Entradas

Posta en marcha da “tarxeta-bono Cultura Galega”: unha boa noticia para a cultura galega.

O DOG número 148  de hoxe, 6 de agosto publica a “Resolución  do 28 de xullo de 2015 para o desenvolvemento e a promoción da tarxeta-bono Cultura Galega”, acción que as editoras galegas levamos anos reclamando e que á fin foi atendida.

O obxecto desta tarxeta é, en resumo, incentivar o consumo cultural en galego, de xeito que cada 33 € de valor de compra da tarxeta darálle á persoa portadora un valor de 50 € de adquisicón de produtos culturais galegos.

Esta idea xa funciona no País Vasco con resultados extraordinarios.

Sen dúbida, unha gran noticia  para a nosa cultura. Parabéns!!!

Deixo o enlace ao DOG para quen queira consultar as condicións do programa.
RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2015 para o desenvolvemento e a promoción da tarxeta-bono Cultura Galega.
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150806/AnuncioG1097-240715-0001_gl.pdf

Presentación dupla: Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde

Esta tarde, no marco da Feira do Libro da Coruña presentaremos dous ensaios, Modelos de lingua e compromiso, obra na que  Gorreti Sanmartín, Laura Tato,  Manuel Ferreiro e Xose Ramón Freixeiro, coordinados por Xose Manuel Sanchez Rei, todos  investigadores do grupo ILLA, achegan as súa reflexións sobre a calidade da lingua.

En paralelo Xosé Ramón Freixeiro presenta os resultados da súa investigación sobre a obra  do autor homenaxeado no Día das Letras e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 19:00

 

 

 

 

A AGADIC resolve as axudas a audiovisuais de contido cultural galego

Un total de trece proxectos audiovisuais distribúen os case dous millóns de euros das subvencións para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego que convocaba o pasado mes de agosto a Axencia Galega das Industrias Culturais. En total son once longametraxes de ficción e documentais unha serie de animación e unha miniserie histórica as que reparten os fondos, que se distribúen entre 2014 e 2016. Entre os proxectos máis beneficiados nesta convocatoria, destacan a miniserie Juana de Vega e a alumna da liberdade, de Zenit Televisión, e mais a longametraxe Sicixia de Vía Láctea, con cadanseus 260.000 euros.

Fonte: Culturagalega

AGADIC distribúe 110.000 euros entre asociacions profesionais e salas de artes escénicas

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte a relación de entidades beneficiadas coas subvencións ao asociacionismo profesional e mais a salas de artes escénicas. Agapi, Escena Galega, Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Clubtura reparten os 50.000 euros de apoio ao asociacionismo, sendo Agapi, con 13.091 euros e Escena Galega, con 13.037 as entidades máis beneficiadas co reparto. A nivel de salas, as axudas van para Teatro de Ensalle (21.676 euros), Teatro del Andamio (14.880), Sala Gurugú (9.151) e Sala Ingrávida (14.291).

Fonte: Culturagalega

David Rubín e Miguelanxo Prado optan aos Premios da Crítica de Cómic

Beowulf, a obra que asina canda ao guionista Sergio García, valeulle a David Rubín dúas candidaturas aos Premios da Crítica de Cómic. A novela gráfica opta ao galardón á Mellor Obra Nacional mentres o ourensán é finalista na categoría de mellor debuxante nacional. Pola súa banda, Miguelanxo Prado é candidato a recibir o premio a toda unha carreira dun autor nacional. Un total de 17 investigadores e críticos do sector da BD estatal son os responsables da selección cos seus votos. O resultado dos premios coñecerase o vindeiro sábado 13 de setembro con ocasión da clausura das Xornadas de Cómic de Avilés.

Fonte: Culturagalega

A historia das galegas comúns, a través do debuxos de Pepe Carreiro

Segundo o seu propio autor, “esta parodia histórica  apenas repara en mulleres senlleiras, aínda que as houbo e algunhas saen no libro”. O autor repara e aínda se recrea nas mulleres comúns, aquelas que, sen seren protagonistas de episodios radiantes, foron as que mantiveron a sociedade ao longo dos séculos.“… toda esa grea cargou coa historia nos seus lombos. Mais as mulleres cargaron sen deixaren de atender a familia e a casa. Se cadra é por iso polo que, até non hai moito, as mulleres galegas, e moitas outras, mantiñan con tanto equilibrio un peso na cabeza”, explica Carreiro.

Con Historia das mulleres galegas, o debuxante Pepe Carreiro fai unha nova entrega da súa particular visión da historia dirixida ao público infantil, especialmente a de Galicia, iniciadas coas Historia da Lingua Galega e Historia de Galicia.


“Chisco” Fernández Naval presentará As crebas. Ouro xeito de andar ao mar nas IX Xornadas de Pesca do Pindo.

A presentación será o sábado 28, ás 19:00 horas, no marco das actividades das xornadas, que se celebran do día 23 ao 29 cunha morea de actividades para todos os públicos.

Deixamos un cartel das Xornadas, por se queredes achegarvos.

