Entradas

Os premios da edición serán entregados en Vigo no mes de marzo

A cidade de Vigo acollerá por segunda vez a gala da Noite da Edición de Galicia. O proceso de propostas e votacións dos editores para os libros e iniciativas do ano 2012 comezará na vindeira semana de xaneiro. Un xurado decidirá entre os finalistas escollidos polos editores.

Os Premios Ánxel Casal, unha homenaxe ao sector editorial galego, veñen convocándose ininterropidamente dende o ano 2005. As cidades de Lugo, Ourense, A Coruña, Santiago e Vigo acolleron as diversas edicións da gala de entrega de premios. Na gala do ano 2011, celebrada no Hotel A quinta da auga de Compostela, tivo lugar a estrea dos vídeos de homenaxe a Díaz Pardo e Carlos Casares, realizados por Illa Bufarda. GADISA colabora desde hai varios anos co evento patrocinando a presentación do acto.

Fonte: AGE

A edición española perde o stand na Feira do Libro para rapaces de Boloña

Por primeira vez a Federación de Gremios de Editores de España non estará presente na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. O ano 2013 será o de menor participación dos gremios de editores nas feiras internacionais. Xa no ano 2012 as administracións públicas deixaron de apoiar numerosos eventos profesionais do libro. É un fito histórico para a edición española que a Federación de Gremios de Editores de España non teña presenza nunha das feiras de compravenda de dereitos máis importantes do mundo.

Segundo a nota difundida pola entidade, á que pertencen os gremios de Cataluña, Andalucía, Castela- León, País Valenciá, Euskadi, Madrid e Galicia, ademais de ANELE, son motivos económicos os que impiden a organización desa presenza na feira italiana.

Fonte: AGE

Foto: Belén López Vázquez, directora editorial Baía Edicións, na Feira de Boloña.

SER LIBRIS, unha nova especie

A Asociación Galega de Editores, conscente da necesidade de priorizar os recursos en función das repercusións que a crise económica e de consumo está a ter nas canles comercias e tradicionais do libro, acordou realizar unha campaña publicitaria, SER LIBRIS, consistente nun spot no que o novo ser se manifesta tal cal é, coa súa humanidade pegada ao libro e ás lecturas, un SER LIBRIS lector, crítico, libre, intelixente, creativo e contaminador de enerxias lectoras renovadas. Os editores apostan por promover ese SER que debulla roteiros imaxinarios e innovadores, que é capaz de mudar a terra, a contorna, e vida cotiá da xente. O spot foi presentado en CULTURGAL o sábado 1 de decembro.

SER LIBRIS comezou o día 22 de novembro co espallamento de seis imaxes acompañadas de diversas mensaxes relacionadas coas necesidades do novo SER, mensaxes que os editores e outros axentes do sector axudaron a difundir polas redes sociais. A campaña implica tamén aos libreiros, que contan xa co seu propio cartaz para os seus escaparates ou taboeiros, amais de 2.000 chapas coa lenda: Eu tamén son SER LIBRIS e habito nas librarías.

Esta acción forma parte dunha serie de iniciativas que os editores comezaron a levar adiante no ano 2012, e das que tamén forma parte o Outlet do Libro Galego, marca rexistrada polos editores galegos. Outras semellantes serán postas en marcha durante o ano 2013 en colaboración con outros colectivos do sector.

En vimeo -Ser libris

Fonte: AGE

Visita á Biblioteca Juan Josè Arriola da Universidade de Guadalajara

A actividade dos editores galegos na FIL contou hoxe cunha visita á Biblioteca  Juan José Arreola, da Universidade de Guadalajara, un centro ubicado na localidade de Zapopan, en Guadalajara, Jalisco, e que pertence a un complexo cultural do Estado tapatio actualmente en construción. Acompañadas por Judith Martínez Ponce e polo Director o Dr. Juan Manuel Durán Juárez, os editores visitaron os fondos  editoriais, mexicanos e procedentes das doazóns realizadas por outros países.

O centro conta tamén coa biblioteca particular do fundador do xornal El Informador, bibliófilo recoñecido en México, propietario de numerosos e prezados volumes, algúns deles de máis de cinco séculos.

Os visitantes poideron fotografar os fondos galegos doados nas diferentes visitas e participacións dos editores na FIL.

Fonte: AGE

O sector do libro traballará no seu desenvolvemento estratéxico

Dúas conferencias, un debate e dous paneis de experiencias abordaron dende diversos enfoques a actual situación crítica da libraría e do conxunto do sector do libro e da lectura. Tras un debate moi rico en matices, Manuel Bragado, Presidente da entidade, quedouse con dúas conclusións moi relevantes: “A primeira, a necesidade de deseñar neste período de tránsito, que tamén debería ser aproveitado como de oportunidade, un desenvolvemento estratéxico para o conxunto do sector do libro, onde participen os subsectores da edición, distribución e libraría e a reinvención do modelo de negocio e a creación dun novo modelo de relación coas administracións públicas deberían constituír os eixos deste novo programa. A segunda, a necesidade de afortalar neste período de mudanza da industria do libro o seu tecido sectorial e intersectorial, na perspectiva de constituír un único gremio profesional, o gremio do libro, no que se integrasen editores, distribuídores e libreiros”.

