Entradas

Prolingua: “A Xunta debería reflexionar sobre o gloticidio emprendido irresponsablemente”

Menos dun 10% da prensa que se fai en Galiza está en galego e o 50% do ensino nesta lingua está realmente lonxe de cumprirse. Mentres o Comité de Expertos felicita os gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción das súas linguas nativas; ao gobernó galego repróchalle “a redución gradual” do uso da lingua galega, sobre todo no ensino, na xustiza e nos medios de comunicación. E recolle as queixas dos expertos europeos pola falta de información, o “calculado silencio” e ocultamento de datos ofrecidos polas autoridades galegas.

ProLingua acaba de editar dous documentos clave para comprender a situación do idioma galego. Tras as duras críticas ao goberno de Feijóo por parte do Comité de Expertos do Consello de Europa no seu terceiro ciclo de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ProLingua pón a disposición da cidadanía a tradución das partes do informe que analizan a situación do galego e unha completa análise a modo de Consideracións.

“Cando o pasado 25 de outubro tivemos noticia da publicación deste terceiro informe formamos un grupo de traballo propio capaz de traducir o referido á situación da lingua galega e de elaborar unha rigorosa análise que axude á xente do común a entender cal é a verdadeira situación da lingua a ollos do Consello de Europa, que recomendacións lle traslada á Xunta de Galicia e que cambios percibiu na saúde da lingua de Galicia desde o último informe publicado”, explican desde a asociación. E lembran que “o goberno do PP debería ter ben presente que a lingua galega nunca foi un problema e que debe evitarse toda controversia partidaria, porque o galego é un patrimonio de todos, mesmo dos que non o falan”.

Para ProLingua, “a difusión deste Informe debería levar as autoridades galegas a reflexionaren sobre o camiño de glotocidio emprendido irresponsablemente”. E considera que o goberno do PP “debe revogar o Decreto de Plurilingüismo e elaborar outro novo consensuadamente, un novo Decreto que abranga e garanta unha liña de ensino en galego como lle pide Europa”; que debe “apoiar os medios en galego e facer cumprir o compromiso do mínimo 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas”; “esixir de verdade un coñecemento digno oral e escrito do galego aos funcionarios da administración, da xustiza e do ensino, á vez que debe acabar coas discriminacións do galego nos eidos laboral, sanitario e asistencial”. “O goberno do PP debe cumprir coa Lei de Normalización Lingüística e co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, textos aprobados por unanimidade polo Parlamento Galego”.

CAL É A SITUACIÓN?

Mentres o Comité de Expertos felicita os gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción das súas linguas nativas; ao gobernó galego repróchalle “a redución gradual” do uso da lingua galega, sobre todo no ensino, na xustiza e nos medios de comunicación.

No ensino -relata a análise de ProLingua-, os expertos europeos constatan un incumprimento flagrante do teórico 50% en galego que prevé o Decreto e lembran que a Carta obriga a que exista un modelo de ensino en galego, “mandato que o goberno de Núñez Feijoo incumpre”.

E continúa: Nos eidos da administración e da xustiza tamén detecta este Informe un retroceso na implantación do galego, con moitas deficiencias non solucionadas polas autoridades e mesmo con evidentes retrocesos en formación e capacitación de persoal, programas informáticos que non permiten o uso da lingua propia, retrocesos na rotulación e nos formularios etc., o que en moitos casos disuade do uso da lingua galega, polo que o Consello de Europa insta as autoridades a acometeren unha verdadeira protección e promoción do idioma galego na administración e na xustiza.

Na vida pública o Consello de Europa constata unha redución no emprego do galego por parte das institucións galegas e a relaxación na esixencia real do coñecemento da lingua para o acceso á función pública.

Canto aos medios de comunicación o Informe di que Galicia non cumpriu cos obxectivos asinados, pois as emisoras e xornais privados apenas chegan a emitir/publicar o 10% en galego. Os expertos europeos amosan tamén a súa preocupación por este desenvolvemento negativo ante o peche de numerosos medios monolingües en galego ou bilingües e a falta de axudas oficiais para estes, que contrasta coas que obteñen os medios en castelán.

Así mesmo, detallan a denuncia do Consello de Europa ante as dificultades que existen na práctica para facer vida normal en galego no mundo laboral, na sanidade e no eido asistencial, “campos onde os usuarios da lingua galega se ven disuadidos para empregaren a súa lingua”.

