Entradas

O Día da Ciencia en Galego

Máis de 6.500 adolescentes participaron na videoconferencia do neurocientífico Xurxo Mariño. A videoconferencia que impartiu o neurocientífico Xurxo Mariño non foi unha máis. En solitario dende unha sala da Universidade da Coruña, e paradoxalmente ante máis público ca nunca. Máis de 6.500 estudantes ao outro lado da pantalla do ordenador escoitaron o conferenciante convidado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CENDL) na que é xa a sexta edición do Día da Ciencia en Galego. O investigador demostrou que se fai, e se divulga, boa ciencia en galego cunha exposición na que salientou que, ademais de riqueza cultural, as linguas “son tamén dunha riqueza extraordinaria desde o punto de vista da mente”. Despois tocou responder unha morea de preguntas en 140 caracteres a través do Twitter.

A #cienciaengalego foi trending topic nos 108 centro educativos que se sumaron a esta iniciativa da CENDL, que cada ano conta co apoio tecnolóxico para desenvolvela da institución académica á que pertence o científico convidado. Nesta ocasión, a colaboración da Universidade da Coruña fixo posible unha actividade que deixa ben claro que a lingua do país, hoxe apartada da docencia non universitaria das matemáticas, a tecnoloxía, a física e a química, é apta para facer e comunicar ciencia e tecnoloxía en calquera dos seus eidos, explica a coordinadora da CENDL, Valentina Formoso.

A videoconferencia de Mariño tamén incidiu desde a neurociencia na riqueza que supón a diversidade lingüística. “A capacidade de transmitir a mente dun cerebro a outro chamámola linguaxe (..). As linguas son un pasaporte para introducirte en mundos cognitivos novos, creados colectivamente. Se aprendes a falar galego, estás aumentando as túas capacidades cognitivas, estás sendo capaz de que a túa mente interactúe con outras. Por iso todas as linguas son dunha riqueza extraordinaria desde o punto de vista da neurociencia”, expresa Xurxo Mariño.

A CENDL celebrou o I Día da Ciencia en Galego no 2010 e dende a segunda edición, a de 2011, organiza cada ano unha videoconferencia que pode seguirse dende uns cen centros de secundaria. O primeiro en sumarse a esta iniciativa foi Ángel Carracedo, director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC. En 2012 achegáronlles as súas experiencias no mundo da física de partículas, conectados desde distintos centros de investigación de Europa, os investigadores Patricia Conde, Olalla Castro, Abraham Gallas, Carlos Salgado e Cibrán Santamarina. En 2013 participou o tamén físico Jorge Mira e en 2014, o enxeñeiro de telecomunicacións Manuel Caeiro. Coma eles, Xurxo Mariño está afeito impartir charlas en centros educativos, pero a do Día da Ciencia, salienta, foi unha experiencia especial. “Dar unha charla a 6.500 persoas foi impresionante. Nunca tiven tanto público, pero como estás ti só nunha sala, non te dás conta da retroalimentación ata que o rematar a charla ves centos de preguntas do alumnado no Twitter”, comenta.

FONTE