Entradas

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL. CARTA @S NEN@S DO MUNDO

OS LECTORES, a miúdo lle preguntan aos escritores como escriben as súas historias – De onde saen as ideas? Veñen da miña imaxinación, contéstalles o escritor. Ah, claro, adoita responder o lector. Pero, onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o mundo ten unha?
Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e rastros doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e palabras, ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e sentimentos e cores e rimas e pequenos estalos e asubíos e sabores e explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso xirando aí dentro e cantando e comportándose como un calidoscopio e aboiando e sentándose e pensando e rañando a cabeza.
Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen ela, non seriamos capaces de soñar. Porén, non toda imaxinación ten as mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros conteña na súa maioría sabores, da mesma maneira que a imaxinación dos artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores está principalmente chea de palabras.
Para os lectores oíntes de historias, as súas imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor traballa, dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras, batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón ocorre que, de pronto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están choutando na imaxinación do lector, e este dá forma e fía as palabras para que a historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do escritor.
Este é o motivo polo que o lector é tan importante para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada unha delas, pero hai centos ou miles ou incluso ás veces millóns de lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o escritor, non nace o conto; sen todos os miles de lectores arredor do mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir.
Todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional.
É, posiblemente, o que os humanos fan mellor.
Seguide lendo!

iobhán Parkinson
Autora, editora, tradutora
e gañadora do Premio na nÓg

Traducción: Concha Blanco

A Burra Ramona no listado de Ramón Nicolás de libros máis vendidos en marzo

Taboleiro do libro galego XXI (do 1 ao 31 de marzo)

http://cadernodacritica.blogaliza.org/2014/03/31/taboleiro-do-libro-galego-xxi-do-1-ao-31-de-marzo/

Transcorrido o mes de marzo ofrécese aquí a terceira entrega deste 2014 do «Taboleiro do libro galego» que recolle, segundo os datos obtidos de quince librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do devadito mes. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Librouro, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Cartabón, Á lus do candil, Carricanta, Suévia, Libros para Soñar, sumándose por vez primeira outra nova libraría como é Abrente, de Bueu.

ÁLBUM ILUSTRADO

-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.

2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.

3º-. Na cociña de noite, de M. Sendak (tradución de X.M. González), Kalandraka.

4º-. A burra Ramona, de Paula Carballeira, ilustracións de Xosé Tomás, Baía Edicións.

5º-. Maruxa, de Eva Mejuto & Mafalda Milhões, Oqo.

 

Play-Doc homenaxea ao director mexicano Nicolás Pereda

O festival de Tui repasará, ata o domingo, a actualidade do documental

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, fai dez anos con enormes dificultades económicas, pero cheo de imaxinación para propór novos espazos cinematográficos. Mentres que a sección oficial presentará seis producións internacionais, entre as que se atopa o galego Lois Patiño con Costa da Morte, destacan como novidades un apartado dedicado a repasar as producións máis emblemáticas da historia do festival e a creación dun laboratorio destinado á reflexión.

O realizador mexicano Nicolás Pereda será obxecto de homenaxe nesta edición. Os espectadores poderán visionar nove traballos deste director que se move entre a ficción e o documental para palpar a realidade de México.

O documental realizado en Galicia ten a súa propia sección, que este ano achegará sete títulos: A Raia, de Iván Castiñeiras; Cámping Wesertal, de Hugo Amoedo; Ou quinto evanxeo, de Gaspar Hauser e Alberto Gracia ; Pettring, de Eloy Domínguez Serén; Spaces of Time, de David Hernández; Vida extra, de Ramiro Ledo; e Ecos do urbano, de José Ignacio Canosa.

Play-Doc naceu cun forte vínculo musical que procura manter en todas as súas edicións. O vindeiro sábado, a sala Metropol de Tui acollerá a sección de música en directo coas actuacións da portuguesa Sequin, Novidades Carminha e Malandrómeda. O espazo dedicado ao documental musical contará cos traballos When you’re strange, de Tom Dicillo; 19.06, de Paco Cuesta e Alejandro Enríquez; Galicia Hi-Fi, de Bruno Vence; e Agra do Orzán, ou barrio dous músicos, de Carmina Escrigas.

