Entradas

Presentación de ‘Cantar de corpos’ na Libraría Biblos de Betanzos

O xoves 9 de agosto ás 20:00 tivo lugar a presentación do libro Cantar de corpos na Libraría Biblos de Betanzos. Carmela González Boo presentará o acto, no que contaremos coa participación do autor, Xabier Correa Corredoira e Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), ademais de Pocho Taxes (guitarra).

 

Contido do libro:

Coa alusión bíblica do seu título, Correa Corredoira entoa todo un rosario de salmos laicos nos que o eros trata de escorrentar a morte e puxar a brazo partido pola vida.

Son tan tenaces e apaixonados coma a súa pintura: só trasladan a mensaxe das pinceladas ao código escrito. Idénticos e vitais; coherentes. É un mesmo Xabier o que pinta, o que escribe, o que desexa.
E así de híbrido e ardoroso é este Cantar de corpos. Un libro no que o amor se fai pero tamén se come, se preme, se fuma, se soña, se cociña, se zarrapica, se debulla… se respira.

[…] Porque se algo é quen de exorcizar o mal cando ‘sangran as nubes’ é a humidade vivificante de dúas linguas que se beixan; porque se algo é capaz de combater ese grito mudo é a forza centrífuga do máis fondo abrazo. Porque só pode ‘demorar a estrela onde pace o tempo’ o amor.

Do Limiar, de Yolanda Castaño

Presentación de ‘Cantar de corpos’ na Feira do Libro da Coruña

O xoves 2 de agosto ás 19:45 tivo lugar a presentación do libro Cantar de corpos na Feira do Libro da Coruña. Na presentación contamos coa participación de Yolanda Castaño (autora do limiar), Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), Pocho Taxes (guitarra) e de Correa Corredoira, autor do libro.

Contido do libro:

Coa alusión bíblica do seu título, Correa Corredoira entoa todo un rosario de salmos laicos nos que o eros trata de escorrentar a morte e puxar a brazo partido pola vida.

Son tan tenaces e apaixonados coma a súa pintura: só trasladan a mensaxe das pinceladas ao código escrito. Idénticos e vitais; coherentes. É un mesmo Xabier o que pinta, o que escribe, o que desexa.
E así de híbrido e ardoroso é este Cantar de corpos. Un libro no que o amor se fai pero tamén se come, se preme, se fuma, se soña, se cociña, se zarrapica, se debulla… se respira.

[…] Porque se algo é quen de exorcizar o mal cando ‘sangran as nubes’ é a humidade vivificante de dúas linguas que se beixan; porque se algo é capaz de combater ese grito mudo é a forza centrífuga do máis fondo abrazo. Porque só pode ‘demorar a estrela onde pace o tempo’ o amor.

Do Limiar, de Yolanda Castaño

Autor: Xabier Correa Corredoira

Acto poético-musical sobre a exposición de Xabier Correa Corredoira ‘Os días pintados’

No marco da exposición retrospectiva da pintura de Xabier Correa Corredoira, Os días pintados, organizada pola Fundación Luís Seoane, e que permanecerá aberta nas súas salas até o 21de maio de 2017, co obxectivo primordial de mostrar por vez primeira a súa produción pictórica, integrada por preto dun centenar de obras, e de poñer en valor a figura e obra dun artista fundamental para comprendermos o desenvolvemento da cultura e da arte en Galicia e, máis concretamente, na súa cidade natal, o vindeiro venres 31 de marzo, a partir das 19:30 horas, terá lugar un acto poético-musical.

O acto, presentado pola poetisa Yolanda Castaño, dará paso á actuación do grupo Uka Maial Banda (grupo do concello de Oza-Cesuras, composto por percusión, baixo, guitarra e saxo), que musicará poemas dos libros de Correa Corredoira, Resina de poliéster (Baía Edicións) e Os días adiados (Espiral Maior), e será pechado polo propio autor, que recitará un dos seus poemas a xeito de colofón.

A Librería Couceiro da Praza do Libro, será a encargada da exposición da obra literaria de Correa Corredoira: Pintor por Italia, Rubaiyat e Resina de poliéster (Baía Edicións) e Os días adiados.

