Artigos

Baía tamén no catálogo de agasallos do Nadal de Abertos ao Galego

Roupa, xoguetes, libros, alimentos ecolóxicos ou bonos para turismo rural son algúns dos contidos que achega o Catálogo de Nadal de Abertos ao Galego. A rede que agrupa preto de noventa empresas sensibilizadas coa lingua presentaba onte as súas propostas para agasallar nesta época na nosa lingua. Iria Taibo, coordinadora deste proxectos desde a Mesa pola Normalización Lingüística, impulsora da rede, animou a adquirir produtos en galego para as nosas festas.

http://issuu.com/abertosaogalego/docs/catalogo_abertos_2013_web

Galiciencia abre hoxe as súas portas, coa previsión de recibir máis de 2.200 visitas

Máis de 2.200 persoas visitarán a maior feira científica de Galicia, Galiciencia, entre a xornada de hoxe e o venres en Ourense. O evento foi recoñecido como unha das vinte actividades de referencia da Semana da Ciencia en España pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do encontro, xunto coa Consellería de Economía e Industria.

O Parque Tecnolóxico de Galicia acollerá no seu recinto unha carpa na que cincuenta equipos mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación.

Neste ano, a representación máis numerosa procede de colexios de Vigo, con 17 equipos que presentan os seus proxectos. A eles súmanse outros tres da provincia de Pontevedra (de Cangas e Ponteareas). Ourense está representada por 16 grupos, correspondentes a Cea, Pereiro de Aguiar e da capital. A Coruña aporta 8 traballos, de Santiago, Ferrol e Narón. Lugo presenta dous, da capital e de Ribadeo. Barcelona está representada por dous equipos.

A exposición de proxectos realizarase de dez a doce e de 16 a 18 horas, na carpa situada á beira do edificio do CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Dentro do marco de Galiciencia, na xornada de hoxe presentarase o libro Dous quarks á próxima extinción. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida, de Pedro José Cascajosa, con edición científica de Xurxo Mariño, publicado pola Xunta.

A Fundación Barrié participa por segundo ano consecutivo en Galiciencia cun stand propio. Organiza o “Gran xogo da ciencia” e ofrece unha charla para que os docentes coñezan “educaBarrié”, unha innovadora páxina web na que pon a disposición da comunidade educativa os contidos didácticos e materiais relacionados con proxectos de referencia das súas áreas de actuación: patrimonio, cultura, investigación, educación e servizos sociais.

Galiciencia dedica un taller á figura e ao legado do considerado “pai da química galega”, Antonio Casares, con motivo da conmemoración do Día do Científico Galego, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias.

Outro taller está dedicado ao cerebro. Nel presentaranse os coñecementos actuais sobre o seu funcionamento e, mediante xogos sensoriais, os participantes poderán descubrir segredos que esconde a mente humana.

Fonte: Faro de Vigo

Ferrín non fala “nun espazo que se pecha á xente”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, decidiu este xoves solidarizarse cos afectados polas participacións preferentes e abandonar o Auditorio de Novagalicia Banco en Pontevedra, onde se están a celebrar conferencias da Semana Galega de Filosofía, tras o peche deste espazo por parte da fundación do banco.

Afectados polas referentes manifestáronse esta tarde, antes da conferencia, fronte o Auditorio de Novagalicia Banco. A policía e outros axentes de seguridade privada do espazo decidiron, entón, pechar as portas.

Ofrecer os micros

A Aula Castelao, que é un foro aberto, negociou entre representantes dos afectados e os responsables da seguridade, co fin de ofrecer os micros e permitir que os afectados se expresaran e comunicaran o que lles parecera oportuno. Sen embargo, Méndez Ferrín decidiu trasladar a conferencia prevista por negarse a falar “nun espazo que se pecha á xente”.

Os afectados polas preferentes levan toda a semana de mobilizacións. Tamén se manifestaron no Parlamento de Galicia e diante da CRTVG. Con todo, o presidente da Xunta aínda non os recibiu.

Frases destacadas

Estas foron algunhas das frase da conferencia de Ferrín:

Os fascismos empregaron sempre con fruición o termo Occidente.

O capitalismo sen freo chegou á perfección da catástrofe.

Hoxe no mundo existe só unha civilización, pola unificación da ciencia. Polo tanto non se pode falar de Alianza de Civilizacións.

Despois da explicación do mundo dende o mito, despois dende o pensamento libre e agora dende unha ciencia positiva que homoxeneiza ao humano baixo o patrón de Occidente, claro. Morreu a diversidade.

En Europa houbo revolucións que derivaron nun proceso de pensamento que despois se constituíron como universais.

A humanidade prodúcese en forma de nación: non existe un ser humano a-nacional.

A lingua é a forza e sentido profundo da cultura dunha nación.

O populismo planetario pode ser unha alternativa ao capitalismo que campa actualmente polo mundo.

O proceso marxista pasa polo acto de expropiación da ciencia burguesa e por poñela ao servizo da humanidade.