cultura galega, nas múltiples utilidades sociais que ofrece e na necesidade de prestarlle apoio para acadar un catálogo de títulos amplo e variado, integrado por pezas que poidan ser efectivamente levadas ás táboas ou mesmo ás pantallas.

Neste sentido, anunciou a nova liña de traballo conxunto que se vai abrir entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a recentemente constituída asociación DramaturGA, que se materializará coa celebración dunhas xornadas conxuntas a principios de decembro.

Lourenzo, coa obra ‘Suite Artabria’, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por ‘O valo’, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, e na infantil, en Inacio Vilariño por ‘Os golfiños e o xigante’, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores.

MÁIS INFORMACIÓN

ELA, PIEDADE DOS SUICIDAS finalista dos Premios Gala do Libro Galego 2016

Presentamos os Finalistas para a vindeira GALA DO LIBRO. Parabéns a todas e todos!!!

Ensaio

  • Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, María Esther Rodríguez Losada (comp.) e Anxo Tarrío Varela (edic.). Alvarellos-Consorcio de Santiago
  • Historia da literatura infantil e xuvenil galega, Blanca-Ana Roig (coordinadora). Xerais
  • No tempo de Follas Novas: unha viaxe pola literatura universal, María Pilar García Negro (edit.). Alvarellos Editora
  • Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario

 

Narrativa

  • Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello. Galaxia
  • Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais
  • Izan o da saca, de Xavier Quiroga. Xerais
  • …E os domingos, un croissant, de Ursula Heinze. Alvarellos
  • O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais

 

Literatura infantil e xuvenil

  • O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre
  • O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia
  • Teño uns pés perfectos, de María Solar. Kalandraka
  • Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre

 

Libro ilustrado

  • Balea, de Federico Fernández e Germán González. Kalandraka
  • Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka
  • Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais
  • O home que sabía voar, de Jacobo Muñiz (texto de Xabier López López). Tambre

 

Iniciativa bibliográfica

  • Cociña II, de André Arzúa, (fotografía e deseño de Alberte Sánchez Regueiro). Servizos Hosteleiros Arzúa S.L.
  • Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais

 

Tradución

  • A utilidade do inútil (Nuccio Ordine), en tradución de Carlos Acevedo, Factoría K
  • Astérix. O papiro do César (Goscinny, Jean-Yves Ferri [ilustracións de Uderzo e Didier Conrad]), en tradución de Xavier Senín e Isabel Soto. Xerais
  • Aventuras de Alicia no País das Marabillas (Lewis Carroll), en tradución de Xavier Queipo. El Patito Editorial
  • Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin

 

Poesía

  • 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (coords.). Biblos Clube de Lectores
  • A boca da terra, de Manuel Rivas. Xerais
  • Abrindo fiestras en carne viva, de Carlos López. Alvarellos
  • Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015, VV. AA. (A Porta Verde do Sétimo Andar). A Porta Verde do Sétimo Andar
  • oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais
  • Zonas de tránsito, de Ramón Neto. Sotelo Blanco

 

Teatro

  • Raclette, de Santiago Cortegoso. Xerais
  • Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama. Baía Edicións
  • Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais

 

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

  • Culturgal
  • Espazo Lectura (Gondomar)
  • Fundación Manuel María de Estudos Galegos
  • Praza das Letras – Concello de Carballo

 

Proxecto literario na rede

 

Xornalismo Cultural

  • Diario Cultural
  • Montse Dopico
  • Sermos Galiza

En breve, outro título máis de Barriga Verde, O LOBO E A LÚA, de Andrea Bayer!

Autoría: Andrea Bayer

Ilustración: Chus Ferrín

Obra gañadora do XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (infantil) 2014.

Un lobo ouvéalle á lúa para que esperte. Ten algo moi importante que lle dicir. Dous animais pídenlle que cale. Temen que os ouveos esperten un gato rabudo que vive mesmo nese lugar. A insistencia do lobo fai que os animais fuxan buscando acubillo. Que quererá contarlle o lobo á lúa? Conseguirá o seu propósito sen que o gato esperte e o escorrente?

Entre outras consideracións, o tribunal puxo en valor que a obra tece unha trama clara e atraente, adaptando claves de intriga e suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Os desexos, os conflitos e as emocións presentadas resultan facilmente recoñecibles e contribúen harmonicamente á evolución do drama.

En breve, xa en Baía!!!!

Cultura e Educación entrégalles os premios de literatura dramática da Agadic a Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama

Santiago Cortegoso, coa obra ‘Raclette’, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada hoxe canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por ‘Xogando con gatos’, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para ‘O lobo e a lúa’, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para ‘Ela, piedade dos suicidas’, de Xavier Lama, na modalidade para adultos.