Xabier Correa Corredoira expón nunha sala da Fundación Seoane parte das súas obras

A Fundación Luís Seoane inaugura a exposición Correa Corredoira. Os días pintados o próximo venres 27 de xaneiro ás 20:00 h. Autor de Pintor por Italia, Resina de poliéster e Rubaiyat  (Omar Khayyam, versión de Correa Corredoira).

A pintura de Xabier Correa Corredoira (A Coruña, 1952) protagoniza a primeira gran exposición de 2017 na Fundación Luis Seoane a través dunha retrospectiva que, por vez primeira, abrangue a súa produción pictórica, o que permitirá amosar ao público preto dun centenar de obras dun artista fundamental para comprender o desenvolvemento da cultura e da arte en Galicia e, máis concretamente, na súa cidade natal.

O título da exposición, Correa Corredoira. Os días pintados, contén unha dobre referencia: por un lado, destaca o carácter autobiográfico da obra do artista, a través da que é posible rastrexar os acontecementos chave na súa vida, así como a evolución das súas principais influencias culturais; por outro, establece unha conexión coa exposición Correa Corredoira. Os días gravados, organizada pola Fundación Luis Seoane nos anos noventa. Naquel momento, ao igual que agora, a elección de Correa Corredoira para protagonizar unha mostra monográfica na Fundación non foi casual, xa que, como explica o comisario de Os días pintados, David Barro, “Correa Corredoira é un artista fundamental da arte galega das últimas décadas. O seu labor no colectivo A Galga, na galería Gruporzán ou en Atlántica é absolutamente chave para comprender a arte e a cultura desenvolvidos en Galicia”.

É por iso que, grazas a Os días pintados, o espectador se introducirá non so no universo dun artista primordial na historia da arte galega da segunda metade do século XX, senón que, ademais, asistirá á evolución da súa traxectoria creativa. Na selección de obra realizada por David Barro e o propio Correa Corredoira, están presentes as súas imaxes e temas máis icónicas: a maternidade, o erotismo, os mitos clásicos, a viaxe que realiza a México no ano 1979, as paisaxes, o mar, as crufixións ou os seus célebres boxeadores.

Os días pintados descubre a obra dun creador libre e independente, dunha figuración pictórica que ten os seus alicerces fundamentais na relación do corpo co espazo ou no dominio da cor, e que se nutre das moitas afinidades da vasta cultura do artista: Picasso, Nietzsche, Giacometti, Rembrandt, Bacon, García Lorca, Beckett, os mitos clásicos… En definitiva, a obra, nas palabras do crítico Xavier Seoane, dun “romántico en sentido estricto”, comprometido coa creación. O reencontro dunha cidade coa historia da súa arte.

Fonte: Fundación Luís Seoane

Resina de poliéster en Caderno da crítica

Resina de poliéster, de Correa Corredoira

Baía Edicións, A Coruña, 2013, 112 páxinas, x €

Coñecín a Correa Corredoira nunha longuísima e tediosa espera, hai xa algún anos, para gravar unha intervención naquel programa televisivo de saudoso recordo que foi Libro aberto, no que Manolo Romón mantivo despois unha ocorrente entrevista arredor do libro Pintor en Italia. Non lembro ben quen acompañabamos a Correa dando paseos polos recendentes exteriores de San Marcos, talvez Carlos Quiroga e alguén máis, mais si recordo con precisión a capacidade para a transmisión oral que atesouraba o pintor cando relataba o que facía secretamente en Vilar de Locendres para defender a flora autóctona, algo que aquí non debo contar.

Digo todo isto porque o espírito ecoloxista, a fluidez do discurso oral e mais o concepto da indignación está moi presente neste Resina de poliéster, que é o seu segundo libro de poesía publicado. O seu título remite a un material agresivo co que traballa no seu estudio e que resulta operativo como metáfora do tempo que vivimos. O poemario, non se dixo, aparece prologado por Lino Braxe, quen afirma con acerto que Correa é «un pintor que escribe» e mais «un poeta que pinta». E así é porque o volume transita, en esencia, polos eidos do diálogo entre pintura e escrita e, como se dixo antes, percorrendo ao tempo eses camiños onde é de lei  erguer un brado de indignación polo que se ve e polo que se vive: un berro diante do obsceno e do kitsch, diante da pesadume do tempo e da usura, diante da mentira, a dor ou o abuso.

