Entradas

Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal 2013

Culturgal valora que a mensaxe de corresponsabilidade que lanzaba mediante a posibilidade de contribuír á celebración do evento mediante o pagamento dunha entrada voluntaria, foi recibida polo público. Un 20% dos asistentes fixeron entrega deses tres euros a cambio da chapa de micropatrocinador. Máis de 14.000 persoas visitaron a feira durante a fin de semana.

Segundo expresou Xulio Amigo, presidente de Culturgal, este feito produce moitas esperanzas e “un novo escenario optimista para o Culturgal do futuro, un Culturgal no que público xogará un papel más atractivo e no que asumirá unha meirande responsabilidade, destacaba.

Premio do Público Culturgal 

Pasadas as 17:30 horas iniciábase o acto deseñado para a entrega do Premio do Público Culturgal. Nun ambiente festivo, desenfadado e cargado de humor a conta de Os da Ría, a comitiva composta polo presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, o coordinador da edición 2013, Xosé Aldea, a Concelleira de Cultura Anxos Riveiro Portela e Orbil, representando ao premiado Salón do Libro, percorreron a Feira de Industrias Culturais no seu último día.

Entre un público numeroso que participaba das diferentes actividades da tarde e tras facer unha parada no espazo do Salón para amosar o cartel da edición 2014 “Cociñando Contos”, deseñado por Pirusca, procedíase á parte máis formal do acto.

Xulio Amigo comentou no seu discurso o motivo de crear este Premio para “darlle voz ao público, que é a razón de ser do Culturgal” e aproveitou para destacar as 3 candidaturas que optaron a el este ano: A Asociación PuntoGal, o Festival de Cans e o finalmente gañador, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, todas elas “meritorias e queridas”.

Visibilizarse   

 A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tras recibir o diploma e o ramo de flores co que foi agasallada, destacou a importancia de crear “inicitivas como esta, que serven para facer visibles importantes proxectos culturais de gran calidade  e creatividade que se producen no noso país e que espertan no público que se implica en votalos, un sentimento de orgullo polo noso”. Para o Salón do Libro, o Pazo da Cultura e o Concello de Pontevedra como organizadores, supón un gran recoñecemento, que fixo extensible a todos/as aqueles/as que durante estes 15 anos de vida colaboraron para darlle vida a este proxecto co seu traballo, ilusión e esforzo. Persoas como Luis Bará o Mª Xesús López Escudeiro que se atopaban entre o público.

Fonte: AGE