Artigos

Méndez Ferrín dimite como presidente da Real Academia Galega

Xosé Luís Méndez Ferrín presentou onte a súa dimisión como Presidente da Real Academia Galega. Fíxoo por carta, á comisión executiva da institución e aos membros numerarios. Tamén renuncia á súa condición de membro numerario da RAG. Ferrín agradeceu de maneira especial o labor do secretario, Xosé Luís Axeitos, e a boa parte dos académicos. Non obstante, criticou que outros “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”.

TEXTO COMPLETO DA CARTA DE RENUNCIA (desde El País)

Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega

Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.

Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.

Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.

Viva e floreza a Academia Galega!

Viva Galicia ceibe!

Fonte: Culturagalega

Gañadores do concurso d’O CARBALLO con Cultura galega

Baía Edicións e Cultura Galega quixeron agasallar cun libro sobre a árbore máis característica do noso país. Para gañar só tiñas que demostrar que coñecías O CARBALLO. Cinco libros dO Carballo de Baía Edicións foron sorteados entre aqueles que contestaron correctamente unha sinxela pregunta: Como se chama o froito do Carballo?

Entre todos os nomes dos participantes levouse a cabo un sorteo cun programa de selección aleatoria que elixiu cinco nomes de xeito correlativo.

Respostas correctas: Landra ou belota (as dúas están recoñecidas pola RAG)

E os gañadores/as foron:

1. Mar Iglesia Cabaneiro

2. ÁngelaÁlvarez Morandeira

3. Sergio Rojo Martínez

4. Antón Romero Ces

5. Mar Corbelle Valiño

Parabéns a todas e todos!