Entradas

Soñar en branco e negro

Ás veces perdo a ollada nalgún punto, non sei canto tempo podo pasar así, só sei que é coma facer unha viaxe no tempo. Volvo atrás, a un punto concreto coma lugar de partida para espallar as lembranzas e entón, bótome a escribir coma unha tola. Escribín Soñar en branco e negro esparexendo e volvendo a xuntar  na memoria anacos doutros momentos, que non por pasados foron máis fermosos, pero si tinguidos cunha capa de pintura que só deixou ao descuberto os momentos felices. Será por iso que pensamos que calquera tempo pasado foi mellor. Soñar en branco e negro é unha especie de homenaxe persoal a esas pequenas cousas que gardamos sen que teñan outra finalidade que traernos de novo a visión, o recendo e o recordo de vivencias que foron especiais no seu momento. De sobra sei que o que xa sucedeu nunca volve, nin as persoas somos como antes, que evolucionamos e que de seguro non volveríamos cometer os mesmos erros que antano, pero de todos xeitos sentei na cama para mergullarme, nunha morriña tépeda con olor a naftalina. Desempoei fotos, cualificacións, abrigos, entradas do cine, pequenas pedras… na miña derradeira mudanza. Foi como facer balance, negándome a que o seguinte paso sería o meu presente, aferrándome a aquelas reliquias con toda a forza que tiña ao meu alcance. Ate que todo rematou e deixei atrás a casa onde chegara a ser tan feliz e con ela desprendinme de obxectos que recendían nostalxia. Foi terrible, pero pasou e non morrín. Daquel momento tan duro naceu Soñar en branco e negro, que acadou o 1º Premio Vila de Mugardos a finais do 2010 e que foi un punto de inflexión na miña vida. Entrei na miña nova casa en xaneiro do 2011. Aquí sigo e de novo soño a toda cor.

Se queres ler o texto clica aquí Soñar en branco e negro

Texto: Clara do Roxo