Artigos

O anuario da SGAE revela retrocesos en todos os sectores culturais

O 2011 non foi un ano especialmente bo para a cultura que rexistra un descenso de espectáculos, asistentes e recadación en todos os frentes. Así o reflexa o Anuario da SGAE 2012 que cuantifica as cifras da cultura en 2011. Era o ano despois do Xacobeo, co que o descenso en todas as cifras era inevitable, pero confirma o retroceso de volume de actividade, asistencia e recadación dos diferentes sectores culturais.

Non hai un “annus horribilis” en particular, senón que cada ano é peor que o anterior desde que a crise se instaurou no noso modelo económico. Todos os sectores, sen excepción, cuantifican unha baixada con respecto ao seu ano precedente. Revisamos o Anuario SGAE 2012 para ver os principais indicadores.

Artes escénicas

O futuro parece que pasa pola configuración dun sistema mixto público-privado para as artes escénicas. O anuario avoga porque desde o sector público se aposte polo alternativo, polo non convencional, pola “canteira” en resumidas contas e por “facilitar o acceso da produción aos espazos escénicos”, mentres que o privado opte pola produción.

As cifras estatais falan dun descenso de recintos (de 6.413 a 5.153), de representacións (de 67.577 a 60.948) e, polo tanto, menos espectadores (20.570.032) e recadación (26.640.796). Unha caída xeneralizada dun 10%. Galicia non é allea a esa tendencia e atopa descensos nas representacións, pasando de 2.786 a 1.977 , e loxicamente menos espectadores (unha baixada de 80.000 asistentes) e menos recadación que nos sitúa por debaixo de comunidades como Asturias, Canarias ou o País Vasco.

Dentro das artes escénicas hai descensos en todos os xéneros, sendo o da lírica o que nota un descenso máis acusado. En 2006 representábanse en Galicia 80 funcións líricas, mentres que en 2011 só houbo 14. Baixa o teatro, que por primeira vez neste milenio baixa das 2.000 funcións, quedando en 1.857, por debaixo de Castela, Aragón, País Vasco, Cataluña e Madrid. A única nota positiva chega da man de danza, que malia que son menos as función realizadas en 2011, si tiveron máis espectadores que en 2010, aínda que as cifras están moi por debaixo de 2006.

O cinema

O panorama xeral que debuxa a SGAE do 2011 foi que é o da constatación de que o modelo de negocio tradicional do cinema está definitivamente roto. Igual que o da exhibición, o descenso acusado de espectadores, a merma das salas de cine son inequívocas. O anuario apunta cambios no financiamento das producións audiovisuais, que buscan o mecenado, o patrocinio ou o crowdfunding como modelo. Con todo, o informe incide na necesidade de “desenvolver a posibilidade de financiamento a través de investimentos particulares (que buscan o retorno do investimento), ben a título individual ou mediante a fórmula de “agrupación de intereses económicos”, para o que solicita que se contemplen beneficios fiscais.

En canto ás cifras, Galicia conta en 2011 con 39 cines, que supoñen 182 pantallas e que da unha ratio de 0.062 por cada mil habitantes. Segue, outro ano máis, lonxe da media estatal (que está en 0.085, e que tamén baixa). Con todo, o anuario só rexistrou que en Galicia se pedera un unico cine, pero que supuxo un incremento no número de pantallas e, polo tanto, incrementouse a oferta. No que ten que ver cos espectadores, en Galicia vendéronse en 2011 3.698.510 entradas, sendo as provincias da Coruña e Pontevedra as que rexistraron uns mellores números. A cifra media de espectadores por sesión en Galicia é de 18.2, por debaixo da media estatal en 21.7. Segundo as cifras do anuario da SGAE en Galicia cada habitante compra 1.3 entradas de cine (sendo a media estatal de 2.1), o que confirma a tendencia negativa que leva anos apuntando cara unha morte lenta do cinema tradicional.

No que atende á recadación, en Galicia ingresáronse en 2011, pouco máis de vinte e catro millóns de euros euros. Iso significa que cada sesión de cinema supón ingresos de 119.4 euros, por debaixo da media estatal sita en 141,3. No que sí superamos á media e no prezo da entrada, dez céntimos por riba da media estatal (6.5 euros). En total, cada galego gastou en cinema 8.7 euros, o que nos coloca cuartos pola cola no ranking estatal.