CAMPAÑA NO TWITTER

ProLingua está a levar a cabo unha campaña de tweets co hashtag #informedemoledor á que anima a sumarse https://twitter.com/prolinguagalega

DOCUMENTOS

http://prolinguagalega.org/uploads/media_items/consideracións-prolingua-consello-de-europa-informe.original.pdf

http://prolinguagalega.org/uploads/media_items/traducion-terceiro-informe-consello-de-europa.original.pdf 

Fonte: Dioivo

Nunca Máis reactívase co xuízo do Prestige para gritar “contra a impunidade”

“Claro que é moi posible que volva haber outro Prestige”. Con esta contundencia, Xurxo Souto, un dos portavoces da plataforma Nunca Máis, deixou claros os riscos de que Galicia volva padecer unha catástrofe como a da que agora se cumprirán dez anos e que será xulgada o próximo día 16 na Coruña. Precisamente por iso, reactívase agora un movemento que protestará o mesmo día do xuízo para gritar “contra a impunidade” e esperando que se depuren todas as responsabilidades derivadas daquela catástrofe.

Nunha rolda de prensa convocada na Coruña, os portavoces da plataforma recoñeceron algúns avances, como a existencia de máis barcos anticontaminación ou menos buques monocasco, pero destacaron sobre todo os defectos que aínda existen no país respecto á prevención e á actuación no caso dun accidente semellante. “Non hai control vía satélite do corredor con maior tráfico marítimo que é o de Fisterra, o que provoca continuas alertas, mentres as competencias de control marítimo seguen sen transferirse a Galicia e levándose a cabo desde Madrid”, destacou Souto, que manifestou a “auténtica preocupación” de Nunca Máis ante a posibilidade “moi posible” de que outro Prestige afunda algún día nas costas galegas.

Ademais, Isabel Risco, outra das portavoces, destacou a importancia da plataforma e do movemento cidadán, que foron os que permitiron “os avances conseguidos” en materia de prevención e control, polo que chamou á poboación a que acuda á manifestación que se celebrará o próximo día 16, con motivo do comezo do xuízo, nas instalacións xudiciais “improvisadas” de Expocoruña a partir das 11 da mañá. Tanto Risco como Souto cualificaron de “heroes” aos dous avogados de Nunca Máis, Pedro Trepat e Miguel Anxo Fernández, presentes tamén na comparecencia.

O primeiro deles destacou que “é un alivio” que por fin se celebre o xuízo, pero incidiu tamén no feito de que “estadisticamente claro que pode haber outro accidente semellante”. Ademais, fixo fincapé no feito de que a “dilación indebida” da xuízo, case dez anos despois, será “unha atenuante de culpabilidade” que será “con toda seguridade” empregado polos imputados e que tamén lles reducirá a pena” de habela.

Para Trepat, á marxe das mellores técnicas e de prevención, o que si queda claro é que “de producirse novas desgrazas, os responsables políticos non se marcharían de cacería nin tomarían decisións oportunistas ou caprichosas, senón que se basearían en expertos e xente coñecedora do mar”. “Isto tamén é grazas a Nunca Máis”, engade.

Ademais, e sobre a presenza do ex ministro Álvarez Cascos no xuízo, Trepat aclara que López Sors, que era director xeneral da Mariña Mercante, “asumiu todas as decisións”, aínda que di ter “o convencemento” de que “estaba sacrificando a súa cabeza” en favor de superiores como o ex titular de Fomento.

En canto ás informacións da prensa que desvelan as intencións de varios cargos de abrigar o Prestige na Coruña, os avogados cren que a conversación feita pública “é moi reveladora” e “dará moito xogo” ao deixar claro que había máis opcións que a decida finalmente de afastar o buque e que acabou provocando unha enorme catástrofe ambiental.

Así, o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, asegura que el “non metería o buque na Coruña” e destacou tamén que o porto exterior de punta Langosteira, vendido naquela época como porto refuxio, “non é tal”. “Non é seguro para meter un barco así”, asegurou, logo de advertir de que “se hai unha alarma como a do Prestige dentro de dúas horas, os mariñeiros seguirían sen ter os medios necesarios para deter a vertedura”.

Preguntados pola coincidencia do xuízo e das manifestacións coa campaña electoral, os portavoces aseguraron que non tiñan “culpa” de que se fixase esa data e advertiron do feito de que os xefes dos executivos dos que na actualidade dependen os galegos tivesen na época do Prestige altas responsabilidades. “A persoa que invoca agora á seriedade e ao bo facer é o mesmo que se gañou o alcume de ‘o señor dos hilillos’ polas súas declaracións”, dixo Xurxo Souto, en referencia a Rajoy, tras recordar tamén que Núñez Feijóo, presidente da Xunta, era entón vicepresidente con Manuel Fraga.

“Nós sabemos perfectamente quen é Rajoy e sabemos tamén ben que farían el e Feijóo tivésense que volver actuar”, aseguraron, tras negar que a manifestación convocada para cinco días antes dos comicios poida influír no resultado electoral.

Fonte: Eldiario