 

   

48 mulleres asasinadas. HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS

Luns, 28 de abril, Pepe Carreiro presenta, acompañado de Encarna Otero,  HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS. Será na Feira do Libro de Santiago, ás 20:00.

Deixo aquí o colofón do libro:

“En 2013 corenta e oito mulleres foron asasinadas polas súas “parellas sentimentais” no reino de España. O terrorismo, en troca, deixou de ser unha preocupación para a sociedade: A violencia contra as amulleres preocupa un 0,3  por cento.

Preocua máis a inseguridade cidadá, un 2,3; os políticos, un 3,7; os nacionalismos, un 1,7; os bancos, un 2,1; a monarquía un 0,6; as excarcelacións, un 0,5; o desemprego, un 78,5…

E loxicamente, preocupa moito máis a crise de valores, un 2,5.

Falaremos do tema máis polo miúdo o luns ás 20:00 horas. Agardámoste!!!

Baía Edicións

Sobre a orixe das Virxes da Costa da Morte, en As crebas, outro xeito de andar ao mar

 

Na presentación de As crebas. Outro xeito de andar ao mar  na libraría Couceirto, Francisco Fernández Naval explicounos onte a súa teoría sobre a orixe de certas imaxes da Virxe nas Igrexas da Costa da Morte.

A libraría Couceiro converteuse nunha feira, pois tod@s levamos as nosas crebas para compartir e vender.

Francisco, un home de interior reconvertido a crebeiro, explicou a teoría que lle ronda da cabeza sobre a orixe inglesa de certas imaxes de virxes dos retablos barrocos da  Costa da Morte, algunha das que pode ser que chegaran por mar, tiradas desde algún barco despois da prohibición do culto mariano derivada do luteranismo.

Acompañados de Soledad Pite -iniciada e atraída sen remedio por Chisco– a este mundo crebeiro e Manuel Rodríguez, o primiero periodista que publicou unha reportaxe sobre o tema (ver La Voz de Galicia, 2006), as historias de crebas e crebeiros fluíron alegre e misteriosamente, desde a tradición na nosa literatura a outras historias do atlántico, pasando polo enigma do Kursk e a gutapercha e coa homenaxe ao maior crebeiro galego, Man.

Mesmo se troxeron á memoriamultitude de obras literarias e cantigas populares  que reflicten a devoción e misterio que envolve moitas das virxes; velaquí unha:

 “A nosa Virxe da Xunqueira

 cando apareceu na ría

descalciña pola aldea

viña chea de alegría

Recomendamos a lectura do libro, pois levaredes sorpresas.

Fonte: Baía Edicións

A maior colección de etnografía galega fica desafiuzada en Alija del Infantado

A colección etnográfica de Benigno Eiríz, a máis importante da nosa cultura tradicional composta por máis de 8.000 obxectos recollidos desde os anos setenta, fica desafiuzada no concello leonés de Alija del Infantado. Amigos dos Museos de Galiza reclaman garantías para a súa supervivencia ao presidente da Xunta e á Consellería de Cultura.

Nunha carta dirixida ao presidente da Xunta e ao concelleiro de Cultura, a asociación Amigos dos Museos de Galiza denuncian a falta de interese por parte da administración e reclaman que se inicien “xestións para un acordo coa familia, tratamento museolóxico adecuado da devandita colección en Galiza, de onde procede, previa visita de técnicos para o traslado, tratamento, catalogación e instalación en dependencias adecuadas ate a consecución definitiva do proceso de musealización desta colección, que levaría e homenaxearía o nome de Benigno Eiriz”.

Quen asina a carta é o presidente de Amigos dos Museos de Galiza, o historiador e investigacións Felipe Senén que vén tamén de publicar un artigo no dixital Terra e Tempono que dá conta da singular relevancia dos obxectos do noso patrimonio tradicional recollidos por Benigno Eiriz.  A colección de máis de 8.000 pezas recollidas por Benigno Eiriz na súa casa de Carbosende, Taboada, e na que se atopa unha colección única de tipoloxías de carros, rodas arados, xugos, maquinaria histórica e demais obxectos relacionados cos oficios e a cultura tradicional fora acollida polo concello de Alija del Infantado que abrira nunha casa alugada un museo etnográfico.

Prazo para a retirada do legado

Unha década despois, o proxecto de Alija paralizouse e o concello pon prazos para retirar a que está considerada a maior colección etnográfica galega e a familia mostra a súa disposición porque as máis de 8.000 pezas recollidas por Eiriz podan volver a Galiza mais, polo de agora, non atoparon resposta institucional. A cantidade, a situación, o espazo preciso e o prezo do traslado requerirían un inportante apoio da administración xa que, alén dun estudo previo e realizar o cambio a un espazo acaído e seguro é preciso aplicarlle un tratamento museolóxico adecuado para a súa conservación, inventariado e exposición.

Amigos dos Museos de Galiza denuncian a “falta de diálogo e interese por parte das administracións” arredor do importante legado de memoria da nosa tradición, que  non existe nos museos de titularidade pública, e reclaman atención para a maior colección temática que fica neste momento desafiuzada no concello de Alija del Infantado.

Fonte: Sermos Galiza