Con respecto ás películas máis vistas en Galicia, a SGAE asegura ser a segunda parte da saga Crepúsculo (131.808 espectadores), Piratas do Caribe (101.143), Torrente 4 (99.319), Aventuras de Tintín. Segredo do Unicornio (97.309) ou Os pitufos (96.401).

Un dato positivo nas cifras ofrecidas polo anuario da SGAE está que a produtora coruñesa Vaca Films figura no sétimo posto das produtoras con maior recadación en 2011. A empresa dirixida por Enma Lustres e Borja Pena recadou 4.196.670 euros, con 663.504 espectadores con dous títulos.

A música clásica

A planificación a logo prazo dos espectáculos e eventos relacionados coa música clásica, marca unha diferenza con outro sectores e fan que as súas cifras (en xeral para o conxunto estatal) non sexan demoledoras. En todo caso, o Anuario si alerta da súa dependencia de sectores púbicos que, na época de bonanza ampliaron as estruturas das formacións ata límites pouco realistas. O anuario da SGAE fala de certames como o de música clásica de Ribadeo que, en lugar de pedir orzamento público, pide doazóns á xente a través dunha conta bancaria, como exemplos de novas fórmulas de financiamento.

En canto aos retos que este sector ha de acometer no futuro, o Anuario cita varios: conseguir novos púbicos, buscar novos formatos (hibridación de estilos e de xéneros), abrir os espazos e arriscar por novos nomes, facer unha política de prezos adecuada aos públicos e recuperar o patrimonio musical.

No que atende ás cifras, en Galicia en 2011 acolleron concertos 423 recintos . E é unha cifra positiva porque son 22 máis que en 2010. O que si houbo unha reestruturación importante. Porque A Coruña incrementou bastante o número de recintos, mentres que en Lugo houbo un descenso acusado entre os 124 recintos de 2010 e o s 79 de 211. Ourense case duplicou entre 2010 e 2011 o número de recintos de música clásica mentres que en Pontevedra sufriu unha baixada acusada.

Dos 15.347 concertos de música clásica que se desenvolveron en España en 2011, só 1.285 se fixeron en Galicia. E ademais, esa cifra é a máis baixa rexistrada na última década. As catro provincias galegas rexistran menos de 0.32 concretos por cada mil habitantes, que é a media española. E nesa liña descendente están tamén os espectadores, que pasan dos 433.055 de 2005 aos 264.996 de 2011.

No que afecta aos concertos de música sinfónica, as cifras revelan que dos 111 concertos celebrados en Galicia, 61 foron de pagamento e 50 de balde. E nos concertos de pagamento houbo 47.242 espectadores mentres que nos gratuítos só 13.680. Todo o contrario que nos concertos de música de cámara ou solistas, dos 575 celebrados nese mesmo período. Os 138 de pagamento xeraron 31.742espectadores e os 437 de balde, 80.700.

As cifras máis avultadas son para as bandas, xa que en 2011 se celebraron preto de 500 concertos que contaron con 75.756 asistentes.

A música popular

A reforma da lei de mecenado é unha das propostas centrais do Anuario da SGAE no que atente a música popular. Unha proposta que permitirá gañar terreo despois de que a administarción deixara de monopolizar a organización de concertos (que, por outra banda sempre foron gratuítos) . De feito, o informe achega unha cifra moi destacada, como son os 75 millóns de euros que as diferentes administración públicas adebedan ao sector pola celebración de actividades. De aí se deriva, na opinión dos expertos consultado para elaborar ese informe, da debilidade do sector e a súa atomización. Ademais, o sector tamén propón a elaboración dunha Lei de la Música que canalice o interese da iniciativa privada cara o investimento no sector da música popular.

En Galicia houbo unha baixada moi grande de público entre o 2010 (lembrar que foi ano Xacobeo) que tivo 2.402.984 espectadores, e o millón trescentos mil de 2011.

Entre os macrofestivais e grandes festivais, o Anuario destaca sete citas galegas. Do Festival Celta de Ortigueira, referente folk que tivo 43.000 espectadores, ao Festival do Norte de Vilagarcía que recadou 57.410 euros e contou con 3.201 asistentes. A edición coruñesa do Sónar, o extinto Cultura Quente ou o Fresh Weekend de Cerceda están entre os apuntados pola publicación.

Un último apunte do Anuario, dos concertos desenvolvidos en Galicia, segundo o anuario da SGAE son a práctica totalidade de pop rock.

Fonte: Culturagalega