O programa da décima edición do festival Play-Doc complétase cun seminario destinado a tratar a crítica cinematográfica, un apartado de documental portugués e a presentación dun libro que aborda o cine lusitano no século actual.

O certame cinematográfico inaugurarase mañá ás 20.30 horas e desenvolverase ata o vindeiro domingo no teatro municipal.

Fonte: La Voz de Galicia

Dez anos de Zona de Zanfona en Rianxo

Os días 4, 5 e 6 de abril desenvolverase en Rianxo a décima edición do festival internacional Zona da Zanfona (ZdZ), organizado por aCentral Folque e promovido polo Concello de Rianxo. Cursos, obradoiros, concertos ou unha exposición nun encontro consolidado arredor da zanfona.

Actividades para todos os públicos, desde o xeral ao especializado, para maiores e para crianzas, co fin de difundir e promover a zanfona compoñen o programa que conmemora o décimo aniversario de Zona de Zanfona (ZdZ), o festival internacional que se desenvolverá en Rianxo, concello que promove o encontro, e que organiza aCentral Folque.

O programa inclúe sesións didácticas para público escolar, cursos para especialistas en interpretación e composición, concertos de intérpretes da Galiza e internacionais ou mesmo sesións de bailes. Un serán infantil e o Baile Assalto animarán ao público a se achegar ao instrumento protagonista do festival. A edición especial deste ano mostrará tamén o traballo da nova xeración de luthiers que constrúen o instrumento. Como conmemoración do décimo aniversario, poderase contemplar tamén unha exposición con obxectos e cartaces das dez edicións titulada “Trebellos con manivela”. A mostra, instalada no Auditorio de Rianxo recolle imaxes e obxectos elaborados polo artista de Redondela Pablo Giráldez “O Pastor”.

Para especialistas e público en xeral

Serán protagonistas especiais de ZdZ nesta edición Ulobit, Germán Díaz e Le Voyage (Germán Díaz + David Herrington), Paulo González, Jaime Reboll, Colectivo Trepia e Teatro Airiños.

Desde aCentral Folque queren converter Rianxo co seu festival no “epicentro mundial do instrumento e que marca un presente magnífico para un porvir onde a memoria do instrumento vai gañando cada vez máis espazo desde o rexurdir dos anos 70. O Festival conectará profesionais, alumnado e luthiers a través dun proigrama  que recolle espazos especializados e ámbitos para que o público xeral goce coa zanfona.

Fonte: Sermos Galiza

‘Eurozone’, a triunfadora dos Premios María Casares 2014

Eurozone’ leva catro premios incluíndo o de espectáculo, ‘As do peixe’ faise con tres, ‘Bye Bye Honey’, leva dous, e A charca inútil, C’esta la vie, Waltz e As mil vidas de Matías Houseman, un galardón cada unha delas.

Os XVIII Premios María Casares xa teñen gañadores e a vencedora da noite foi a produción ‘Eurozone’ que obtivo catro premios; mellor iluminación, mellor escenografía, mellor actriz secundaria e mellor espectáculo.
Pola súa banda, ‘As do peixe’ fíxose con tres premios, ‘Bye Bye Honey’, leva dous, e A charca inútil, C’esta la vie, Waltz e As mil vidas de Matías Houseman, un galardón cada unha delas.
O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu na noite do xoves unha cerimonia de entrega na que un total de 11 producións teatrais competían nas trece categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Espectáculo en diferido na TVG

Á gala, que, curiosamente, se retransmite en diferido pola Televisión de Galicia –a pesares de ter dúas canles– acudiron máis de 550 convidados, entre profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral.
O espectáculo pola compañía Ibuprofeno, que este ano transformou a gala nun furancho. Marián Bañobre e Isabel Risco presentaron a gala, dirixida por Santiago Cortegoso.
Estes foron os resultados:
EUROZONE: (4) Mellor Iluminación, (Fidel Vázquez)
escenografía, (Chévere—Javier Domingo Ballestín)
actriz secundaria (Patricia Lorenzo)
espectáculo (Eurozone)
As do Peixe: (3)mellor texto orixinal (Cándido Pazó)
 Mellor actriz protagonista (Susana Dans)
 Mellor dirección. (Cristina Domínguez)
Bye Bye Honey: (2) Música orixinal (Carlos Mosquera ‘Mos’)
 actor secundario (César Goldi)
A Charca Inútil (1): mellor adaptación-tradución (Xosé Manuel Pazos Varela)
Walt (1): mellor vestiario (Uxía P. Vaello)
C’EST LA VIE: (1) Mellor Maquillaxe (Trini Silva)
As mil vidas de Matias Houseman (1): Mellor actor protagonista (Josito Porto)
Fonte: Galicia Confidencial