Fonte: AGE

O futuro da librería será o tema central do IX Simposio

O IX Simposio O libro e a lectura vaise celebrar en Santiago o 9 de novembro, baixo o tema central de O futuro da librería. A xornada vai concitar en Compostela a destacados profesionais do sector do libro. Este foro vense celebrando ininterrumpidamente dende o ano 2004. A actividade está patrocinada por Cedro e organizada pola AGE. Colabora o Consello da Cultura Galega.

Inscricións ata o 6 de novembro: comunicacion@editoresgalegos.org

Avance do programa

Venres 9 de novembro

09:30 Recollida de documentación.

10:00 Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE

10:30 Conferencia inaugural: A comercialización do libro a través das canles das librerías. Desde o punto de vista da edición. Manuel Gil, editor

Presenta Manuel Bragado Rodríguez

11:30 Pausa Café

12:00 Panel de experiencias de éxito: A utilización das redes sociais nas librerías

Xosé Rodríguez Lois, de Redelibros ( Vigo)

Carlos Airas Cota, da Librería Airas das Letras (Allariz)

Damià  Gallardo, de Librerías Laie  (Barcelona)

Presenta Antón Lado

13:00  As feiras do libro, Antón Pedreira (Vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia)

Presenta Xulio Amigo

14:00  Remate xornada da mañá.

16:30  Mesa redonda: Os modelos de negocio das librerías.

Librerías Nobel- Grupo Arnoia (Pontevedra)

Enric Faura, de Edicat ( Barcelona)

Juan Carlos Febrero, Casa del Libro  (Vigo)

Carlos Coira Nieto, de  Libraría Trama (Lugo)

Presenta Laura Rodríguez.

17:30  Conferencia  O futuro da  librería,  Marià Marín i Torné,  Secretario del Gremi de Llibreters de Catalunya

Presenta Belén López

19:00  Conclusións

19:30  Remate da xornada. 

Fonte: AGE

Foto: Xunta

Inauguración da Feira do Libro de Fránkfurt

A Feira de Fránkfurt é o escaparate mundial do libro, o evento máis importante do mundo en materia de dereitos de autor. Miles de profesionais de todo o mundo achéganse a ela para mercar, vender ou visualizar as últimas novidades de formatos e contidos. Cada un dos seus enormes pavillóns conforma un mundo diverso e colorista con miles de referencias en todas as linguas do mundo. A revolución dixital voltará de novo para formar parte dos foros e debates de expertos e gurús do sector editorial e das novas tecnoloxías. Jürgen Boos, director da feira, comparou a situación do sector co “bigbang”, unha especie de explosión que cambiará a galaxia de Gutemburg, dixo. Recordou que o importante non era o soporte, senón as historias que se len neses soportes.

O país convidado da edición deste ano é Nova Zelanda, dende cuxo pavillóns se fixo unha presentación para a prensa internacional que cubre este macro evento.  O presidente do gremio xermano, que agrupa ao conxunto do sector do libro, Gottfried Honnefelder, foi o encargado de realizar esa presentación.

Contarán con stand en Fránkfurt Nova Galicia Edicións e Kalandraka, aínda que Baía Edicións estará presente a través da súa directora editorial Belén López Vázquez. Por primeira vez en moitos anos non haberá stand colectivo dos editores galegos.

Fonte: AGE

Primeira sesión de RedeCom

A Asociación Galega de Editores puxo en marcha unha Rede de Coñecemento Compartido, un instrumento que pretende contribuír á cultura do intercambio e a cooperación intrasectorial.

A primeira sesión terá lugar o 25 de setembro entre as 16:30 e as 19:30 nas instalacións do Consello da Cultura Galega e versará sobre a utilidade das redes sociais como instrumentos de promoción de marca. Comparten nesta sesión Antón Lado, director de  2.0 Editora, e Manuel Bragado, director de Xerais. Os dous editores son tamén directivos da AGE.

Un foro aberto que pretende implantar a cultura da cooperación e o intercambio intra e intesectorial. Unha ferramenta de utilidade para resolver e darlle resposta ás túas demandas profesionais. Un instrumento para o debate e a interacción.

Segunda sesión : 30 de outubro.

Fonte: AGE

Os libreiros do Morrazo ofrecen aprazamento de 6 meses para pagar os libros dos rapaces

A asociación de comerciantes do Morrazo agrupada en FECIMO, ofrece 6 meses de aprazamento sen intereses para pagar os libros para a escola. A iniciativa lévase andiante mediante a utilización da tarxeta Comercio, instrumento de compra da entidade  gremial.  Os libreiros da zona xa manifestaran a súa intención de non aplicar, polo momento, o IVE do 21% aos produtos de materiais escolar.

A subida do IVE afecta tamén ao libro dixital e vai ralentizar a súa comercialización creando un desfase moi relevante entre a oferta e a demanda existente.

Fonte: AGE

O PEN Club Internacional presenta un manifesto a favor dos dereitos lingüisticos

O PEN clube internacional fixo a presentación do Manifesto de Girona, un documento no que se aborda o estado dos  dereitos lingüísticos. O Manifesto incide en que “o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio”.

O documento basease na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e lembra que “toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa usada como oficial no seu territorio” e reclama que “o dereito ao uso e protección da lingua propia debe ser recoñecido polas Nacións Unidas como un dos dereitos humanos fundamentais”. Tamén incide en que o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade.

No acto estivo o presidente da Generalitat de Catalunya e foi coincidente coa xuntanza anual do Comitè Internacional de Tradución e Dereitos lingüísticos do PEN, que tivo lugar en  Barcelona esta semana e no que participaron dezasete países.

Fonte: AGE