Artigos

Presentación da 35º edición dos Premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica Galicia celebrou esta mañá unha roda de prensa na Casa Galega da Cultura de Vigo na que presentou a 35ª edición dos seus premios. Bieito Ledo, o presidente da Fundación, anunciou que a a partir desta edición a cea de fallo dos premios celebrarase o penúltimo sábado do mes de outubro nas instalacións do Hotel Os Escudos de Alcabre. Será, polo tanto, o vindeiro 20 de outubro cando se coñezan os gañadores nas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Bieito Ledo insistiu que a Fundación convoca os premios con idéntico espírito ao da primeira edición en 1978, o «recoñecemento do traballo aberto, racional, integrador e colectivo da cultura galega en todos os seus ámbitos e expresións».

A Fundación publicará o libro 35 anos de Cultura Galega 

Ademais de presentar as bases polas que se rexerán estes premios e anunciar os nomes dos membros da Fundación que exercerán a secretaría de cada unha das modalidades, Bieito Ledo anunciou a publicación dun libro, «35 anos de Cultura Galega», coordinado por Ernesto Sánchez Pombo, no que se pretende realizar unha radiografía da cultura galega dende a primeira edición dos premios en 1978, na que se compaxinará a visión crítica coa documental. Así mesmo, anunciou a celebración, antes de fin de ano, de sete mesas redondas, en cada unha das cidades galegas, nas que diversas figuras valorarán o estado actual de cada un dos ámbitos da cultura abordados por estes premios. Por último, anunciouse a próxima apertura do espazo web da Fundación e a celebración dun encontro de irmandade (o sábado 16 de xuño, ás 13:00 horas,nas Bodegas Martín Códax de Cambados), ao que están convidados a participar todas as persoas premiadas nas 34 edicións realizadas e os membros da Fundación.

Descargar as bases

Fonte: AGE

Foto: Faro de Vigo