Artigos

O Superior anula as axudas da Xunta aos colexios que segregan por sexo

Pau xudicial aos colexios segregacionistas ou, máis concretamente, a que estean parcialmente sostidos por fondos públicos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de estimar o recurso interposto polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) contra a orde de concertos educativos promulgada pola Xunta en agosto de 2009, nomeadamente no que atinxe á “subscrición ou modificación de concertos” con cinco colexios que separan o seu alumnado en función do sexo.

Mentres o Goberno central prepara, no marco da coñecida como Lei Wert, unha modificación legal para permitir que os colexios segregacionistas poidan ser concertados, o alto tribunal galego vén de facer valer os preceptos da vixente Lei Orgánica de Educación para invalidar o financiamento público de prazas nos centros Las Acacias, Montecastelo e Aloya, en Vigo, e en Montespiño e Peñarredonda, na Coruña. Esta supresión dos concertos xa fora decidida polo Goberno bipartito pouco antes das eleccións de 2009, se ben o PP, ao retornar ao poder, decidiu devolvérllelos.

Precisamente a existencia de concertos anteriores á LOE foi un dos motivos argumentados polos colexios afectados para manteren as axudas públicas. Pero o TSXG advirte de que “non se pode esgrimir unha sorte de dereito adquirido, posto que cada decisión de renovación opera como acto singular baixo a normativa vixente”. E a normativa vixente, a LOE, “prohibe tallantemente a discriminación dos alumnos na admisión a centros públicos e concertados”, ademais de outorgarlle prioridade aos centros educativos que practiquen a “coeducación”, isto é, o ensino en pé de igualdade para nenos e nenas. Tendo en conta que un concerto educativo é “unha manifestación da actividade de fomento” e que a LOE ordena fomentar a igualdade, explica a sentenza, “non pode fomentarse un criterio e, simultaneamente, o seu contrario”.

O ditame xudicial tamén supón un torpedo á liña de flotación do outro gran argumento do gabinete de Alberto Núñez Feijóo para soster con fondos públicos os centros segregacionistas: a “liberdade”. A xuízo do TSXG a retirada dos concertos “respecta a liberdade de educación así como a libre elección de centro por parte dos pais“, tamén “a liberdade de creación” deste tipo de colexios “por quen adopte un ideario que opte pola educación diferenciada por razón de sexo”. Pero esa liberdade, vén dicir o tribunal, non pode estar por riba “dos principios e regras vixentes, que no caso analizado revisten carácter orgánico por partida dobre”, tanto polos preceptos da LOE como polo estipulado na Lei de Igualdade do ano 2007.

Fonte: Praza

A Xunta ‘prepara’ o recurso ás sentenzas do decreto do idioma

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acudiu onte o Tribunal Supremo como paso preceptivo para poder suscitar un recurso de casación contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan parte de dous artigos do decreto do plurilingüismo.

O departamento autonómico acudiu o último día de prazo, asegura, “por si se producía algunha resposta dialogante e construtiva achega da proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta”, en sede parlamentaria, quen ofreceu aparcar as diferenzas en base ao que dictan as sentenzas.

“A Consellería non pode admitir as imposicións que algúns partidos ou colectivos pretenden, porque serían contrarias ao expresado pola maioría do pobo galego nas urnas, e contrarias ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que non derrogou, como pretendían os recurrentes, o decreto do plurilingüismo”.

Esta “pretensión derogatoria”, prosegue Educación nun comunicado, foi esgrimida por algún partido “como única resposta á man tendida do presidente de negociar” sobre os fallos emitidos.

O Tribunal Supremo dispón dun máximo de 30 días para comunicar á Xunta un prazo para presentar formalmente o recurso de casación, presentación que, insiste Educación, “non impediría o seu retirada” se os recurrentes e a oposición “aceptasen a mencionada proposta” de Feijóo.

O Tribunal Superior emitiu oito sentencias sobre o decreto do plurilingüismo. En seis delas invalidaba o carácter vinculante da enquisa aos pais de alumnos de Educación Infantil ao asegurar que a lingua na que deben recibir as clases estes estudantes debe decidila a Administración e non as familias. Ademais, o tribunal autonómico tampouco avala, tal e como permite o decreto do galego, que os alumnos elixan libremente o idioma no que se expresan e escriben nunha asignatura con independencia da lingua na que se imparta esa materia.

Nas outras dúas sentenzas, o Superior de Galicia desestimaba os recursos de tres asociacións: Galicia Bilingüe, Mesa pola Liberdade Lingüística e a Asociación Galega pola Liberdade.

O decreto do galego continúa suscitando polémica. O pasado domingo, miles de persoas manifestáronse en Santiago para esixir a súa derrogación, nunha marcha convocada por Queremos Galego.

Fonte: La Opinión

Foto: Tribunal superior de Xustiza. A Coruña