Artigos

A RAG escolle entre a poesía de Pato e a narrativa de Casalderrey

Recén superada a crise das contas, a Real Academia Galega celebra mañá un plenario para decidir a entrada dunha nova muller como académica. As dúas candidatas que ten o plenario para debater durante a sesión de mañá son Fina Casalderrey e Chus Pato. Dúas autoras cun perfil radicalmente distinto, aínda que non contrario.

Unha destas dúas autoras ocupará a vacante deixada na RAG polo pasamento de Xaime Isla Couto e ampliará a criticada, por escasa, cota de autoras no plenario da institución.

Tanto Chus Pato como Fina Casalderrey coincidiron en sinalar que vivían o proceso con distancia. Para a primeira o que decida a academia «ben decidido estará», mentres que a segunda apuntou que xa é un «recoñecemento que alguén pense en ti para estar aí». As dúas comentan que non é momento para falar sobre posibilidades e si para deixar que a Academia decida.

As traxectorias como autoras de ambas as dúas son ben distintas. A de Chus Pato está centrada na poesía, con títulos como Charenton, Urania, A ponte das poldras ou m-Talá, recibidos como un tipo de poesía transgresora e pouco dada a utilizar as convencións do xénero. Pato comezou a publicar nos anos oitenta, aínda que a súa escrita estea moi distanciada dos seus coetáneos. Gañou o premio Losada Diéguez en dúas ocasións.

No caso de Fina Casalderrey, a súa literatura está case completamente orientada ao infantil e xuvenil e, de saír escollida, sería a primera académica cunha traxectoria desenvolvida de maneira case completa nese xénero. Cando non escribe para cativos, é gastronomía o que ocupa as súas páxinas. Máis de cincuenta títulos marcan a súa bibliografía, unha grande parte deles traducidos a outras linguas e a converten nunha das autoras máis destacada da Península. En 1996 foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo libro O misterio dos fillos da lúa, libro que fora xa premio Barco de Vapor.

Fonte: La Voz de Galicia