No bico un cantar – As nenas e nenos galegos cantan a Curros Enríquez

Esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. O ano pasado a Rosalía de Castro, e este ano a Curros Enríquez, No bico un cantar conectará os estudantes co mellor da nosa música e o senlleiro escritor celanovés. O evento conta coa organización do Consello da Cultura e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Celanova e Vegalsa-Eroski.

Nas fotos, o director de orquestra e coordinador da Sección de Música do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, ensaia e interpreta cos nenos os poemas de Rosalía (edición 2013)

Destinado a Nenos e nenas de 8-12/13 anos.

Músicos
Grupo de metais Hércules Brass (2 cornos, 2 trompetas, trombón e tuba).

Lugar e data
6 de xuño
17:30 horas
Celanova

Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século

Os temperás falecementos de Xela Arias (1962-2003) e Luísa Villalta (1957-2004) truncaron hai dez anos unhas vidas que, sendo sen dúbida singularísimas na súa condición persoal, foron tamén representativas da progresión que desde mediados dos anos 80 supuxo a presenza das mulleres como axentes, referentes e xestoras culturais no país. Unha e outra, desde as súas localizacións prioritarias en Vigo e A Coruña, participaron en intervencións colectivas, promoveron iniciativas, exploraron relacións interculturais a través da tradución e doutras vías experienciais e discursivas e sentiron, ademais, a atracción por indagaren nos espazos intersticiais en que as diferentes artes converxen por uns ou outros motivos e derivas.

A xornada pretende manter viva a memoria da súa produción literaria, así como dos diversos vínculos que nas súas vidas ambas foron trazando con proxectos de notábel repercusión na recente historia cultural galega. A isto dedícanse as achegas que profundarán nos seus respectivos perfís estético, intelectual e político, así como as centradas directamente nas súas poéticas persoais como autoras dun relevante corpus poético e, en xeral, como escritoras. Estas análises contarán co reforzo antes mencionado de tratar de ver nelas un signo da emerxencia da presenza das mulleres -autoras no espazo cultural dos pasados anos 80 e 90 (asociacionismo, publicacións e creacións colectivas, relacións co movemento feminista, promoción de foros, etc.).

Nun marco de condición menos académica, máis marcada pola exploración interartística (música, fotografía, danza e artes escénicas, artes plásticas…), a xornada amosará, así mesmo, a vixencia do discurso literario e intelectual de Luísa Villalta e Xela Arias. A xeito dun laboratorio de prácticas no espazo interartes preséntanse, por unha banda, proxectos en que traballaban ambas as autoras cando a morte se lles presentou sen previo aviso e, por outra, intervencións ―nalgún sentido interpretativas― encomendadas a outras artistas sobre a poesía escrita polas poetas coruñesa e luguesa.

Poden acceder ao programa no Consello da Cultura Galega

http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/20140126-PROGRAMA-XELA-ARIAS-E-LUISA-VILLALTA%20.pdf

As bibliotecas galegas sufren unha gran caída de investimento malia a maior demanda social

O Observatorio da Cultura Galega publicou hoxe o seu informe “As bibliotecas galegas”, no que detalla a situación deste tipo de centros en Galicia. Entre as conclusión do informe está a forte caída de investimento público en Galicia, pasando de 5,5 millóns de euros en 2008 aos 1, 3 millón de euros en 2013. Sen embargo, o número de usuarios incrementouse en máis de 300.000 persoas desde o 2002.
Galicia ten máis dun millón de usuarios de bibliotecas (1.029.856), nunha serie que foi en ascenso continuo desde 2002. Nos últimos dez anos aumentou un 57,9% o público adulto e un 15,9% os usuarios infantís, estando nestes momentos a proporción ubicada nun 85,8% de adultos e un 15,9% de usuarios infantís.