Os nomes dos catro gañadores foron desvelados polo dramaturgo e director teatral Roberto Salgueiro, presidente do xurado da edición 2014 destes tres galardóns de literatura dramática, que Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu este acto de comunicación e entrega dos premios que contou tamén coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, e dos catro autores galardoados.

“O sistema literario galego sae reforzado en cada nova edición destes premios literarios”, afirmou o secretario xeral, que se referiu aos galardóns como “unha iniciativa de referencia na promoción e consolidación da nosa literatura dramática actual, arredor da cal se congregan numerosas propostas innovadoras e nomes que veñen expresando a súa forza como figuras destacadas da nosa creatividade”. Anxo Lorenzo tamén se amosou convencido de que as obras gañadoras serán referentes na estética, na percepción e na concepción da literatura dramática, ao tempo que servirán de estímulo para o gusto do público lector e para abrir novas posibilidades de proxección escénica.

Posta en valor da literatura dramática

O director da Agadic destacou que estes recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia “como xeito de enriquecer os escenarios con montaxes producidas a partir de propostas textuais galegas, orixinais e contemporáneas”, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

O xurado, do que tamén formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.

No caso de ‘Raclette’, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección.

Traxectorias de recoñecementos

Autor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso suma este premio á súa xa ampla nómina de recoñecementos como autor de textos teatrais, que foron levados a escena tanto pola súa compañía, Ibuprofeno Teatro, como por outras formacións galegas. Pola súa banda, Antón Cortizas, mestre de profesión e gañador desta oitava edición do Manuel María, é un dos escritores máis premiados e traducidos da literatura infantil e xuvenil galega.

De ‘Xogando con gatos’, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas…) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.

Intriga e suspense no imaxinario infantil

A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con ‘O lobo e a lúa’, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a  propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.

Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.

Técnica orixinal

Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de ‘Ela, piedade dos suicidas’, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.

O seu autor, quen en 2010 foi recoñecido co Manuel María de literatura dramática infantil por ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.

Fonte: Xunta

Raúl Dans fala de ‘Un mosquito de nome Henri’ en ZigZag Diario

Un mosquito de nome Henri. Autor: Raúl Dans. Ilustracións: Jacobo Fernández Serrano

Obra gañadora do X Premio Barriga Verde (modalidade infantil), editada en coedición coa AGADIC.

Henri quere ser piloto de aviación, mais ten un pequeno problema: é miope.

Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe na que o mosquito Henri, en compaña da súa inseparable amiga Olivia, levantará o voo nunha aventura chea de piruetas e picados mortais rumbo ao seu destino: ser un heroe. E para iso vaise ter que enfrontar á malvada avespa Roque.

Unha libélula cantante de jazz, unha araña pianista, un moscón excampión dos pesos pesados… E moitos personaxes máis nunha historia para que os cativos leven os seus pais ao teatro e xuntos gocen cun relato de iniciación aos desafíos que a vida nos reserva a todos nós. Mesmo se es un mosquito.

O dramaturgo Raúl Dans fala das súas obras no programa ZigZag Diario da TVG e, concretamente, de Un mosquito de nome Henri no minuto 01:10. Para visualizalo clica AQUÍ.

Un mosquito de nome Henri

Obra gañadora do X Premio Barriga Verde (modalidade infantil), editada m coedición coa AGADIC.

Henri quere ser piloto de aviación, mais ten un pequeno problema: é miope.

Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe na que o mosquito Henri, en compaña da súa inseparable amiga Olivia, levantará o voo nunha aventura chea de piruetas e picados mortais rumbo ao seu destino: ser un heroe. E para iso vaise ter que enfrontar á malvada avespa Roque.

Unha libélula cantante de jazz, unha araña pianista, un moscón excampión dos pesos pesados… E moitos personaxes máis nunha historia para que os cativos leven os seus pais ao teatro e xuntos gocen cun relato de iniciación aos desafíos que a vida nos reserva a todos nós. Mesmo se es un mosquito.

MÁIS INFORMACIÓN

Este sábado a Asociación de Escritora e Escritores en Lingua Galega fará a entrega de Premios AELG 2012

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega informa que a Cea das Letras será o 5 demaio, sábado, no Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n -San Lázaro-Santiago de Compostela).

Cea na que se fallarán os Premios AELG 2012, nas modalidades de Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil, Poesía, Narrativa, Tradución, Teatro, Xornalismo Cultural e Mellor Blog Literario ás mellores obras de 2011. Así mesmo, entregarase o premio “Escritor Galego Universal” a José Luis Sampedro, e mais o Premio AELG para Institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de Normalización Lingüísica dos Concellos. A obra Fábula galénica, de Inácio Vilariño é finalista no apartado de Teatro.

AGADIC convoca os Premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca a  XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A dotación económica, segundo se recolle no  DOG do 17 de abirl é a seguinte:

  • Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.
  • Manuel María: 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.
  • Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

 

Información dos premios

Fonte: AGE