Entradas

Fran Bueno faise co Premio Castelao de BD

A VIII Edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, que convoca a Deputación da Coruña, foi para un veterano da novena arte galega. O compostelán Fran Bueno, que xa ten publicadas diferentes obras en España e en Estados Unidos, fíxose co galardón polo seu traballo Catálogo oneroso de beleza gratuíta, co que se impuxo entre seis candidatos. O xurado, composto por Miguelanxo Prado, Ángel de la Calle e Carlos Portela, destacou a “capacidade estilística impecable e a variedade de recursos gráficos” así como “a perfección técnica e o desenvolvemento das posibilidades expresivas da historieta”. Bueno verá a súa obra publicada e unha exposición itinerante sobre este traballo, ademais de se facer con 6.500 euros do premio.

O xurado destacou tamén no seu fallo o traballo finalista, O misterio do Pico Sacro, de Rafael Saldaña.

Fonte: Cultura galega

Foto: La Opinión

Os ilustradores galegos reflexionan sobre o futuro do sector da animación

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) celebrou o sábado no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago a súa novena reunión anual, que nesta ocasión se dedicou enteiramente á animación, un sector que os ilustradores consideran que está «en absoluto declive» en Galicia. Tanto, que un dos relatores das xornadas, o ourensán David Rubín, mostrouse satisfeito «por poder ter deixado ese rol profesional de lado». «Agora podo dedicarme enteiramente ao cómic, que me dá máis satisfacción», asegurou Rubín. O encontro contou tamén coa presenza doutros ilustradores consolidados na animación en 3D, 2D ou en stop motion, como son Alberto Taracido, Virginia Curiá, Tomás Conde, Alberto Vázquez e Julián Romero, que expuxeron as súas vivencias profesionais, así como os retos que está atravesando o sector, tanto económicos como legais e sociais. Os autores presentes participaron en proxectos como O Bosque Animado, O soño dunha noite de San Xoán, Planet 51 e Psiconautas.

Fonte: La Voz de Galicia

“Dragon Ball’ ha sido un fenómeno televisivo trasladado a éxito en papel”

Antonio Martín, primeiro editor occidental en 1992 do famoso cómic manga, comisario dunha retrospectiva do salón coruñés Viñetas desde o Atlántico.

“Eu fun quen contratou o lanzamento editorial de Dragon Ball en 1992 e igual que o resto de editores… cría que puñamos en marcha a aceptación dos lectores españois cara ao cómic manga pero non valoramos que ese éxito foi algo especial. E igual que A familia de Pascual Duarte lanzou a Camilo José Cela a un gran éxito que arrastrou a moito público que logo non foi tanto en libros posteriores… o resto de lanzamentos manga feitos aquí xa non tivo o éxito de Dragon Ball. Con todo, a día de hoxe, hai algunhas editoriais españolas que non poderían subsistir se agora mesmo deixasen de publicar títulos manga”.

Fonte: El Correo Gallego