Artigos

A Academia de Belas Artes esixe “xustiza e equidade”

A Real Academia Galega, a de maior proxección social e máis activa, non está soa na súa pelexa contra os recortes orzamentarios. Onte foi a de Belas Artes, con sede na Coruña, a que emitiu un manifesto-comunicado titulado Xustiza e equidade para as Academias no que esixe “apoio non só moral senón tamén económico da Administración á que se atopa vinculada”. É dicir, da Xunta, que recibiu as transferencias da Galega, Ciencias, Medicamento, Xurisprudencia e de Belas Artes desde o Goberno central en 2003. En 2011, e segundo as cifras que a propia institución, a Real Academia Galega de Belas Artes recibiu 16.000 euros da Dirección Xeral de Patrimonio, 40.000 do Ministerio de Educación, 10.000 da Deputación da Coruña e 6.000 da Fundación Barrié da Maza para a edición dunha revista.

Para o curso en exercicio, e logo dunha moción parlamentaria de BNG e PSdeG aprobada por unanimidade, serán 40.000 os euros achegados pola Xunta. “Aínda que non se sabe do mantemento das outras axudas nin cando se fará efectivo o pago de tan exigua dotación”, sinala a nota, que tamén especifica que unicamente solicita “a axuda necesaria para levar adiante o seu labor con dignidade”. E a continuación aposta por “dunha vez por todas” recoñecer “o papel que ocupan TODAS [sic] as Academias no armazón cultural da Comunidade e arbitrar os medios económicos necesarios e equitativos, aínda que axustados nun momento de crise como o actual, para que poidan levar adiante o seu labor coa diginidad que merecen”.

Fonte: EL País

Foto: Real Academia de Belas Artes, en la Casa del Consulado, en A Coruña. / Eduardo Vicente