Artigos

Novas talas de eucalipto afectan un castro protexido

Adega e Mariñapatrimonio denunciaron perante o Servizo de Patrimonio da Xunta os posibles danos ocasionados pola tala do monte de eucaliptos nos Castros das Engrobias, na parroquia de San Martiño (Foz)

E é que nesta tala utilizouse maquinaria pesada sobre o xacemento e efectuáronse remocións de terra nun sector do parapeto, accións que puideron afectar o xacemento, protexido pola lei de Patrimonio. “A día de hoxe non se teñen feito labores de repoboación sobre o xacemento que, como é sabido, utilizarían maquinaria pesada e efectuaríanse remocións de terra  que provocarían a destrución do xacemento”, denuncian estas asociacións.

Actuar con dilixencia

Por iso, instan ao Servizo de Patrimonio para que actúen con dilixencia e, conforme recolle a Lei de Patrimonio,  eviten que a repoboación e a utilización de maquinaria pesada, causen danos neste ben patrimonial.

“Lamentamos unha vez máis estas agresións ao noso patrimonio e, asemade, lamentamos os prexuízos que ocasionan aos propietarios a falta dunha política axeitada que garanta a protección e conservación do patrimonio cultural”, conclúen.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: Castros – Engrobias (San Martiño-Foz-Lugo)