Quen se aproxime ao libro advertirá como os seus poemas abalan entre algúns de xinea minimalista, brevísimos, case ao xeito de aforismos ou haikus, e outros nos que agroma un devezo narrativo máis evidente. Uns e outros unidos polo que se podería definir como a poética da experiencia pois polos versos circulan lecturas, intervencións artísticas, vivencias…, construíndo unha sorte de cartografía persoal, de orde intelectual e mesmo vital.

Un libro plural, ao meu ver,  que xoga ás veces co  recurso ao visionario e outras apela á realidade desde a que se recollen detalles ou instantes máis ou menos fuxidíos, paisaxes ou instantáneas que recolle a retina e conserva a memoria. Nel non falta tampouco, cando cómpre, o lategazo irónico nin esas preguntas retóricas sen aparente resposta. Hai tamén versos fermosos e perdurables neste libro como o que di  »pinta teas onde a lingua / da luz estrebilla sombras retornadas» ou «Osmo o teu rastro no humus orixinario… / A túa lingua revóame pola cara, Rosalía». Eu recomendo a súa lectura.

Presentación de RESINA DE POLIÉSTER, de Correa Corredoira en Monty4

Monty4 e Baía Edicións presentaron o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, en Monty4. Arte contemporáneo (Rúa Montroig, 4 –zona Orillamar–) o xoves día 23 de maio, ás 20:00 horas, en que interviron, ademais do autor, Lino Braxe.

Celebrouse unha lectura dos poemas con música de Miguel Ladrón de Guevara (guitarra) e Ismael Berdei (piano). Un acto cheo de forza, paixón, amor,  poesía, música…

Entrevista a CORREA CORREDOIRA no programa Eirado. Para ver o vídeo clica AQUÍ.

 

Baía Edicións presenta en Vigo o poemario RESINA DE POLIÉSTER e O CARBALLO

Baía Edicións presenta o luns día 1 de xullo, ás 18.15 horas, o libro O carballo, de Calros Silvar.  Neste acto, que terá lugar no marco da Feira do Libro de Vigo, intervirán, ademais do autor, Miguel Ángel Fernández Martínez, grupo naturalista Vacaloura e autor da Guía de libélulas de Galicia e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións.

Ese mesmo día, ás 21:00 horas, preséntase  o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, en que intervirá, ademais do autor, Francisco Fernández Naval “Chisco” e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións.

Baía Edicións presenta na Coruña o poemario RESINA DE POLIÉSTER, de CORREA CORREDOIRA

Monty4 e Baía Edicións presentan o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, que terá lugar en Monty4. Arte contemporáneo (Rúa Montroig, 4 –zona Orillamar–) o xoves día 23 de maio, ás 20:00 horas, en que intervirá, ademais do autor, Lino Braxe.

Celebrarase unha lectura dos poemas con música de Miguel Ladrón de Guevara (guitarra) e Ismael Berdei (piano).

Xabier Correa Corredoira fala de ‘PINTOR POR ITALIA’ en varios programas da RTVG

Pintor por Italia é un diario resultado de dúas viaxes realizadas por Correa Corredoira e que nos transmite visións distintas para achegarnos a mesma identidade, Italia, desde dous estados de ánimo que marcan perfectamente o percorrido realizado dunha forma libre e aberta para deixarse atrapar pola súa arte, polas súas xentes, pola súa gastronomía, en definitiva, por unha cultura mediterránea que non nos é allea nin sequera tan diferente vista a través dos ollos dun singular representante deste finis terrae que nos caracteriza e define como pobo atlántico.

Correa Corredoira achéganos Italia desde dúas perspectivas: a escrita, máis inesperada nun artista plástico, a través duns textos ben traballados e que, en ocasións, se transforman en auténticas visións e presentacións poéticas, e a plástica, na que se recoñece máis o singular viaxeiro, e a través da cal nos dá a coñecer e propón un (re)coñecemento da arte que mana por todas as rúas e cidades desa Italia, que no seu lapis e pincel, se nos transforma nunha máxica visión de cores.

Con todo, Pintor por Italia é máis que un diario de viaxes e un catálogo de imaxes, é a simple –coa súa dificultade– mostra da personalidade dun dos máximos representantes da expresión plástica galega actual, e que agora se nos descobre tamén como un magnífico escritor.

Visualiza a súa presentación no programa Palabra de autor. Palabra de autora

Correa Corredoira fala da súa obra Pintor por Italia no programa Libro aberto.