Artigos

Abre O Garaxe Hermético

O pasado sábado abría as súas portas en Pontevedra O Garaxe Hermético. Co epígrafe de Escola Profesional de Banda Deseñada, o centro, dirixido por Kiko da Silva oferta formación para a aqueles que se queiran dedicar á novena arte. Da man de profesionais do sector como Miguel Porto, Jacobo e Norberto Fernández ou Fernando Iglesias, que se matricule recibirá un ciclo formativo de 3 anos e 700 horas anuais nos que se tratarán cuestións como técnicas de debuxo, entintado e cor, así como nocións sobre narración e guionización e mesmo procesos de impresión, distribución e dereitos de autor.

Canda ao ciclo formativo completo, a escola oferta tamén a opción dun curso de 176 horas anuais que se impartirá unicamente en sábado, e programará ademais clases maxistrais nas que diferentes autores de BD amosarán o seu xeito de traballo aos alumnos. David Rubín iniciará estas xeiras o vindeiro 19 de maio a explicar o seu traballo na obra El héroe.

Os títulos expendidos pola escola carecen de recoñecemento oficial xa que, segundo explicou o director, unha das condicións esixidas pola administración era que os profesores tivesen un título cando menos igual ou superior a aquel que imparten, e non existen títulos sobre BD. Canda a isto, boa parte dos profesionais en activo carecen de licenciaturas. Ademais, as propostas de programa docente realizadas desde Educación non se axeitaban, segundo Da Silva, ás esixencias actuais da industria da banda deseñada. “Para nós o importante é formar profesionais e que acaben publicando os seus traballos, xa que nesta profesión o que realmente conta é o nivel profesional do teu traballo”, explica.

O local da escola acollerá tamén exposicións de orixinais de diferentes autores, ata o vindeiro 31 de maio pode verse o proceso de traballo de Miguelanxo Prado en Trazo de xiz.

Fonte: Culturagalega

Cultura e Educación propón unha forma alternativa de visitar o Museo de Galicia a través dunha intervención de Mercedes Peón

Unha outra forma de descubrir o Museo de Galicia. Esta é proposta que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten preparada para o vindeiro sábado 5 de maio na Cidade da Cultura. Seguindo a proposta de Mercedes Peón, unha das artistas galegas máis carismáticas do circuíto da world music actual, o visitante que se achegue ao Museo de Galicia a partir das 12:00 horas poderá vivir unha experiencia única a última que teña lugar no Museo antes da súa inauguración oficial, prevista para o mes de xuño cando abra as súas portas Gallaecia Petrea.

Con esta actuación, de entrada libre e de balde, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad pon, unha vez máis, este espazo arquitectónico ao servizo dos creadores, converténdose coas súas intervencións –xa sexan sonoras, plásticas ou conceptuais- nun lugar para reflexión, para a inspiración e, sobre todo, para o diálogo entre as artes.

Mercedes Peón propón unha fuxida conceptual da mera exhibición: intriga, tránsito e o efémero no Museo de Galicia. A artista instalarase como obra escultórica nunha parte do Museo, sen intervir sonoramente no espazo. A proposta xorde a partir de escoitas individuais para que as persoas teñan unha experiencia sonora a través da obra SÓS e sen perder de vista a magnitude da arquitectura.

Esta intervención sonora conta coa colaboración do escultor Suso Basterrechea, quen aporta unha instalación minimalista, chea de tensión e frialdade estática con só movementos naturais provocados pola propia física e pola orixinalidade do seu pensamento. A el súmase a complicidade de Ovidio Aldegunde e da banda que acompañará a Mercedes Peón, composta por Manuel Alonso, Manuel Cebrián e Ana García.

A Consellería outorga, deste xeito, un espazo de representación a unha proposta única pensada para provocar itinerancia en busca da instalación musical. Cincuenta minutos de interrelación entre obras que se ofrecen simultáneas e con vida propia.

Fonte: Xunta