Financiamento
No ámbito do financiamento, as estatísticas do INE recollen “unha redución das axudas económicas, coa excepción dos concellos e entidades locais, que son os únicos que aumentan as súas contribucións”. O gasto de persoal segue a aumentar, cun ascenso de máis de 1.200.000 € en Galicia, pero o investimento sufre unha notable caída. “Se en 2008 os investimentos en bibliotecas superaban os 5,5 millóns de euros, en 2012 non chegan a 1,3 millóns de euros”, sinala o informe.
Fondos
Os fondos das bibliotecas públicas galega sitúanse a redor dos 5,1 millóns de volumes, e as adquisicións tenden a medrar. Os concellos financian o 67,88% dos custes da rede de bibliotecas de Galicia fronte a Xunta (26,57%). Á súa vez, os préstamos de fondos a usuarios están en ascenso desde 2006 rexistrándose case dous millóns e medio en 2012.

Acceso ás bibliotecas
Galicia é a antepenúltima comunidade autónoma no uso do acceso ás bibliotecas, cun só 16.3% da poboación accedendo a estes servizos.

Fonte: Consello da Cultuga Galega

Celebramos o Día da Narración Oral con Paula Carballeira e A Burra Ramona na Libraría Biblos

A Burra Ramona, o último libro publicado de Paula Carballeira  foi o conto elixido por Baía Edicións
para conmemorar este día tan sinalado, coincidente coa entrada da primavera. Paula fíxonos pasar unha boa tarde e animounos a participar, mesmo cantando, pois Paula entende a narración como un acto colectivo.

Xosé Tomás fixo o posible por seguila coas ilustracións, cousa non doada e amosounos como a imaxe pode acomnpañar a palabra de forma armoniosa. Ao final, Tomás animounos a reinterpretar as cores do libro, que levamos para a casa en pequenas láminas para colorear.

Como é habitual neles, a Libraría Biblos estaba perfectamente prepararda para a ocasión, cunha exposición coas láminas do libro.

Grazas desde Baía pola tarde tan estupenda, da que deixamos algunhas imaxes.

A Semana Galega de Filosofía pensa na revolución

A revolución será o tema central da XXXI Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía, que terá lugar do 21 ao 25 de abril. Terry Eagleton inaugurará un encontro que será clausurado por Farruco Sexto Novás e contará coa participación de Santiago Alba Rico, Alba Nogueira, Gerard Mauger, Domenico Losurdo ou Frank Mintz entre outros.

Será do 21 ao 25 no Teatro Principal de Pontevedra onde, como cada ano, se desenvolva o máis relevante foro de pensamento que naceu hai xa máis de trinta anos da man da Aula Castelao de Filosofía. Desta volta, a revolución será o tema central de cinco días de intervencións e debates que inaugurará Terry Eagleton co relatorio “Por que Marx tiña razón”. Gérard Mauger, Domenico Losurdo, Valeriano Bozal e Raúl Fornet completarán o programa das sesións de mañá, agrupadas co título “Reflexións filosóficas a prol da revolución”.

Clausura con Farruco Sexto

Como ven acontecendo case desde o inicio das Semanas Galegas de Filosofía, as sesións de tarde, de 17 a 19:30 hora, resérvanse para pensar arredor de Galiza e, con ese obxectivo foron convidad@s,  Alba Nogueira, para afondar no recorte de dereitos fundamentais e liberdades, Xosé Veiras arredor do monte e a sustentabilidade, Ana Iglesias, cunha intervención arredor da normalización lingüística; María Ruído que presentará unha conferencia sobre políticas e poéticas da resistencia para rematar con Bautista Álvarez e a súa conferencia “Repensar a transición, a Galicia que puido ser”.

As sesións de noite, concibidas cunha maior orientación divulgadora, estarán a cargo de Santiago Alba Rico, Otelo Saraiva de Carvalho e Aurelio Fabiao Ginja. A lección de clausura virá a cargo de Farruco Sesto Novás, poeta galego e político venezolano, a quen Hugo Chávez nomeara ministro de cultura do seu país.

Fonte: Sermso Galiza